A opinión dos docentes...non conta?

3 jul 2011

PLENO DO CONCELLO. MOCIÓN SOBRE O PORTOVELLO.


 O que a curuxa viu no pleno do dia 1 de xullo e os xornais non contaron.
O primeiro día das vacacións, a curuxa dicidiu cambiar un pouco a súa actividade e non durmir pola mañá. Como é verán, todos os organismos están moito máis vivos e gustan de se manifestar tan pronto a luz do día aparece polo horizonte. A curuxa que sempre fai ao revés, nesta ocasión quixo facer como o resto dos mortais e viaxar cara o edificio máis nobre que hai na Praza Maior.

Había pleno por ser primeiro venres de mes e a curuxa acomódase no “poleiro” para ver o espectáculo dende a barreira e observar o que os representantes municipais fan cando se reúnen para falar e falar. Preside o salón un grande retrato do rei e unha pantalla grande de televisión onde se pode ler “Ourense, cidade wifi”. Que modernos, son estes gobernantes -pensa a curuxa-. Tamén hai moitas cámaras e... máis micrófonos ca persoas. Puntualmente os protagonistas van entrando e saúdan. O grupo máis ruidoso sitúase á dereita da presidencia, uns van diante e outros detrás como escoltando. Ao final entra o máis pequeno e saúda en voz alta: Buenos días, nos dé Dios.

Coma uns árbitros, entran os que se sitúan na presidencia e saúdan aos xogadores. Parecen seguros de si mesmos coma se xogasen na casa. Nas súas facianas reflíctense certos sorrisos de satisfacción.
O público tamén se sitúa “no poleiro”. Entre a xente hai algún exconcelleiro e dous policías acomódanse cerca da porta por se cómpren os seus servizos. Van ser expectadores dunha representación da manifestación do poder popular. A un pequeno movemento do concelleiro máis pequeno, unha voz escóitase polo baixo entre o público “o outro dando ordes, por detrás, coma sempre...”. Por detrás dos concelleiros, no salón colócanse seis ou sete xornalistas comodamente sentados e tres cámaras non perden nin sequera un xesto dos protagonistas.

O árbitro manda comezar o xogo. O primeiro en darlle un punteirazo ao balón será o Sr. Jácome que manda corrixir un erro que se produciu na acta anterior. O árbitro toma nota. Despois intervén outro concelleiro. Non é moi grande e ten barba branca. A curuxa non sabe moi ben o porqué, pero recórdalle a aquel ananiño do conto Branca de Neve, que lle chamaban Gruñón. Polo seu ton, parece enfadado, porque non o chamaron antes para reunirse, e... bérralle ao árbitro “Cando os que mandan perden a vergonza, os que obedecen perden o respecto”. Parece que lle gusta facer citas. O árbitro mándalle ao seu secretario, dar explicacións. O secretario explica e explica e mentres... os concelleiros aproveitan para ver os seus móbiles, atender as mensaxes e chatear...Que modernos, son estes gobernantes -pensa a curuxa-. Non perden un minuto. Algún destes aparellos acaban polo chan. Ao final todos votan o mesmo, e acabouse o primeiro acto.

Agora o árbitro manda comezar o segundo. Intervén unha concelleira loira que fala cunha voz un pouco engolada, demasiado enfatizada, nunha xerga retórica que á curuxa lle parece que só entende ela. Parece nerviosa...debe ser a primeira vez que intervén no pleno. O ton e excesivamente monocorde e tenso.

Dálle reposta nun ton garimoso e comedido o concelleiro que se sitúa xusto enfronte, na diagonal da concelleira loira. O ton é amistoso, conciliador, mesmo bondadoso...sitúase nun plano superior de ensinar ao que non sabe, mesmo ás veces parece que está dando unha lección... Á curuxa tamén lle recorda a algún dos personaxes de Branca de Neve, pero non sabe ben se situalo entre O Sabio, ou O Feliz. O ananiño das barbas brancas de novo lle retruca e rífalle ao Sabio pola súa actitude.

Outra concelleira, loira, pero menos, e máis delgada, quere un Concello “transparente” e explica que é o que se ten que facer para iso: publicar mensualmente na páxina web, os gastos que o Concello ten. O Sabio, explícalle que iso non é posible e dende o seu pedestal de sabedoría en ton paternalista ofrécese a darlle explicacións en privado, aínda que tamén aproveita para rifarlle “garimosamente” por usar a expresión “gastos desmesurados” que non pode admitir. Os do grupo do das barbas brancas queren o mesmo pero cada catro meses. Como na súa resposta O Sabio aludiu a outras institucións nas que gobernan os outros, o máis pequeno de todos, quere tomar a palabra para dicir que na “súa institución” dánselles as fotocopias dos expedientes a todos os deputados que as pidan...máis transparencia non pode haber. Agora establécese un campionato de “tranparencia” e a concelleira que senta a esquerda do árbitro, di que os do seu grupo xa eran “transparentes” hai moitos anos...mentres se explica, o pequeno vai rachando uns papeis que traia no peto, e outra concelleira colle o teléfono para atender unha chamada (sería moi urxente... -pensa a curuxa--). O árbitro pon fin a discusión e manda votar. A proposta será rexeitada.

Comeza outro acto. O protagonista será o das barbas brancas. Agora rifa polo cuartel de S. Francisco e a concelleira que se senta a esquerda do árbitro tenta calmalo dándolle uns papeis; pero estes papeis aínda o cabrean máis porque son doutra cousa (son da depuradora). Despois de moito discutir con outra concelleira que el chama Sota, pero que se apelida Soto, acaban todos votando favorablemente a moción con algunha pequena emenda. O mesmo que ocorreu coa da depuradora, so que neste caso o que tivo que dar as explicacións para calmar ao das barbas brancas foi o árbitro, dicíndolle que non escoitaba e non puña atención ao que se lle explicaba; por exemplo que non se pode poñer unha depuradora nunha montaña, o cal irritou aínda máis ao das barbas, porque xa o sabía, xa que segundo dixo gustáblle ir moito alí a escoitar o sermón. (?)

E chegamos ao acto que máis lle interesaba á curuxa. Era unha moción que levaba outra concelleira, neste caso de pelo loiro, pero rizado. Trataba, en resumo, de pedirlle ao pleno unha resolución para que os alumnos do Portovello, continuasen no centro un ano e, durante ese ano, establecer conversas cos afectados para chegar a solucións consensuadas. Despois dunha breve exposición do problema, con algunha valoración sobre a educación pública, recibiu cumprida resposta por parte doutra concelleira, morena neste caso, que vestía un cinxido vestido vermello e que sentaba a dereita do das barbas brancas. Como se a actitude do das barbas se contaxiase, comezou tamén rifándolle á concelleira que propuxo a moción. “Mal empezamos” -lle dixo- e imos votar en contra. Explicou que o que dicía a concelleira non era certo, porque os alumnos teñen praza no centro “As Lagoas” que está a menos de douscentos metros onde se crearán tres unidades máis; que os profesores non serán desprazados, que teñen praza en Ourense e poden ir a outro instituto, que o centro Portovello será un centro integrado orientado ao traballo e á empresa e que o seu partido opta polo emprego...A curuxa pensaba...Onde oín eu antes estes argumentos? Non sería no despacho de Rogelio Martínez?

A concelleira que propuña a moción, entristecida, tentaba convencer cun ton lastimeiro a outra que se vía arrogante e triunfadora. De novo, na réplica, cargaba máis as tintas... Onde estaba vostede cando lle descontaron os cartos aos profesores?...Nós queremos a participación dos pais, por iso acabamos de aprobar a Lei de convivencia e participación. Apoiamos aos alumnos, apoiamos aos profesores... O centro Portovello, vai ser un centro de referencia. Expresamos o noso total apoio ao profesorado do Portovello...

A moción foi aprobada con dezaseis votos a favor. E os que dicían que expresaban todo o seu apoio..., votaron en contra...

Neste intre os ollos de curuxa abríronse e acadaron unha dilatación esaxerada. A cabeza dáballe voltas arredor, coma se dun carrusel se tratase. Non podía saír do seu asombro...Acordou marchar canto antes daquel perigoso lugar. Afortunadamente topou unha fiestra aberta cerca do “poleiro” e dende a soleira da ventá aínda escoitou ao Jácome preguntarlle ao alcalde polo futuro tranvía de Ourense e ao das barbas brancas postularse para xefe da seguridade cidadá.

Camiño da sobreira, a curuxa ía pensando ...Quen lles fará os argumentarios a estes concelleiros?

No hay comentarios:

Publicar un comentario