A opinión dos docentes...non conta?

27 feb 2012

Pois serei o inimigo.

 

foto de Inma López Silva

Porque esgrimo libros contra cascos e fusís. Porque coido que as palabras dignas traspasan os escudos e dan máis poder cós cargos políticos. Porque anuncio que o saber é quen de nos facer libres. Porque sei que unha mentira repetida non é unha verdade pouco cuestionada. Porque creo no poder inigualable de tomar as rúas. Porque aprendín que as vítimas non son culpables, nin sequera de teren nacido. Porque creo en cidadáns que pensan, actúan e non calan. Porque digo que mexar por nós non é asumir que chove. Porque coido que as nenas de 14 anos non son obxectos débiles aos que agredir a paus. Porque sei que as nenas saben decidir como adultas sobre o seu ventre. Porque non quero ter fillos que crean que o silencio é o refuxio dos hábiles. Porque comprendo que maioría e abuso non son a mesma cousa. Porque escribo e son responsable diso. Porque leo Democracia con maiúscula. Porque parafraseo ao Che e aprendo que morrer de pé é mellor que vivir de xeonllos. Porque tamén eu me enfrontei aos coches dunha rúa, me pechei en edificios e perseguín políticos berrando ao mundo que tiña dereito a un ensino público mellor. Porque non pago impostos coma se tirara os cartos. Porque tamén son miñas as feridas dos nenos e nenas aos que tanto temen os que nos gobernan. Porque tamén eu quixera ter os seus pequenos corpos e os seus anos por diante para demostrar que o mundo e o futuro están nas miñas mans. Porque tamén a min os mozos me ensinan a pensar.
Debe de ser por todo iso, que tamén eu me enfronto aos que abusan do poder. E iso faime feliz. Pase o que pase e pese a quen pese, velaquí o inimigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario