A opinión dos docentes...non conta?

28 jun 2011

REQUIEM POLO IES PORTOVELLO



Hai persoas que son recordadas toda a vida pola súa valía, polo seu talento, a súa forza, o seu compromiso, porque se fixeron a si mesmos e foron, ante as adversidades, incansables e firmes na súa batalla persoal e vital. Son recordadas especialmente cando se van, cando deixan de existir.

Un centro educativo non son catro paredes, coas súas aulas e os seus recursos, máis ou menos cuantiosos, e as súas instalacións, máis ou menos provistas; é un conxunto de persoas que proporcionan a esa materia todo o esforzo, a valía, o talento, o compromiso e a dedicación necesarios para formar a cidadáns responsables e capaces como sustento dun futuro mellor.

Iso eran o IES Portovello e o resto de centros que foron condenados, sen máis contemplacións, a un peche irrevogable. E cando un centro deixa de existir... quen recorda todos eses esforzos e esas, sen dúbida, magníficas calidades? Se nin sequera se tiveron en conta en vida...como se van a encomiar na morte?

A todas esas persoas que son un centro, que hai pouco máis de vinte días quedaron perplexas coa noticia do peche, como queda un anonadado ante a morte repentina dun ser querido, ninguén veu a dicirlles nada, a explicarlles nada, a animalos ante o futuro incerto; foron xulgados sen ningunha posibilidade de defensa e sometidos a unha sentenza firme e severa. Ante ese silencio por parte da Administración sentíronse desprezados, rexeitados, humillados e burlados.

O conselleiro nas súas manifestacións públicas fai gala dunha exquisita sensibilidade e unha esmerada educación. É sensible e educado pechar portas e impor decisións, cercenar o dereito á liberdade de alumnos, pais e profesores, dar a calada por resposta, non atender as queixas dos seus traballadores? É sensible desprezar o traballo de tanta xente? Como pode falar, tan lixeiramente, con esas actitudes, de responsabilidade, de deber, de dignificar a figura do docente? Xustifícase, como non, coa crise e para poder durmir un pouco máis tranquilo enganando á opinión pública que xa pensa que nos queixamos moito, que somos uns privilexiados, que non sabemos o que é traballar de verdade.

El non se merece máis liñas; sen embargo, para facer unha reseña de todas as persoas que pasaron por aquí necesitariamos moitas páxinas e moito tempo. Estas últimas letras queren ser o recoñecemento a todas elas. Alumnos que foron e son responsables e valentes, consecuentes, máis ou menos talentosos, pero todos valiosos; pais que axudaron e apoiaron o labor docente e profesores cheos de entusiasmo que defenderon, e seguirán facéndoo (aínda que algúns aínda non saiban onde) co seu traballo, co seu talento, coa súa valentía e coa súa forza o verdadeiro espírito do ensino público, aínda que ao cabo,ninguén os recorde nin poidan escoitar unha palabra de ánimo e esperanza.

A todos, grazas e que o IES Portovello descanse en paz.




No hay comentarios:

Publicar un comentario