A opinión dos docentes...non conta?

PECHE DO IES A CARBALLEIRA


Dous anos despois, a historia volve  repetirse. Se hai dous anos foi o IES Portovello, agora pechan o IES A Carballeira - Marcos Valcárcel. Non tardarán en ir polo IES 12 de outubro. O deterioro no ensino público avanza ao tempo que as tesouras desta consellería insensible  van podando e podando todo canto de singular ou específico hai na ensinanza. Queren grandes centros con moitos alumnos, aulas cheas con alumnos, como se de mercadorías, que  se procesan nunha factoría se tratase. O pensamento diverxente non ten lugar e a "competencia e excelencia" son as liñas que marcan esas novas  "tendencias" educativas.

Segregamos por sexo, segregamos por recursos materiais, segregamos por procedencia social e as políticas de xustiza social, de igualdade de oportunidades e de mellora social quedan á marxe neste sistema elitista. Búscase a excelencia pero a excelencia por discriminación, non a excelencia por integración. Un despropósito tras outro e un erro a seguir doutro erro.

As razóns da consellería volven  ser as mesmas de hai dous anos: potenciar a FP, cun sistema a distancia que nin sequera está previsto. Semella que de novo se tenta ocultar a realidade para tentar xustificar o inxustificable. Perda duns 30 postos de traballo  en ensino secundario e dispersión da poboación discente en distintos centros (cos problemas que isto leva a estas alturas do curso). Dunha vez por todas hai que lles chamar as cousas polo seu nome. Son Recortes, son ERES encubertos, son perdas de prazas de profesorado e alumnado no ensino público, son medidas que levan un compoñente de perda nos servizos públicos. Xa esta ben de eufemismos, enganos e manipulacións.

Non hai máis que mirar a hemeroteca de xuño de 2011 e comprobar como a Consellería non puido ser máis orixinal.

Profundamente negativo, discriminativo, traizoeiro e antidialogante. Non ten máis ca un aspecto positivo: esperta a conciencia da comunidade educativa. Pais, profesores e alumnos mobilízanse contra estas medidas e alzan a súa voz para dicir: NON AO PECHE DO IES A CARBALLEIRA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario