A opinión dos docentes...non conta?

10 jul 2011

Máis réplicas ao Sr. Conde-Corbal.

 MENOSPREZO AOS DOCENTES.
Autora: Paula Barbeito García (Sigras. A Coruña)
Publicada o 10 de xullo de 2011 en La Región.


Segundo a súa columna de opinión, publicada por este diario o día 3 de xullo, o señor Conde-Corbal acusa ós profesionais do ensino de estar en pé de guerra, e non a pé de aulas, dicindo ademais que mentras facemos a protesta estamos de festa. Pois ben, quixera darlle réplica a este señor, xa que consideramos que os docentes estamos sendo menospreciados e humillados de xeito continuo polo actual Goberno e pola sociedade en xeral.

En primeiro lugar, quixera dicirlle que moitos de nós, docentes, profesionais do ensino, profesores, mestres ou educadores, como teña a ben nomearnos, non estamos vacacionando, ou de festa, como di o señor Conde-Corbal. Moitos de nós aproveitamos estes meses de verán para formarnos: cursos no estranxeiro para perfeccionar idiomas, sobre novas tecnoloxías e o seu uso levado á aula. Outros tantos están opositando, e non por ter a opción dun traballo estable, senón pola ansia de transmitir, de cambiar cousas, por pura vocación. Moita xente está estes días pasando as probas de acceso á función pública do ensino non universitario. Son xente que está moi preparada para enfrontarse ás aulas, con ganas de traballar, de introducir unha metodoloxía novidosa no proceso de ensino-aprendizaxe, de facer que os alumnos e alumnas descubran un novo xeito de ver a educación, que descubran as súas ansias de saber máis, e non quedarnos en meros transmisores de coñecementos.

En segundo lugar, quixera recordarlle ó señor Conde-Corbal que está demostrado que a docencia é unha das profesións que máis estrés acarrea, xunto coas profesións da rama sanitaria. Segundo o psicólogo Guillermo Ballenato Prieto, o docente enfróntase diariamente cun elevado número de alumnos e alumnas cun tamén elevado grado de desmotivación e desinterés, ademais de todos os conflictos e problemas de conducta ós que temos que dar solución e intentar cambiar, cousa que non sempre se consegue. Ver que o teu traballo e esforzo non dá os seus froitos, é algo frustrante. Que o esforzo en buscar unha metodoloxía máis dinámica e activa na aula o único que provoca é que se impliquen aínda máis os que xa estaban implicados. Se hai sorte, pode que 'pesquemos' a algún máis, e que lle entre a curiosidade de saber de que estamos a falar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario