A opinión dos docentes...non conta?

6 jul 2011

Cartas, cartas, cartas...

Autor: J.M. Garrido
(Ourense)
Publicada en "La Región" o 6 de xullo de 2011.


Sobre o asunto dos horarios, novas responsabilidades, etcétera, dos mestres de ensino primario e outros, quero comentar algo que 'esquecen' os responsables nas altas esferas deste ministerio ou consellería e que tratan de ocultar baixo a manta de 'mellorar a calidade educativa'e a tan manida crise. Por abreviar cito as seguintes: 
 
1) Non se pode falar de calidade cando se forza por medio dunha lei inxusta e irracional a ter nun aula de primeiro de primaria a 25 alumnos. As leis fanse a medida de quen as fai e baixo un  manto de legalidade pode ser inmensamente inxusta, separada da realidade e contravindo a suposta búsqueda da calidade educativa.

2) Non se pode falar de calidade educativa cando se suprimen postos de mestres, metendo un bocado enorme ó personal profesional e apto, demostrado por oposición e experiencia.

3) Non se pode falar de calidade cando os nosos soldos e condicións laborais, formativas, son cada día máis precarias suprimindo cursos de formación, facilidade de innovación e asistencia a centros para actualización.

4) Non se pode falar de calidade dun dereito público ganado con esforzo e loita cando se quita do público para engordar o privado ou chámelle... concertado. A educación non é un negocio, é un dereito.

5) Como calquera profesional doutra materia, os mestres están para ensinar, formar, educar e transmitir uns valores democráticos e de xustiza, tan mermados e pisados dende sempre e particularmente dende uns cantos anos; non somos gardiáns, nin todouso, igualmente que un xuíz non está na porta para dá-los saúdos da mañá. Para iso hai personal nos concellos, que sobran, e que tantas veces perden o tempo mirando cos brazos cruzados.

6) Un mestre é un funcionario do Estado, nunca dun partido nin goberno. Non suplicamos... máis ben esiximos o que nos corresponde por dereito, traballo, experiencia e lei.

E finalmente, os pais teñen moito papel nisto: non lles vaian reclamar ós mestres, que á fin son traballadores en contacto coa realidade social do medio, reclámenlles os órganos das instancias superiores que semellan vivir nun mundo afastado da realidade que pisamos os demais día a día (sendo ben pensados).


  1. A verdadeira calidade do Ensino Público

    Autora do comentario:
    Alicia López Regueiro
    Localidade:
    Vigo
    Data de publicación:
    Martes 05 de xullo de 2011. La Voz de Galicia.
    Coa presente carta quero manifestar o meu total desacordo coas últimas declaracións do Conselleiro de Educación ós medios de comunicación.
    Dende o inicio da presente lexislatura fóronse implantando medidas que van en prexuízo do ensino público: supresión do sistema de préstamo de libros de texto, redución de cadros de persoal, supresión de unidades (infantil, primaria, bacharelato de adultos?), nova regulación da formación inicial e permanente do profesorado, e moitas máis que se poderían enumerar.
    A última, e tememos que non derradeira, é o incremento da xornada lectiva do profesorado, argumentada, dende os responsables da Consellaría coma unha mellora da calidade educativa. Nada mais lonxe desa pretendida calidade, polas seguintes razóns:
    - O consenso sempre é mais productivo que a imposición. No ano 2007 foi subscrito un acordo que daba resposta a unha mellora das condicións docentes no Ensino Primario, acordo asinado de xeito unánime pola Administración e representantes sindicais, que agora ven ser anulado .
    - A proposta unilateral da Consellaría de eliminar este acordo e incrementar o horario lectivo, e o xeito en que isto está a ser presentado ós medios afonda no desprestixio da función docente, dando a falsa imaxe de que é o colectivo de profesores o que se move por insolidarios intereses gremiais, sen querer facer un esforzo en tempos de crise. Ese esforzo xa o levamos facendo coa sobrecarga de alumnado nas aulas e cos progresivos recortes salariais. Non se trata de traballar mais ou menos horas, senón do drástico recorte no cadro de profesorado que deixará ós centros sen medios.
    - O acordo de xuño de 2007 permitiu no seu momento que o profesorado poidese atender no seu horario, ademais de á titoría cos pais e nais, á realización das dinamizacións da biblioteca, recursos TIC, convivencia escolar, mellora da calidade educativa e dinamización de programas internacionais. Aínda que so señor Conselleiro di que coa nova orde se queren implementar estes servizos o efecto vai ser xusto o contrario, e todos estes servizos quedarán en precario, xa que o profesorado terá a súa xornada lectiva ocupada exclusivamente en clases e gardas, degradándose o resto de actividades á categoría de non lectivas.
    - A proposta da Consellaría busca en última instancia reducir o cadro de persoal dos centros, co que se dificultarán os apoios, cando as necesidades educativas os requiran, ou as substitucións en caso de ausencia do profesorado responsábel. Situación que queda ben lonxe da mellora de calidade que se pretende anunciar cara os medios de comunicación.

    Alicia López Regueiro.Profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES de Teis (Vigo)




No hay comentarios:

Publicar un comentario