A opinión dos docentes...non conta?

25 may 2012

EXCELENCIA

Rosa Enríquez

Rosa Enríquez. 
Publicado en La Región o 24.05.2012

Parece que a intención do Goberno, ao respecto das condicións esixidas para a concesión de bolsas de estudos universitarios, é a excelencia, algo non só desexábel, mais necesario. Porén, neste asunto, existe un problema de fondo ben oculto que non podemos obviar. Refírome á desigualdade derivada dunhas medidas que unicamente prexudican ao alumnado desidioso procedente de familias cun baixo nivel adquisitivo. Que sucederá, pola contra, con toda esa morea de fillos/as de 'gente bien' que non fai ren e pasa media vida estudando mediciña ou dereito, poño por caso, pero cuxos proxenitores poden pagar matrículas desorbitadas, amais de pensión ou piso? Seguirán quentando a cadeira nas aulas? Quen se ocupará de que 'estes pobres niños y niñas ricos' saian pitando da universidade? Como xustificar que un alumno mediocre con cartos continúe cos seus estudos e unha alumna mediocre con bolsa non? Se as axudas económicas foron pensadas para garantir a tan cacarexada 'igualdade de oportunidades', a dureza das medidas debería ser a mesma para todo alumnado, independentemente da capacidade adquisitiva. Así é que tanto a bolseira que non responde academicamente como o/a alumno/a con posíbeis, mais irresponsábel, deberían sufrir as mesmas consecuencias para que puidésemos falar de trato equitativo. Daquela, habería que botar fóra a toda esa panda de 'pijos/as inoperantes' que pasean polos corredores das facultades e dicirlles, sen ambaxes, algo como isto: 'Oiga, usted no puede continuar aquí porque no la marca. Váyase y déjenos trabajar.' Meditemos seriamente sobre o asunto. Cren de verdade que todas esas persoas que reciben bolsas de estudos, andan esvacalladas polo campus adiante sabendo que na casa as cousas están mal e teñen a familia pendente dos seus resultados académicos?

Eu, sinceramente, creo que non. Penso máis ben que son alumnos e alumnas de trato afábel, conscientes do que sucede, preocupados/as por sacar o curso adiante. Xa que logo, como responsabeis que son, ben se lles pode desculpar un erro, que, sen dúbida, subsanarán pola conta que lles trae. Esixir máis requisitos académicos a unha bolseira do que ao resto do alumnado faise, francamente, inxusto. Non era 'xustiza' e 'excelencia' o que se buscaba? Ou se trataba simplemente dunha cuestión pecuniaria?

No hay comentarios:

Publicar un comentario