A opinión dos docentes...non conta?

16 jun 2011

UNHA LECCIÓN NA RÚA


O día 15 de xuño, tal como tiñamos previsto, acudimos á concentración en Santiago de Compostela, para protestar diante da Consellería e do Parlamento.

As 10 en punto estabamos baixando do autobús en S. Caetano. Pronto os bombos e pandeiras se fixeron oír arredor do complexo e as consignas “Non somos marionetas”, “Mira, Mira que non ves nada”, “Mala educación, indignación”, “Conselleiro, dimisión” ecoaban na prácida mañá compostelá. Unha pancarta diante das portas da consellería reflectía o malestar dos manifestantes e as buginas e os pitos acompañaban o son dunha trompeta que chamaba a rebelarse diante deste abuso.

Catro policías situábanse na porta mirando entre curiosos e preocupados preguntándose que clase de manifestación era aquela con tanta música. Pronto tiveron ocasión de ver os panfletos e convencérense de que somos pacíficos, pero que non nos calamos. Os funcionarios que por alí pasaban collían con agrado os panfletos e, sen se saber moi ben como, algúns chegaron, moi cerca do despacho do director xeral... “mira, Mira, que non ves nada”. Corenta e cinco minutos de serenata na gris mañá compostelá e a policía que decide escoltarnos ata o Parlamento. Xa que van estar con nós pola mañá, dámoslles máis panfletos e deséxannos sorte. Se, no fondo...comparten a nosa indignación...pero teñen que disimular...eles fan como que son policías...e nós, que somos xente de teatro, sabemos que están facendo o seu papel.

Que recibimento na rúa do Horreo! Ao oír os nosos tambores achegarse pola rúa do Horreo moitos mozos que estaban alí concentrados acudían brincando a recibirnos, aplaudían e berraban acompañando o noso berro de indignación “Non somos marionetas”. Logo soubemos que eran indignados cun lema parecido “non somos pezas de xadrez”...Ritmos e máis ritmos, consignas e máis berros, cámaras de televisión, emisoras de radio, a galega, a voz , a cadena ser, ...todos os medios presentes a fotografar e fotografar...representacións dos institutos, pais, alumnos e profesores e no medio unha trompeta a soar...Faise o silencio, por fin,... todos ao chan, agachados...un mozo tirado no asfalto...boca arriba, e cunha trompeta nos beizos. Do instrumento saen as notas tristeiras dunha marcha fúnebre...a policía, sorprendida, non sabe moi ben qué facer e os reporteiros gráficos e as cámaras de televisión acoden para inmortalizar o instante. Que efecto escénico, tan interesante! Algo aprenderon estes rapaces...
Un estrondo enorme abouxa o ambiente cando remata a interpretación...e seguimos... Portovellooo, oe,.... Portovellooo, oe, ... Portovellooo, oe, ,... Portovellooo, oe, oe, oeee. Non ao peche do Portovello, non ao peche do Portovello....As nais que acudiron a concentración falan coas doutros centros e póñense en contacto para facer accións conxuntas. Bandeiras de sindicatos e cartaces que valen para calquera manifestación; só os do Portovello eran únicos e especiais, deseñados para unha ocasión única...unha lección de dignidade na rúa.

Dentro debatíase o noso problema, algúns profesores entraran como público e nós agardabamos a súa saída para saber o que pasara...Sobre as 12,15 Carme Adán, Carlos Aymerich e Guillermo Meijón saen a dar conta do acontecido, carreiras de xornalistas con micrófonos, cámaras e fotógrafos os arrodean. Carme Adán fai unha declaración institucional, que non puidemos escoitar polo ruídos dos indignados e... a cousa vai subindo de tono ata o punto de desviar a atención sobre o fondo do asunto...á unha discusión de rúa entre un indignado e un político. Os segundos de gloria que sairán nos telediarios recollerán a anécdota e non entrarán no motivo da protesta.

Isto dos mass-media ten moito de espectáculo...outra lección na rúa.

Con todo, nós non calamos...A chamada dunha trompeta á retirada...Portovello, oe,... Portovello, oe,... Portovello, oe,... Portovello, oe,...oe, oeeee. Non ao peche do Portovello, non ao peche do Portovello...

Na espera do autobús, Paquito o chocolateiro acode onda nós e unha sensación de satisfacción nos acompañará ata Ourense. Polo camiño gozamos do regalo que supón escoitar a Natalia cantando cancións de Whitney Houston, ou o seu famoso Aleluia que nos pon a carne de pita...Só escoitala a ela, xa paga a viaxe...Que luxo!

Chegamos ao centro de volta, xusto á hora de rematar as clases. O acontecido esta mañá quedará na nosa memoria e na memoria destes rapaces durante moitos anos...unha verdadeira lección de valentía, solidariedade, dignidade e compromiso na rúa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario