A opinión dos docentes...non conta?

10 jun 2011

Estamos pechados!


Diante da negativa da Consellería de Educación a retirar ou adiar a aplicación do decreto na mesa sectorial que se levou a cabo esta mañá en Santiago, un grupo de profesores e alumnos do IES PORTOVELLO, permanecemos pechados no centro como medida de protesta.

Consideramos que a medida foi tomada de maneira precipitada e sen respectar os dereitos de profesorado e alumnado. Por outra banda, a actitude da Consellería non entrando a negociar ningún aspecto do decreto e levándoo á mesa sectorial logo de telo xa publicitado nos medios sen contar co profesorado e o alumnado, vulnera os máis elementais principios que se deben ter en conta en calquera modificación dos condicións de traballo e, por suposto, causa uns graves prexuízos ao alumnado que se ve forzado a cambiar de centro sen posibilidade de elección, nun momento en que a súa formación é decisiva para o seu futuro profesional e persoal.

O feito de pretender enmascarar esta medida coa creación de centros integrados para potenciar a Formación Profesional non é máis que unha cortina de fume que pretende ocultar o que en realidade é unha reconversión de postos de traballo para aforrar postos docentes o que, sen dúbida, produce un deterioro da calidade do ensino e das condicións nas que se debe desenvolver a docencia. No noso caso concreto do IES PORTOVELLO, para a reconversión arguméntase o baixo número de alumnos, cando non é certo, posto que nos últimos anos vense producindo un aumento progresivo e hai dous anos que o centro imparte a modalidade de Bacharelato das Artes Escénicas, Música e Danza, sendo o único centro da provincia que o ten, de xeito que acoden alumnos de moitos puntos da provincia e mesmo doutros lugares como Monforte. Por outra banda, un grupo de alumnos, segue o bacharelato musical, con adaptación de horarios para que poidan compaxinar a asistencia ao Conservatorio coa presenza no instituto nas materias comúns e especificas.

Ante esta situación, o alumnado, vén manifestando a súa protesta diante da Xefatura Territorial de Educación nos últimos días e continuará na semana que vén. Os pais en asemblea celebrada onte día 9 acordaron apoiar as mobilizacións de alumnos e profesores e participar co resto dos centros afectados nunha concentración en Santiago o vindeiro mércores. O luns día 13, ás 19 horas está prevista unha manifestación no parque de S. Lázaro diante da Subdelegación do Goberno á que están convocados todos os centros docentes e durante toda a semana, haberá mobilizacións.

Por outra banda e tendo en conta as datas finais do curso no que estamos e as graves repercusións que estas mobilizacións poden ter na terceira avaliación e na avaliación final, un grupo de profesores acordamos permanecer co peche durante as tardes da semana que vén para dar clases de apoio aos alumnos que queiran asistir e manter as mobilizacións e manifestacións que os alumnos teñen previstas durante a semana.


O profesorado o IES PORTOVELLO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario