A opinión dos docentes...non conta?

23 jul 2011

A xornada laboral dos mestres


José Gómez Penas

Publicada o sábado 23 de xullo de 2011 no Faro de Vigo.






Na carta escrita por Brais Alonso, este afirma que os mestres protestamos porque en lugar de estar 21 horas no centro de traballo imos ter que que estar 25. Paréceme que, do mesmo xeito que outros moitos, descoñece que a xornada laboral semanal dun mestre é e será de 37,5 horas, das cales permanecerá un mínimo de 30 horas no seu centro de traballo (das cales 25 serán lectivas).
Os mestres non só estamos en clase con alumnos, senón tamén preparamos clases, corriximos exercicios e exames, dinamizamos as bibliotecas escolares, formámonos en novas tecnoloxías (Abalar...), realizamos proxectos de formación en centros e grupos de traballo, realizamos múltiples papelorios que nos impón a Administración (gratuidade de libros de texto, avaliacións diagnósticas, programacións didácticas, elaboración e revisións de proxectos educativos de centro e proxectos curriculares, informes individualizados de alumnos, adaptacións curriculares a alumnos con necesidades educativas especiais), asistimos a reunións de claustros de profesores, equipos de ciclo, atendemos a pais, formámonos con novas tecnoloxías, etcétera.
Obviamente, o tempo non dá para todo e tamén dedicamos, do mesmo xeito que Brais, moito tempo de sábados e domingos para realizar tarefas relacionadas co noso traballo. En moitas ocasións, traballamos bastante máis de 40 horas semanais.
Este incremento de horario lectivo suporá a redución de horas a outras actividades e, por tanto, non se poderán realizar, cun mínimo de calidade, actividades tales como dinamización de bibliotecas escolares, participación en proxectos con novas tecnoloxías (Abalar), impartición de materias nun idioma estranxeiro (prazas bilingües,...). Ademais, este incremento provocará unha gran perda de postos de traballo e unha diminución da calidade, posto que a consellería non cubrirá moitas das baixas do profesorado e, por conseguinte, moitos alumnos estarán atendidos por múltiples profesores que teñan ocos nos seus horarios, pola ampliación deste horario lectivo, privando aos nenos máis pequenos dun profesor estable.
En definitiva, os principais prexudicados con esta medida serán os alumnos, ademais dos mestres que quedarán no paro, e, que, polo que insinúa Brais Alonso, as súas protestas denotan unha falta de vocación (opinión que, obviamente, non comparto).

No hay comentarios:

Publicar un comentario