A opinión dos docentes...non conta?

27 jul 2011

O conto da investigación.

Publicada o 26 de xullo de 2011. En Xornal.com e Faro de Vigo.
Autoría: Julio Rodríguez López. Ourense

Bos días, presidente Feijóo. Este fin de semana vímolo entregándolle a medalla de Galicia a un investigador, e eu pregúntome, ¿non está a ser vostede un pouco hipócrita? Porque está vostede entregando un premio a un campo do coñecemento que por outra banda está a deostar. Este preciso ano 2011 no que vostede entrega premios á investigación e se saca fotos cos agraciados, á súa vez fulminou completamente o plan Incite de Galicia para a investigación, o único plan de investigación que existiu nunca na nosa comunidade e que estaba a nivel en canto a organización, planificación e potencial do que están outros plans similares en países como Reino Unido, Francia ou Alemaña, países onde o número de premios Nóbel deixa nun lugar totalmente ridículo a España, e non digamos a Galicia. Así que vostede cortou de raíz calquera posibilidade de que alguén poida facer investigación en Galicia. Si, é así, porque grazas a vostede moitos expedientes excepcionais, doutoramentos cum laude, experimentados investigadores con publicacións relevantes en revistas de prestixio internacional, relatorios en congresos mundialmente coñecidos, colaboracións coas universidades máis prestixiosas do mundo, ímonos de aquí. Ímonos ao estranxeiro porque nos dan traballo, porque alí recíbennos cos brazos abertos e case nos poñen unha alfombra vermella para que entremos nos seus laboratorios. Porque alí dannos proxectos, porque alí dannos futuro, e ademais alí cren niso. Mentres tanto, vostede aquí cauteriza completamente calquera indicio de innovación e desenvolvemento. Por favor, non insulte a nosa intelixencia, non sexa hipócrita. Comprométase con Galicia e deixe de dar discursos baleiros, porque se non o próximo en saír na foto connosco os investigadores e beneficiarse das nosas achegas non será nin vostede nin as súas amigotes, serán Barack Obama, Nicolas Sarkozy, Angela Merkel ou David Cameron.

No hay comentarios:

Publicar un comentario