A opinión dos docentes...non conta?

30 jul 2011

Un método alternativo de ter praza escolar...

Manel Antelo reflexiona neste artigo sobre os métodos, non exentos de certa picaresca, de obter praza no colexio desexado... Propón un método alternativo que sería moito máis doado efectivo e xusto...

Asignando as prazas escolares

Data de publicación:
Sábado 30 de xullo de 2011. La Voz de Galicia.
Todos os anos polo mes de xuño publícase a relación de nenos admitidos nos colexios públicos e privados concertados. É o colofón dun proceso de planificación que, ademais de longo e penoso para os afectados, ten limitacións e, polo tanto, é mellorable.
O sistema é defectuoso porque induce aos pais involucrados a comportarse de forma «estratéxica» (non revelando as súas verdadeiras preferencias respecto dos colexios, empadroándose indebidamente, etcétera) e é pouco equitativo.
Aínda que pode variar entre comunidades autónomas, o sistema que se utiliza para distribuír aos nenos nos colexios públicos e privados concertados é, grosso modo, o seguinte mecanismo centralizado. Primeiro, os pais declaran a súa demanda elaborando unha lista de centros segundo a orde de preferencias. Despois, contabilízanse en cada un deles os solicitantes que o situaron como primeira opción: se hai exceso de demanda de prazas, puntúase a cada neno segundo teña ou non irmáns no colexio, a zona na que viva, o nivel de renda familiar, etcétera. Cantos máis puntos consiga, máis probable é que acceda ao centro elixido. Cos que non conseguen ingresar no colexio preferido, indágase se entran no segundo preferido, pero só se ten prazas vacantes logo de acoller os nenos que o elixiron como primeira opción. E así sucesivamente.
O proceso é un trámite para os pais de nenos con irmáns no colexio e que, ademais, vivan na zona de influencia. Aos demais indúcelles a adquirir información sobre a demanda de cada centro e os puntos que obterán os nenos competidores, e a ser «estratéxicos» para non sufrir penalización. ¿Como? Elaborando a lista de colexios de forma que non necesariamente sitúan en primeiro lugar o preferido, senón o que ofreza maiores posibilidades de entrada (en función da demanda que teña e os puntos dos outros nenos que o soliciten como primeira opción).
Este sistema é parecido ao existente en Boston (EE.?UU.) ata xullo do 2005. Conscientes dos seus defectos, as autoridades educativas pediron a un grupo de profesores de Harvard e Columbia que o mellorasen. O sistema que idearon foi que os pais fixesen unha lista con cinco ou máis colexios clasificados polas súas preferencias; logo, na primeira quenda, computaríanse en cada colexio os nenos que o seleccionaron como opción preferente e, no caso de que xurdise exceso de demanda, acudiríase á puntuación de cada neno. O que non conseguise entrar no seu colexio preferido pasaría a ser contemplado no segundo máis preferido, pero -e aquí reside a novidade do mecanismo deseñado- sería tratado nas mesmas condiciones que os que elixisen este colexio como o máis preferido. E así sucesivamente, ata conceder prazas a todos os nenos.
As vantaxes deste método son evidentes. Os pais poden revelar honestamente os colexios que prefiren sen verse tentados a ser estratéxicos. Dito doutro xeito, non necesitan distorsionar as preferencias, o cal redunda nunha maior igualdade de oportunidades. Xa se sabe que non todo o mundo ten a mesma habilidade para actuar estratexicamente.
Ademais, non é necesario gastar tempo e outros recursos en pescudar a demanda de cada colexio, nin a puntuación que obterán os demais nenos que o solicitan. Acceder a esta información tampouco está ao alcance de todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario