A opinión dos docentes...non conta?

30 jun 2011

O que o conselleiro lles escribiu aos docentes...a véspera do 28.

Conselleiro de Educación <nonresponder@edu.xunta.es>
Estimado/a docente:

Diríxome a ti para agradecerche o especial esforzo realizado ao longo deste curso que agora remata. Apoiar con tempo e formación as iniciativas educativas que a administración está a emprender na procura da excelencia demostra a túa implicación e un interese no alumnado que non queremos deixar de recoñecer.

Sen embargo, non se che esconde que a actual situación de cambio debuxa unha sociedade en tránsito, cun escenario que en nada semella ao de hai uns anos. Pasados os tempos de bonanza, a todas e todos os cidadáns se nos esixe un importante esforzo de adaptación á nova realidade.

Como docente, son consciente de que a educación se atopa sempre no punto de mira da sociedade. Os ensinantes, como principal axente do sistema público educativo, dedicades todos os vosos esforzos á formación dos máis novos, construíndo a diario os piares para o desenvolvemento da sociedade.

Por esa razón, día a día o papel dos educadores é máis importante e a sociedade esíxenos máis, aínda que os recursos son limitados. A nós, como xestores públicos, correspóndenos a tarefa, difícil á veces, de acadar un equilibrio entre as obrigas da maior esixencia social e a excelencia educativa que é o noso obxectivo. Conxugar as necesidades do noso alumnado, as peticións das familias e as lexítimas aspiracións do profesorado é sempre imprescindible, pero máis aínda nos tempos actuais.

Neste contexto enmárcase a medida de cambio de xornada lectiva, que se vai aplicar o vindeiro curso e coa que pretendemos levar a cabo as actuacións que apoien e reforcen a calidade a través da atención á diversidade, labores de apoio, desdobramentos, substitucións breves ou apoio a outros mestres, entre outros, que redundarán en beneficio do alumnado. Por iso quero pedirche, aínda que sei ben que supón un esforzo, a túa máxima colaboración na implantación desta medida.

Por outra banda, aproveito a ocasión para participarche que hoxe, no Parlamento, ven de aprobarse a Lei de Convivencia e Participación, que permitirá que os ensinantes teñamos o recoñecemento de autoridade pública, recollendo así unha vella reivindicación no camiño da dignificación do labor docente.

Non quero despedirme sen darche de novo as grazas por colaborar no esforzo colectivo que supón a procura da calidade e a excelencia educativa na nosa comunidade.


Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación

No hay comentarios:

Publicar un comentario