A opinión dos docentes...non conta?

19 jul 2011

Servizo público indispensábel

Artigo de opinión publicado por Manuel Menor o 18.07.2011 no Xornal.com.

Por fin saíu alguén dicindo algo sensato: en educación non se necesitan novas leis, senón decisións concretas e realistas. Se a queremos mellorar sensibelmente –aseguraba o pasado día nove Rubalcaba- habería que dispor reforzos para os cativos con problemas, frear o abandono escolar e xestionar mellor os recursos. Tamén avogaba por unha selección dos profesores en certos aspectos similar á que os médicos acreditan exitosa no seu.
Como tendencia, xa é saudábel. O normativo parecía ser –por reiterada costume das sucesivas alternancias de goberno habidas desde a Transición, e abundante tradición desde a Lei Moyano- acreditar preocupación pola educación a golpe de BOE. Esa obsesión cubriulle o expediente a moitos ex-ministros responsábeis e aos seus gobernos respectivos, cando non por moito lexislar mellora necesariamente o sistema. Para conseguilo fan falta, efectivamente, políticas que incidan na realidade e bo é que se recoñeza nas estratosferas do poder político.
Pero haberá que ver até onde chega esta perspectiva para que non quede en expectativa oca. Xa sabiamos que as leis mellor intencionadas vólvense inanes se as maneiras de executalas as contradin Tamén nos ensinaron que hai pactos difíciles. Que o MEC pode seguir tendo licenza para o abandono de competencias ou exercitarse en que non se produzan disparidades tan desconcertantes como inxustas, un asunto nada anecdótico causante de múltiples distancias dunhas a outras partes do noso país en resultados educativos e de que se desvirtuaron de raíz elementos claves do sistema.
A estas alturas, xa aprendemos que nas políticas educativas mandan gobernos autónomos que non necesitaron leis para que aspectos vitais da educación se freasen en seco. Con decretos, circulares e decisións estratéxicas nos orzamentos, converteron a igualdade educativa en mera ficción para as clases populares e os seus fillos.
As reducións de persoal, a suspensión das tutorías, o aumento de horas lectivas aos profesores, son a moda en enxeñaría innovadora, con repercusión principal na escola pública: cousiñas concretas que hai que engadir a outras ben recentes do ano pasado e doutros anteriores, pois xa levan nisto varias lexislaturas. Insisto: non lles fai falta ningunha lei; sóbralles co regulamento, como aprenderon dos seus antepasados canovistas.
En consecuencia, se non se avanza máis aló, a mellora educativa seguirá relegada aos voluntarismos e a un fundamentalismo inmisericorde con quen máis a necesiten. Se non logran convencer a outras forzas políticas, sobran indicios para saber que todo seguirá igual.
Non nos enganemos: gran parte do problema é de cariz estritamente político. Por pouco aconsellábel que sexa dicilo así nun momento en que todos xogan ao trampantojo, xa me dirán que cambios se poden inducir se non se esixe aos implicados no sistema que acaten de modo práctico que a actividade educativa é un servizo público indispensábel -dito sexa para equiparar responsabilidades, en plan do ut deas.
Ou deixando intactos os gravames e sobrecustos que -polas relacións que o Estado queira soster co Vaticano- repercuten sobre o sistema en horarios e en persoal. ¡Atención ao guión desta serie inacabábel!

No hay comentarios:

Publicar un comentario