As desmesuradas calores deste agosto propiciaron un confuso concatenamento de causas e efectos alleo ás leis da realidade.
Primeiro, foi Bendodo chamando “pirómana” a unha señora de Protección Civil, pendente das crecentes demandas de auxilio. Logo, veu Feijóo coa súa proposta de que o Exército estivese ao dispor das Autonomías; entre as súas medidas de cartón, o rexistro de pirómanos era a estrela duns remedios que non exercitara na Xunta. E enseguida viñeron os coros anxélicos dos distintos círculos celestiais. Uns, no ronsel da non responsabilidade porque o culpable era o Goberno central, e mostrando os outros que estiveran aí, con máis medios que nunca mentres a maioría de dirixentes das Comunidades, celosos do seu poder territorial, non se ocupaban da eficiencia do exercicio das súas competencias. Entre tanto ruído, voces como a de Ana Belén Pontón advertiron da nulidade da mentira en política, mentres Margarita Robles desmontou, falacias sobre os medios de todos para atender tanta demanda de axuda nos aciagos días de crises. Persoas capaces de analizar sen trampas o desastre producido tentaron namentres que entendésemos o acontecido e que, de non prestarlle atención, volvería repetirse cada vez máis virulentamente. Antonio Turiel e Alfonso Fernández Manso merecen especial crédito, tanto por divulgar as características que, desde a mirada científica, ten ese espazo ecolóxico, como polas que conflúen, relativas ao quecemento global. O seu saber ilumina as causas que concorreron en que en apenas tres semanas 400.000 Has. de territorio de todos fosen arrasadas polo lume.
No fragor do debate político de se eran galgos ou podencos os responsables de tanto desenfreo iniciouse, igual que noutros desafortunados acontecementos, a procura de culpables coxunturais. Apareceron máis incendiarios que outras veces, avaliouse con máis insistencia a cantidade de medios dispoñibles e reapareceron demandas estruturais inatendidas. Bombeiros de distintas categorías e dependencias laborais –públicas e privadas, concertadas e voluntarias, autonómicas e estatais, mostraron as súas carencias organizativas e salariais, crecentemente deficitarias na medida en que as dimensións dos incendios actuais superan amplamente os de xeracións anteriores. De todos os xeitos, no presentismo do queixume que ata Felipe VI expresou ao chegar a San Martín de Castañeda, bótase en falta unha maior atención a unha boa lectura do que a paisaxe calcinada mostra se non se alteran as súas liñas interesadamente.
Como en tantos outras asuntos en que a memoria falla ou se lle
obriga a que non lembre, na cambiante paisaxe rural xoga un papel determinante un
proceso de máis de setenta anos de migracións da poboación. Este éxodo rural modificou
extensas zonas da paisaxe que,
anteriormente, estaban configuradas en formato de damero ben cultivado. Ese
“lugar ameno” do pasado – de que falaban con nostalxia no Renacemento, e
reiteraron os pintores da saudade e a
morriña aínda en tempos ben próximos-
deveu aos poucos en verduscas paraxes de uniformidade, en que o arboredo e o mato
se trenzan invadindo espazos agora incultos. Hai zonas de antigos minifundios
en que, cando non desaparecen baixo a vexetación as propias aldeas, xa case
apenas se ven os núcleos poboacionais e
algunhas persoas maiores.
Cen anos de soidade
Entre tanto tratamento tecnocrático administrativista, apenas se presta atención a esta mingua poboacional que as casas rurais de vacacións non compensan; e fiar aos propietarios dos terreos unha limpeza de parcelas que moitas veces nin saben que teñen, é seguir deixando o paisaxismo destas áreas –predominantes sobre todo en Galicia- propicio a que, ao ano que vén, haxa a súa inflamabilidade sexa idéntica ou maior. Sería cousa de maxia que sucedese doutro xeito, pero non basta con guiarse polas leis que rexen os contos de fadas para facer fronte a situacións cada vez máis problemáticas. As ensinanzas do que nos contaban de pequenos pretendían ensinarnos comportamentos morais, pero non que entendésemos as leis da Natureza. Agora ben, se seguimos crendo na existencia de milagres a conveniencia da preguiza mental, é evidente que estes incendios recorrentes –agora de sexta xeración- seguirán existindo. Se o monte arde porque está enmeigado –e non porque non ten quen o coide- bastará con seguir facendo o mesmo que non se fai para que, se chove, se apague todo e volvamos empezar o proceso do ano que vén. O ensalmo, o feitizo ou encantamento é que A Natureza segue o seu curso. En sentido contrario, tamén o é que os político que temos se desculpabilicen do que deixan de facer porque é complicado, mentres a cidadanía segue facendo o que pode, que máis ben é nada ante este tipo de incendios de hai xa uns anos.
Hai unha evidencia irrefutable: a Natureza e os seus incendios estiveron sempre aí. Se agora son máis violentos e crecen os seus danos sobre zonas antes máis habitadas, é porque os seus poboadores, antes tan activos para que o medio lles facilitase a subsistencia non cesaban na súa interacción directa ou mediante animais que lles axudaban a domesticarlo como terrazgo, monte, horta ou pradería. As leis de propiedade deses espazos seguen controlándoos como cando había superpoblación e abundaba man de obra para subsistir, aínda que fóra con parcelas minifundistas. Se non se cambia esa normativa para favorecer outras formas estables de xestión e aproveitamento, de pouco valerán moitos dos proxectos de xestión que se están subindo aos Boletíns oficiais, e no fondo, de pouco vale lograr apagalos en agosto. En gran parte do territorio incendiado este ano, os focos principais foron reiterativos; hai tramos da A-52, por exemplo, en que é raro o ano en que non houbese episodios de cortes de tráfico como os de hai uns días.
O pouco tempo transcorrido entre unha España eminentemente rural e a agora moi urbanizada parece non propiciar entender unha Natureza que non funciona romantizada como propiciaba un mal lido Richard Seymour. Cien años de Soledad relatou García Márquez, desenganado de quen falaba de Macondo sen vivilo; os descendentes de Aureliano Buendía – o que lembraba “aquela tarde afastada en que o seu pai o levara a descubrir o xeo”- non debían deixarse levar por historias mal contadas.
Manuel Menor
30.09.2025