A opinión dos docentes...non conta?

3 may 2012

Malditos pensionistas!

Víctor González La Región 02-05-2012

Víctor González
Xa temos culpables. Xa era hora de que os atopasen. Non podían andar moi lonxe. Os servizos de intelixencia do Estado co Inspector Gadget e Anacleto Axente Secreto á fronte, descubríronos ao fin. Gotcha!

A culpa de que teñamos case 6 millóns de parados non se debe á burbulla inmobiliaria, nin ás axencias de cualificación, como insinuaron algúns malintencionadamente, nin aos soldos e plans de pensións dos políticos, nin aos rescates dos bancos ou as indemnizacións aos seus directivos, nin ao FMI, nin ás viaxes dos eurodiputados, nin ás subvencións aos amiguetes. Tampouco ás incontables obras faraónicas que se fixeron nos últimos anos, como a Cidade da Cultura, os aeroportos de Cidade Real, Huesca, Lleida, Castelló, León e Albacete ou o Porto Exterior da Coruña, por pór uns exemplos. Non. Todo iso era pecata minuta. Este Goberno, astuto como unha donicela ben adestrada, descubriu o pastel. A culpa é dos pensionistas. Díxoo, en voz alta e con todas as letras, a conselleira de Sanidade: 'Moitos pensionistas teñen auténticos almacéns de medicamentos en casa'. Si señor. Velaquí uns gobernantes que non teñen medo a dicir a verdade. Aínda que doa, que para iso hai Nolotil.

Todo encaixa. Os asaltos a farmacias dos últimos anos que traían en xaque á policía eran perpetrados por perigosos comandos de pensionistas. Agora sabémolo. Ocultos os seus rostros tras os pasamontañas de calceta que lles fixeron as avoas, ou con medias Wolford roubadas ás súas netas e kalashnikov en man, os nosos maiores, sen que o soubésemos, dedicaban a súa plácida xubilación a atracar farmacias por toda España. Os innumerables arsenais de medicamentos que descubriu a Garda Civil nos últimos días así o confirman. Algúns pensionistas do rural ata escondían zulos de medicamentos no monte ou baixo as cuadras das vacas e os porcos, coa complicidade deses simpáticos animais domésticos. Todo co sinistro obxectivo de acabar dunha vez por todas coa Sanidade Pública, á conta de deixala en números vermellos. ¡Malditos!

Por iso, cando vexa vostede a un ancián nun parque botando faragullas ás pombas, desconfíe. Tras o rostro bondadoso dese home aparentemente pacífico no outono da súa vida escóndese un delincuente, un antisistema sen escrúpulos que quere acabar con vostede e coa súa familia. Un terrorista desalmado e sen conciencia que Sintrom a Sintrom e Diazepam a Diazepam dedícase a dinamitar os alicerces da nosa sociedade, a desequilibrar a balanza de pagos e a destruír o estado do benestar. ¡Esperta cidadán, o inimigo está ao teu lado!

Xa só nos faltan carteis polas rúas do estilo 'Os roxos non levan chapeu'. Como creativo publicitario voulles a dar ás nosas autoridades o slogan feito. Non é tan elegante, pero si máis directo: 'O teu avó róubache'. Da ilustración... que se encarguen eles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario