A opinión dos docentes...non conta?

12 jul 2011

Docencia de calidade

Autora: María Isabel Mouzo Ameijeiras
Publicada o 12 de xullo de 2011 en Faro de Vigo.


Señor conselleiro de Educación: 

Curiosa maneira ten vostede de entender a calidade. Para acadala, comeza por suprimir asesores nos Cefores, incluso pechar algúns deles e reducir as propostas formativas, sendo  esta é unha das vías pola que os docentes nos poñemos ao día, formámonos e preparámonos para impartir docencia con máis calidade.
Logo toma medidas unilateralmente, considerando que non temos voz nin representación sindical (aínda segue a ser un dereito, non e? ), como se fan as leis e tómanse as decisións nos rexímenes onde non hai representación parlamentaria.
Se cadra pensa que se nos sentimos ninguneados e temos que traballar máis horas e realizar tarefas non pedagóxicas, renderemos máis. Estará vostede a falar da relación calidade-prezo? Non pode deixar de resultarme curioso que ignore que ata as multinacionais máis rabiosamente capitalistas saben que a súa produción mellora canto máis coidados e ben tratados están vos seus empregados (que, en definitiva, son os que producen). Todo isto sen deixar de mencionar que para ter beneficios hai que investir (falando en termos empresariais, que é ao que queda reducido todo co neoliberalismo responsable da"crise").
Xa, para rematar de facernos medrar a autoestima, tenta convencernos do boa que é a lei de convivencia. Mire, a algúns de nós non nos interesa que se nos respecte só por ter ou cartel de autoridade. Curiosa maneira de confundir ou respecto co medo. Este tipo de "respecto" tamén me fai lembrar os rexímenes autoritarios. Para mín, o respecto non se pode impoñer, é un valor no que hai que comezar por dar exemplo.
Non sei..., nós teremos algo que dicir, non? Eu interpreto que se vostede  me envía un correo electrónico de xeito individual e persoal, estará aberto a ler a miña resposta sincera. Ou terei que calar e admitir tamén que a súa consellería ten unha curiosa maneira de contar, ou é que se enlea coas porcentaxes?... porque... mirou menos do 10% dous 15.000 convocados nunha mobilización onde todos os que estivemos sabemos que había cando menos 8.000. O que me resulta máis curioso é que a totalidade da prensa escrita ten reporteiros que se  enganan coas porcentaxes na mesma proporción que a consellería… Seguramente non gozaron dun ensino de calidade como o que se pretende conseguir dende a Administración.
Sen máis, despídome de vostede agardando a súa dispoñibilidade a escoitar as respostas dos que tentamos facer un traballo de "calidade" no día a día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario