Rosa Enríquez

Arrastrar non é violencia, principalmente se se arrastra pouquiño, isto é, lenemente e en tramos curtos. Tirar dunha persoa para a desprazar dun lugar a outro é tan só un 'roce de corpos'. Nada erótico, conste. O mal trato á cidadanía, sexa este físico -con paus, oigan, que arrastrar non vale- ou psicolóxico, ten de seu un pouso de crueldade que indigna. Como Juárez non dixo nada desta violencia exercida de xeito vertical contras ás persoas máis humildes -Aurelia Rei é un bo exemplo-, creo oportuno mencionar o 'terrorismo' practicado por unha clase política, profundamente cobizosa e mediocre. O de cobizosa vén de vello. Así o demostra toda esa caterva de 'chourizos' que ocupa o panorama político actual. O de mediocre tamén. Hai que ter un espírito ben cativo para ver soamente a parte da realidade que convén e ignorar toda a restante que, cómpre suliñalo, é a máis ampla. Que temos máis xente 'golpeada' por esta violencia que favorecida por ela é un feito impepinábel.
Amancio Ortega só existe un. Parados e explotadas, unha morea. Estando pois as cousas así, parece claro que vivimos unha regresión. Algunha 'forza perversa' lévanos de volta ó pasado. Por iso, o caso de Aurelia Rei trae á memoria aqueles abusos cometidos en épocas pretéritas con total impunidade e descaro. Que un Estado non teña capacidade para asegurar, como mínimo, a vivenda daqueles e aqueloutras que o habitan é sintomático dunha sociedade enferma que, ó perder dereitos sociais, perde liberdade.
O luns tocoulle a Aurelia, pero hai moitas outras persoas na mesma situación. Mentres, a desprezábel clase política persevera no seu traxecto polos roteiros da inxustiza social coa consecuente angustia. Iso si, paus, dos de verdade, non hai. Daquela, quen dixo violencia?
No hay comentarios:
Publicar un comentario