A opinión dos docentes...non conta?

26 jun 2011

POR QUE O CONSELLEIRO ESTÁ "NON APTO"?


Unha onda de mobilizacións estase a producir na ensinanza en Galicia, cando practicamente,  o curso xa está rematado. Este tsunami, que vai medrando día a día,  desatouse coas medidas que a consellería veu tomando nos últimos días en contra a ensinanza pública e dos docentes. A vaga ameaza con levarse por diante ao propio conselleiro. Nas anteriores mobilizacións, xa se escoitaron voces reclamando...conselleiro, dimisión; conselleiro, dimisión.   Na manifestación, do día 28, esas voces serán un clamor...

Mais...qué pode suscitar esta indignación por parte dos docentes? Que fai que xente bastante reacia a se manifestar e a participar en protestas erga a súa voz e se rebele contra as medidas tomadas pola consellería?...A resposta está nos propios feitos; na maneira en cómo se producen; na imaxe que se traslada a sociedade do labor dos mestres; da concepción  preconstitucional das relacións laborais; do desprezo pola normas de xogo e dos acordos acadados...

O conselleiro e o seu gabinete suspenden sobre todo...en actitudes; porque non se pode publicitar nos medios de comunicación algo que se ten que comunicar nas mesas de negociación, menosprezando, como se fai, aos representantes dos docentes para lles dicir que acudan a mesa pero que non hai nada que acordar. Esta actitude, de prepotencia, ignora un dos máis elementais principios que rexen as relacións entre as persoas: o respecto polos demais. É este un obxectivo elemental que os docentes tentamos inculcar nos nosos alumnos dende a idade máis temperá...pero que nalgúns casos, como este que nos ocupa, non conseguimos. A consellería evidencia non ter respecto polos traballadores, nin polos seus representantes.

Escola integradora, escola segregadora...os modelos que se transmiten.

Se a cualificación en actitudes lle temos que engadir a de valores e normas,  a avaliación vai a peor; porque o que está a transmitir o conselleiro coas súas actuacións públicas é un tipo de ensinanza segregadora, elitista; probablemente copiada da onda de Madrid, que trae modelos baseados na paranoia da excelencia. Consciente ou inconscientemente, evidencia un descoñecemento absoluto dos valores que un sistema público de ensinanza debe transmitir: a tolerancia, a aceptación das diferenzas,  a multiculturalidade e o pleno desenvolvemento das capacidades de todas as persoas independentemente das súas circunstancias sociais e persoais. É dicir un sistema inclusivo, non exclusivo, integrador, non segregador. A diferenciación por razóns de sexo, de procedencia social, por capacidade intelectual...leva a un tipo de modelo social, que moitos de nós criamos, xa superado hai tempo.

No tocante as normas, a consellería xoga co campo enlamado. Deseña estratexias para acadar os seus fins co menos custo posible...moitas veces raiando coa demagoxia. Oculta os seus plans ata o último momento, ignora os informes do Consello Escolar e xoga cos tempos das vacacións para publicar os seus decretos de obrigado cumprimento. Coas súas normas, obriga a profesores e alumnos a acatar decisións non desexadas, que se poderían ter evitado, cun pouco de flexibilidade e carácter dialogante.


Verbo aos coñecementos o conselleiro non acada o nivel desexado, porque descoñece o seu papel institucional, porque ignora cal é a función dun conselleiro de educación; porque prioriza erroneamente os investimentos. Un conselleiro de educación de Galicia non é o mesmo que un conselleiro de educación de Castela A Mancha, poñamos por caso. Que os diferencia logo?...Fundamentalmente, que nós, polo noso Estatuto de Autonomía, temos unha lingua propia, e que esta, segundo a Constitución será obxecto de especial respecto e protección. Ignora o mandato legal que ten polo propio  Estatuto, como poder público que é, de potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Descoñece, ou quere descoñecer, a aínda vixente Lei de normalización lingüistica do ano 1983, e cunha visión absolutamente simplista, pretende erradicar do ensino a palabra normalización, confundindo os termos e creando un problema onde non o había. Un conselleiro está na Consellería de Educación para resolver os problemas da Educación, non para crealos.


Pretende que as funcións do prefesorado sexan dar servizos complementarios como transporte ou comedor, e confunde a educación coa custodia dos nenos. Un mestre ou unha mestra, son profesionais formados para lles transmitir  aos seus alumnos coñecementos, actitudes, valores e normas (competencias, na terminoloxía actual...) pero non para ter que alimentalos, ou gardalos nos tempos anteriores ou posteriores...


Ignora ou, quere ignorar, que as realidades dos centros educativos son moi diversas; e que non é o mesmo un centro -mesmo privado- no extrarradio que no centro-centro; nin é o mesmo un centro no rural que na cidade. Simplifica os seus argumentos, dicindo que douscentos metros que separan dous centros non é nada. Douscentos metros poden ser un abismo. Douscentos metros, é o que separa dous centros, como poden ser C.Cisneros dos HH. Maristas. Douscentos metros é o que separa unha oportunidade, de un fracaso seguro...


Á vista de todo o exposto, só cabe unha cualificación: NON APTO.

O día 28, moitos profesores poranlle a nota en Santiago.

Conselleiro, dimisión...será un clamor

No hay comentarios:

Publicar un comentario