Manuel Menor Currás
No colexio, non era o mesmo ser dunha clase que doutra. A secuencia alfabética
ocultaba a clasificación do alumnado: os do grupo B mostraban dificultades
para a aprendizaxe e adoitaban ser máis torpes nalgunhas das calidades máis
estimadas polo profesorado dirixente do centro de estudos. Témome que, desde os
anos cincuenta ata hoxe, esta pauta etnográfica segue vigente sen que -salvo
moi honrosas e escasas excepcións- se faga nada -ou case nada- para suplir as
diferenzas. Ao longo da miña vida docente, pero especialmente nos últimos
cursos, vin de xeito crecente como esta selección cualitativa seguía aí. Moitas
veces tiven que atender a grupos B: un ano, ata coa explícita función -que as
actas dalgún claustro poderían corroborar- de evitar problemas á “boa orde do
centro”; aquel curso, a policía viña cada dúas por tres a preguntar por algún
alumno (nun centro situado á beira do parque do Retiro). No momento actual, con
tanto recorte na organización interna, esta diferenza é agora mesmo
manifiestamente observable. Non é este un asunto de “caixa negra”, invisible ou
difícilmente asequible á mirada de cantos se ocupan e preocupan polo noso
sistema educativo, dual por constitución.
Na vida real -como no colexio-, os da clase A non só interiorizaron a
clasificación, senón que se creron naturalmente diferentes e exercen como
tales. A isto conduce a vella -e probablemente tamén a nova- selección temperá
da calidade e excelencia estudiantil que algunhas políticas educativas
propugnan. Ata considerar, mesmo, que os de clase B eran indignos de ser
tidos en conta como os seus iguais e que tan só computaban como carne de canón,
abobada, entretida, manipulable, laboralmente reformable ata a nada,
ninguneable, capaz de votar cada catro anos relixiosamente, pero indefensa para
entender cal era a súa función social máis aló de servirlles de escusa e
pretexto para os seus propios trafegos. E todo iso malia que sexan de feito os
que, -como unidades de produción- achegaron e achegan co seu traballo -aínda
que hoxe sexa minguante- os recursos para que -sen o seu consentimento nin
coñecemento- se constitúan as bolsas ou caixas B que acabaron voando ao
estranxeiro, a Suiza ou a outros paraísos fiscais -a contas secretas da clase
A. É curioso que a cotidianeidade última de que nos veñen falando os xornais
especialmente estes días -e máis desde o pasado 28 de xaneiro- repita de novo,
inalterada, a constatación que, de pequenos, nos fixeron interiorizar de xeito
case inconsciente: sempre hai clases. O que non viramos aínda é que os
elitismos de clase A afixéronse, ademais, ao latrocinio descarado como forma
institucional de existencia: sendo mellor tratados, considerados e loubados, estudaron nos mellores colexios e mellores carreiras, coparon mellores postos e case todos
os consellos de administración. Non se contentaron con limar, recortar,
diminuír as prestacións que as maiorías da clase B lograran, senón que estimaron
imprescindible ampliar o libre mercado dos seus beneficios: logo de amorear boa
parte do amasado na xestión do que é de todos -a res publica-, retiralo do control do fisco e levalo a bo abeiro,
para confirmar inalterable -ou acrecer- a asimetría da súa selecta orde
exclusiva.

As caixas B cumpren, deste xeito, unha clara función social: deixar que
todo siga na desigualdade natural en que nacemos; que prosiga e mesmo aumente...Véxase, adicionalmente, como a amnistía fiscal vén confirmar esta teoría, segundo
a cal o esforzo e traballo honrado de toda unha vida non vale nada ante a sorte
que ten o que é “listo”, “espabilado” e “emprendedor” ou “cacique”, sen outra
moral que a da ganancia fácil: “la pela es la pela”, sen máis regra que non
arredarse ante a posibilidade de acrecentala..., supostamente a conta dos “parvos”.
A outra función que cumpren, e que se mostra agora máis explícita -fronte ao
que nos contan-, é a de proporcionarnos, de facto, magnífica información
testemuñal sobre os obxectivos que pretende o novo currículum da LOMCE. Esa é a
razón, por exemplo, da supresión de asignaturas ou campos cognitivos que
puidesen interferir co resultado pretendido de “mellorar” o que estes “mellores”
-aristoi- esixen mellorar . Asumir
unha “Educación para a Cidadanía” coñecida nos seus inicios dos anos oitenta,
como “Educación para a Convivencia”- en que se puidese poñer en cuestión o que
dixese a lexislación, as carencias que tivese en contraste coa lexislación
internacional máis desenvolvida respecto de dereitos e liberdades cidadás, ao
contrastala co que diariamente sucedese -para ver as desnudeces que tivésemos e
como saír delas con dignidade-, podería resultar arriscado: mellor endozala ou
suprimila. E mellor aínda se, de paso, se fortalece unha catequese preñada do
máis rancio catolicismo histórico: con nada de liberación e moitísimo de
submisión, como nos tempos decimonónicos previos á Rerum novarum de León XIII, cando toda expectativa de mellora -socioeconómica,
cultural e social- era encomendada ao máis aló... Suprimir ou abaratar as
prestacións sociais ten a súa peaxe estratéxica: poñer en valor o abundante
sufrimento ante as durezas providenciais que a orde constituída proporciona ao
común da Clase B. O Xesús que agora predica a Conferencia Episcopal de
Rouco Varela xa non sabe nada da expulsión dos mercaderes do templo e si moito
da etérea evasión espiritual que suscita o vivir neste val de bágoas: unha
especie de xeito que redundará en confirmar aos máis pacientes que non hai mal
que por ben non veña.
Todo vira en torno a “mellora” do sistema: o educativo e o xeral, de modo que
non rechinen. Pero o que non logran disfrazar as noticias nin as estatísticas
oficiais que nos inundan é o modelo. Eses egrexios representantes da xestión
política en versión Clase A -descendentes no mellor dos casos dos que nos
anos cincuenta ían en berlina, a sección dos autobuses mellor acondicionada- e que
agora van en bussines ou clase preferente cando viaxan e dispoñen de múltiples
outros privilexios consentidos, descubrimos agora palmariamente que abusan da
súa posición encomendada. Ata chegaron a utilizar con plena normalidade durante
anos, non só á Clase B, senón tamén caixas B para evadir o que é
de todos -previamente transvasado ao seu circuíto privado e privativo. Eles
constitúen o modelo de estudante que adiantaba a LOMCE cando suscitaba
obxectivos de “mellora”. Aquel prólogo tan ilustrativo en que se absolutizaba a
“competencia” e a “excelencia” educativas simbiotizando simplonamente ambas
calidades esencialistas-, apenas foi corrixido no último borrador. As últimas
modificacións soan, ademais, a falsas: recollen aspectos moi manidos da “educación
integral”, como quen recolle un tópico sen saber moi ben que significa ou a que
compromete. Véxase, se non, como se sostén unha drástica redución das materias
de carácter humanístico -coma se de algo meramente distractivo e, xa que logo,
despreciable e soslaible se tratase, en aras do principal, que segue intacto. E
obsérvese, tamén, como se mantén o esquema ampliado de reválidas selectivas -unha
obsesiva volta de rosca reiterativa cara aos tempos anteriores á Lei Xeral de
1970- , que confirme oficialmente que a natureza non nos fixo a todos iguais:
uns somos de Clase A e outros de Clase B, o que axudará, ademais, a que
haxa outras subclases ou grupos ben diferenciados: se a natureza manda -vén
dicirnos este proxecto glorioso-, a política educativa debe apoiala, non modificala
como pretenden as pedagoxías da diversificación ou cantos propugnen unha escola
pública con dignidade. O que digan os expertos do chamado Foro de Sevilla e
cantos apoien o seu recente Manifesto por
outra política educativa (Madrid, Morata, 2013), rega fóra de testo; é
anticuado: nada que ver coa sofisticada radicalidad wertiana que agora se leva
e trata de impoñerse.
O que, entón, os nosos profesores han explicar con delectación é a exemplaridade
dos nosos queridos conciudadanos de Clase A e ensinarlles -aos novos
estudantes- é a lucrarse o máis posible, como tan modélicos seres, das circunstancias
volubles que a vida lles poña por diante. Como, ademais, poderiamos restitituír
o preciado valor social que outrora tiveron algunhas virtudes sociais e que os
libros de boa educación pregoaban condignamente. Onde estean a caridade, a
beneficencia e a filantropía solidarias -sempre atentas aos máis pobriños-,
estorba canto teña que ver coa xustiza distributiva e as súas peculiares
esixencias de impostos progresivos... Caian todos na conta de que é un gran
adianto poder revivir en pleno século XXI as características de vida agradecida
que sempre tiveron que levar os de Clase B, entretidos desde o neolítico
con poder ter un mal traballo en condicións miserables ou escravistas, a
diferenza de moitos outros que non tiñan absolutamente nada: nin iso. Vexan, doutra
banda, que están ante unha coxuntura reformista que neste momento difícil ten
un alto valor social: fomentar o apartamento de calquera veleidade favorable á
lectura crítica, e que todo propicie a significativa aprendizaxe dos xeitos
mellores do servilismo: como debe ser.
Todas as menudencias das Caixas B son -como poden ver- dignas de
encomio. É máis: teremos que lles dar grazas aos responsables do Ministerio de
Educación actual -e a quen os secundan
desde as comunidades autónomas de orientación máis moderna- por desdicir
trasnoitados empeños dos torpes anos pasados e, sobre todo, por iluminar as
vidas futuras dos nosos fillos e fillas. Tales designios sintonizan
coherentemente co que os nosos próceres máis excelsos nos ensinan coa humildade
exemplar das súas vidas -tanta que evitan mostrárnola palmariamente. Conscientes desta conxunción tan lograda, teñan a seguridade de que o sistema
educativo vaia a alterar o máis mínimo de canto o nacemento nos regalou, ou que
pretenda propalar o que algúns moralistas e profesores de ética pregoaron en
tempos escuros como inmoral, indecente e, ata, como tiránico. Non lles caiba
dúbida de que máis vale así, sen contradicións por fin e con claridade
meridiana: cada paxaro no seu niño e que cada pau aguante a dúa vela- sen restricciones
mentais, obxeccións abstrusas nin “radicais envexas igualitarias” que tantos crebadeiros
de cabeza -e de diñeiros- nos poderían carrexar. Isto é o que hai, amigos:
paciencia e resignación, se son de Clase B; privilexio e impunidade se
poden medrar como Clase A, por conta da Clase B e mediante caixa
homónima. E amén, que -con maioría
absoluta- quere dicir: así sexa.
Madrid, 3 febreiro 1013