A opinión dos docentes...non conta?

1 feb 2012

Imposturas



Manuel Menor Currás
Conta María Zambrano que, sendo nova, preguntoulle D. Manuel Cossío se prefería as ideas ou as persoas. A súa adolescencia, idealista como todas, contestou precipitadamente: as ideas. “Entón -engade- díxome, non sen algo de retranca: entón non debe vostede dedicarse xamais a ensinar. A autora malagueña naquel momento quedou moi impresionada pero, pasado o tempo, di que ao gran mestre daríalle igual a súa resposta “Creo ,-di en Hacia un saber sobre el alma (Alianza, 1987, páx. 179)- que o que seguramente me quixo suxerir era que só preferindo asemade, as ideas e as persoas, é dicir, soamente estando cheo de amor pola claridade ideal e pola súa encarnación na mente de cada home, se pode ser mestre”.
Vén a conto a anécdota ante as turbias posicións que toman con frecuencia algúns funcionarios-asesores en momentos de cambio, coas que evidencian os afectos reais que sempre tiveron. Nin as outras persoas nin as ideas parecen rexer as súas preferencias, senón máis ben o mero apego a postos, cargos ou encomendas que aparellan algún grao de poder, que estiman privilexiados. A súa dependencia dunha nómina oficial cren que tanto lles valida para unha opción política como para a súa contraria. Dado o caso, tamén valerían para a epicena. Co mesmo ardor tecnocrático defenden un ou outro modelo de xestión e actuación segundo quen meza o seu pesebre. Iso si, cada vez esquecen máis -ata non entendelo e desprezalo- o traballo básico polo que entraron a cumprir funcións na Administración: o de docentes no ensino público.
A transmutación que nalgúns destes exemplares se produce, especialmente cando levan longos e excesivos anos fóra da aula -e máis cando acadaron niveis 30 que lles distancian dos ordinarios que corresponden a profesores e mestres-, é similar á que presuntuosamente adopta o Sapiens-Sapiens respecto ao Predecessor de Atapuerca. Coma se nada tivese que ver ou pertencese a outra Galaxia, mírao con distancia e desprezo: - é que vós os docentes...?, para, a continuación, engadir calquera estupidez distanciadora e mostrar, ademais, nulo aprecio polo valor ou urxencias que poida ter o traballo de quen siga na brecha da docencia pública directa.
Para estes tipos, seguir a pé de clase e atendendo rapaces en circunstancias crecentemente febles, é unha inconsecuencia: non ten sentido. Mellor é deixalo dunha maldita vez e, se pintase a ocasión, cambiarse a outra cousa ou, en último termo, ansiar unha pronta xubilación. Iso non lles impedirá que se lles engole a voz falando do ensino e as súas virtudes, se os avatares dos seus novos mesteres o demandan. Pero aos poucos, os novos deberes e servidumes leváronos a esquecer todo aquilo no que se moveron un tempo, para bruñirse un perfil de eficientes executivos, ocupados en máis altos destinos e lealdades.
Ninguén se estrañe, pois, de que, sendo estas actitudes bastante habituais entre moitos que, hai anos, “desertaron do xiz” para ocupar postos dalgún potencial político, sindical ou do que for-, sexan especialmente reiterativas en momentos de cambio político profundo como o que está en marcha. No mixturado paquebote educativo-cultural-deportivo en que navegamos agora, e no das máis avezadas autonomías -donas reais do orzamento-, son perfectamente visibles e audibles para cantos teñan ollos para ver e oídos para oír. Moitos dos tripulantes que están aí levando a agulla de marear, co que din, deciden e, sobre todo coa habilidade que mostran para ofrecerse, servir e adaptarse aos novos detentadores da carta de navegación -o BOE e os seus arredores-, marcan en cada movemento unha crecente distancia respecto ao resto da pasaxe educadora e á xente do común: todos de terceira clase. Criamos que eran dos nosos, cómplices do noso mesmo oficio de ensinantes, que ían ser capaces de entender, polo menos, algunhas das nosas inquietudes e linguaxe, pero non: soamente se entenden a si mesmos e só atenden a como manterse nesas presuntas alturas do poder executivo e os seus circuítos de primeira clase, moi próxima sempre aos botes salvavidas.
Eles son os principais responsables, ademais, de que palabras que tiñan sentido noutros contextos, se desvirtúen cada vez máis e estean pasando a significar agora exactamente o contrario: liberdade, igualdade, calidade, cidadanía...son tan só algunhas delas. É de apreciar, neste sentido, como defenden agora o que antes deostaban e sempre sentíndose elixidos nese mester. Igual que toda servilleta que cre chegar a mantel. cabe interpretar que a súa verdadeira vocación é a de presumir de enxeño para rubir desde a nada e demostrar que sobrepasan ao resto dos docentes máis utópicos en sapiencia, voluntariosa sempre para non confundirse cos iguais. Se á man vén, ata se inventarán un pedigree particular co que soñan todas as noites, ascendidos da miseria proletaria á aristocracia funcionarial. No seu nome, aos outros mortais, inferiores por definición, parece que só lles competise escoitar pacientemente as súas cuitas e lamentar o stress profundo que os adorna de gravidade. Como o emperador espido, ignoran o pracer que lle causan a quen leva a contabilidade das estupideces que, co mareo das alturas, din e fan impunemente..., sempre ao servizo da patria, claro.
María Zambrano tamén advirte que “a verdade necesita dun gran baleiro, dun silencio onde poida apousentarse, sen que ningunha outra presenza se mesture coa súa, desfigurándoa”. Todo o contrario do que lle sucede ao fachendoso: “a vaidade -engade- é unha inchazón de algo que non logrou ser e ínchase para recubrir o seu interior baleiro... O fachendoso dirá todo o que debe calar pola súa falta de entidade..., e calará o que debe ser manifestado: calarao ou o desfigurará pola súa intromisión vaidosa”.
En fin, que ao ensino público víñalle ben -nos postos de mando e nos de máquinas- xente máis íntegra, máis sólida e segura, fiel ante todo ás esixencias da verdade democrática. Sobra a impostura de finxir que todos imos no mesmo barco e sobran, especialmente, estes engreídos en oferente dispoñibilidade para asesorar en como afundir un pouco máis este navío... de todos.
Madrid, 31/ 01/ 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario