A opinión dos docentes...non conta?

15 jul 2011

Sobra un modelo de ensino: o subvencionado.

Maltrato docente

Autor do comentario:
Modesto Rodríguez Centrón
Localidade:
Ventosela (Ribadavia)
Data de publicación:
Mércores 13 de xullo de 2011. La Voz de Galicia.
Querido columnista Clodomiro Montero e resto da cidadanía, sinto esa análise tan inxusta do labor dos mestres galegos. No ensino público non hai moito haragán indolente. Certo é que algún haberá. Pero nin son maioría, nin son máis que noutras profesións. Diferenciar neste tema entre ensino público e privado paréceme errado. O ensino público alberga á maioría dos nenos con necesidades, aos máis desfavorecidos e aos de procedencia estranxeira.  Isto supón un esforzo e unha carga de traballo maior que os centros que teñen unha tendencia elitista encuberta e son sufragados con fondos públicos. É tamén un erro moi estendido entre os alleos ao ensino, que o labor do profesorado remata coa súa carga lectiva. A maiores das 21 ou 25 horas de docencia, en primaria, temos 5 horas máis para preparar clases e materiais, desenvolver diferentes proxectos dinamizadores, atención a pais, reunións de ciclos, claustros, comisións de coordinación pedagóxica, consellos escolares e unha morea de actividades que en numerosas ocasións superan ese tempo de dedicación horaria. Ademais, fanse cursos de formación tanto dentro do colexio como nos centros de formación do profesorado ou vía internet. Sen esquecer o número de horas extra nas saídas didácticas e excursións que en moitas ocasións superan o horario lectivo. Tampouco debemos esquecer o traballo que xera a preparación de festivais, Entroido, Letras Galegas, revistas escolares... Esas horas sen docencia directa que agora nos quitan estaban a ser dedicadas a planificar un feixe de proxectos que poden desaparecer coa nova normativa. Comparto a idea de que coa baixada da natalidade sobra un modelo de ensino. O subvencionado. Nunca entendín que se puidera facer negocio coa educación. Esta Consellería vende como calidade o incremento de carga lectiva. Di que o fai para que haxa máis horas de apoio a alumnos con necesidades sería así se non estivera suprimindo mestres en múltiples centros. Ademais, suprime mestres de Pedagoxía Terapéutica, encargados de facer unha boa parte deses apoios, pois son os que máis formación teñen para realizar ese labor. Se o obxectivo da Consellería é mellorar a calidade do ensino en Galicia, por que permite que o profesorado provisional e interino imparta Especialidades para as que non ten formación. Por que nas ratios de alumnos por aula non contan os que repiten curso. Por que non lles importa que parte do noso tempo de docencia o malgastemos en coidar as entradas e saídas dos alumnos transportados, cando iso o podía facer persoal laboral sen formación pedagóxica. Por que teñen aos equipos directivos sobrecargados con labores administrativos. Por que non cobren as baixas do profesorado de menos de 15 días de duración. Por que fomentan o servizo de catering nos comedores escolares cando é evidente que dan unha comida de peor calidade. Querido Clodomiro, que non te engane Jesús Vázquez. O noso veciño só se move por criterios de aforro. Con esta medida busca reducir gastos en detrimento da calidade do ensino. Apúntoche onde poderían reducir custos: nas infladas concesións de obras escolares. No transporte escolar, verdadeira mafia que cobra cantidades abusivas polo seu servizo. Por que establecen uns baremos tan altos que permiten que case todo alumnado galego coma gratis nos colexios a costa do erario público. Velaquí un feixe de flores que cheiran a podre e che invito a estudar, xa que decidiches internarte neste xardín. Un afectuoso saúdo dende a discrepancia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario