A opinión dos docentes...non conta?

21 jul 2011

En España fan falta máis funcionarios

Autor: Isidoro Graza Praza
Publicada o 21 de xullo de 2011 no Faro de Vigo.

Adxudícase ao ministro de propaganda nazi a frase: "Unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade". Pois ben, todos os días e por todos os medios estásenos repetindo que en España sobran funcionarios, englobando en "funcionarios" a todos os traballadores públicos; os datos reais indican xusto o contrario, o que non é óbice para que se siga repetindo.
Tomando como fonte os datos da OIT (Organización Internacional do Traballo) e os informes oficiais da UE (Unión Europea) temos que España ten un funcionario por cada 19 habitantes, igual que Alemaña (1/19); estamos por baixo de Italia (1/18), Francia e Bélxica (1/12); Finlandia, Letonia e Malta (1/9) e moi lonxe de Suecia (1/8), que encabeza a clasificación. Tamén contan con máis funcionarios por habitante Portugal, Holanda e outros. Se pomos as cifras en relación coa poboación activa os resultados son similares, España o 12,5%, a media europea o 16%, en Dinamarca chégase ao 28%.
Por outra banda, os que insisten en pedir menos servidores públicos fano ignorando, ou ocultando, conscientemente, cifras básicas. Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA de xaneiro 2010), dos 2,6 millóns de traballadores públicos máis de 1,1 millóns traballan na educación e sanidade, que en España son públicas e de cobertura universal (100.000 máis traballan en universidades). Se sumamos as forzas e corpos de seguridade (300.000, incluídos os autonómicos), e outros servizos indispensables como Xustiza, Facenda e Seguridade Social (outros 100.000), o certo é que as posibilidades de recorte de persoal redúcense bastante. Hai que lembrar que en 2010 e 2011 só se vaia substituír un de cada 10 dos que se xubilen.
Tamén convén lembrar que a repartición é: o 25% traballa na administración local, o 52% en autonomías, o 22% na Administración central, e que un terzo deles teñen contratos precarios con soldos mileuristas.
Certo é que sempre se poderán recortar conserxes na Deputación de Ourense e algún cargo dos de confianza nas autonomías, pero non é menos certo que faltan médicos na sanidade, profesores no ensino, gardas civís e policías na seguridade, e moitos profesionais para a asistencia social, centos de miles no tema de dependencia e residencias, que deberían ser traballadores públicos. Por todo iso, e aínda que haxa que subir a presión fiscal (por exemplo ata preto da media da UE), eu son partidario de que haxa máis traballadores públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario