A opinión dos docentes...non conta?

30 jun 2011

Resposta cordial dos mestres de infantil e primaria.

Estimado Conselleiro:

Eu tamén me dirixo a ti.

Agradezo que me escribas estas liñas e que ocupes o teu tempo escribindo cartas, a todos nós, aos medios de comunicación,... quizais por iso estás tan ocupado e entretido ultimamente.

Estou a pensar que é casualidade que eu invada os teus pensamentos xusto ante da manifestación que se convocou en Santiago en defensa do ensino, e que segundo dicides, foi minoritaria e non representa a ninguén, cousa esa que non me pareceu, e as fotografías e os vídeos evidencian. Máis ben preferiría que... noutros intres... cando solicitei que me escoitaras, te acordarás de min, ou cando menos me escoitaras.

Vexo que tamén esqueces dicirme que con esa medida pretendes que o profesorado quede sen tempo para a preparación das clases, que se están a suprimir desdobres, optatividade, déixanse de prestar apoio aos alumnos con necesidades diversas, os grupos son cada vez moito máis numerosos..., péchanse centros, diminúese a oferta educativa, obrígase ao profesorado a dar moitas materias afíns e variadas o que dificulta a súa labor,... Ocorre que, posiblemente, iso non e calidade (ou excelencia...) e claro, a memoria falla...

Gustaríame que te acordases de min cando falas cos medios de comunicación, cando lles dis que buscas a calidade da educación e a excelencia... e que o profesorado que opine de maneira distinta ou pense que esas non son as medidas a tomar, son pouco máis que uns delincuentes.

A nos gústanos este traballo e queremos moita máis educación. Si... iso, educación, non un reparto de tarefas que non aportan nada aos alumnos (facer apoios sen ser especialista, cubrir horas cos alumnos para que o transporte faga as rutas como lle pete,...).

É ben certo que  ti non farías dúas horas na Consellería de pesca e outras dúas atendendo... eu que sei..., as incidencias informáticas. Ti es Conselleiro e eu son profesor, e cada un ao seu. Queremos o mellor para os nosos rapaces.

Que pena que agora te acordes de min, e non, hai uns días, cando manifestabas que as decisións estaban tomadas, que as decisións tómanse..., si ou si, sen sometelas a debate nos órganos competentes e cos colectivos da comunidade educativa.

Quizais agora xa pensas como docente (de infantil, primaria, secundaria) e ves o “punto de Mira da sociedade”... Acaso vannos  disparar?... Acaso alguén lle vende as armas?,... Autoridade pública?
Eu pregúntome... estamos a ensinar e motivar, ou a impor? Iso da autoridade soa a...


Que pena ter que tratarnos por carta. Será a distancia que nos separa?

Resposta a unha carta persoal recibida a véspera do 28 de xuño de 2011.

Sr. Conselleiro,

Que eu recorde ninguén nos presentou, nin tivemos ocasión de falar nunca, polo que me parece un exceso de confianza, que se dirixa a min tratándome de ti, cando nunca fomos presentados e, que eu saiba, non nos coñecemos.

Di vostede que a medida que vai tomar é para garantir a calidade do ensino. Lamento comunicarlle que a calidade do ensino non se mide polas horas que o profesorado está gardando os nenos. A calidade mídese pola propia intervención dos docentes na súa práctica diaria... e, como vostede comprenderá moi ben, posto que tamén é docente -segundo di- , esta práctica require moitas veces dunha preparación previa, que canto mellor se faga máis rendible será, e tamén dun traballo posterior de avaliación, corrección, revisión... que se fai fóra do horario propiamente lectivo.

Vostede confunde as cousas. Mistura o que non se debe misturar: os servizos que se lles poderían dar aos pais nun sistema educativo baseado nunha concepción elitista da educación, co que realmente pode dar un sistema educativo xeral, obrigatorio e gratuíto para toda a poboación. Ten vostede unha concepción equivocada do que é a realidade educativa do noso país. Gusta de colgarse etiquetas como a calidade e a excelencia e a forza de repetilas, vostede mesmo acaba créndoas. Non se equivoque, Sr. Conselleiro, quen lle outorga calidade a un sistema educativo, son os profesionais comprometidos coa educación, cando son recoñecidos, tanto pola sociedade como polos gobernantes.

Lamento moito ter que dicirlle que coa súa actitude, non contribúe para nada a ese recoñecemento. Antes ao contrario, está provocando un auténtico rexeitamento por parte de todos os docentes, porque os seus argumentos non os cre ninguén máis ca vostede.

Atentamente,

O que o conselleiro lles escribiu aos docentes...a véspera do 28.

Conselleiro de Educación <nonresponder@edu.xunta.es>
Estimado/a docente:

Diríxome a ti para agradecerche o especial esforzo realizado ao longo deste curso que agora remata. Apoiar con tempo e formación as iniciativas educativas que a administración está a emprender na procura da excelencia demostra a túa implicación e un interese no alumnado que non queremos deixar de recoñecer.

Sen embargo, non se che esconde que a actual situación de cambio debuxa unha sociedade en tránsito, cun escenario que en nada semella ao de hai uns anos. Pasados os tempos de bonanza, a todas e todos os cidadáns se nos esixe un importante esforzo de adaptación á nova realidade.

Como docente, son consciente de que a educación se atopa sempre no punto de mira da sociedade. Os ensinantes, como principal axente do sistema público educativo, dedicades todos os vosos esforzos á formación dos máis novos, construíndo a diario os piares para o desenvolvemento da sociedade.

Por esa razón, día a día o papel dos educadores é máis importante e a sociedade esíxenos máis, aínda que os recursos son limitados. A nós, como xestores públicos, correspóndenos a tarefa, difícil á veces, de acadar un equilibrio entre as obrigas da maior esixencia social e a excelencia educativa que é o noso obxectivo. Conxugar as necesidades do noso alumnado, as peticións das familias e as lexítimas aspiracións do profesorado é sempre imprescindible, pero máis aínda nos tempos actuais.

Neste contexto enmárcase a medida de cambio de xornada lectiva, que se vai aplicar o vindeiro curso e coa que pretendemos levar a cabo as actuacións que apoien e reforcen a calidade a través da atención á diversidade, labores de apoio, desdobramentos, substitucións breves ou apoio a outros mestres, entre outros, que redundarán en beneficio do alumnado. Por iso quero pedirche, aínda que sei ben que supón un esforzo, a túa máxima colaboración na implantación desta medida.

Por outra banda, aproveito a ocasión para participarche que hoxe, no Parlamento, ven de aprobarse a Lei de Convivencia e Participación, que permitirá que os ensinantes teñamos o recoñecemento de autoridade pública, recollendo así unha vella reivindicación no camiño da dignificación do labor docente.

Non quero despedirme sen darche de novo as grazas por colaborar no esforzo colectivo que supón a procura da calidade e a excelencia educativa na nosa comunidade.


Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación

28 jun 2011

REQUIEM POLO IES PORTOVELLO



Hai persoas que son recordadas toda a vida pola súa valía, polo seu talento, a súa forza, o seu compromiso, porque se fixeron a si mesmos e foron, ante as adversidades, incansables e firmes na súa batalla persoal e vital. Son recordadas especialmente cando se van, cando deixan de existir.

Un centro educativo non son catro paredes, coas súas aulas e os seus recursos, máis ou menos cuantiosos, e as súas instalacións, máis ou menos provistas; é un conxunto de persoas que proporcionan a esa materia todo o esforzo, a valía, o talento, o compromiso e a dedicación necesarios para formar a cidadáns responsables e capaces como sustento dun futuro mellor.

Iso eran o IES Portovello e o resto de centros que foron condenados, sen máis contemplacións, a un peche irrevogable. E cando un centro deixa de existir... quen recorda todos eses esforzos e esas, sen dúbida, magníficas calidades? Se nin sequera se tiveron en conta en vida...como se van a encomiar na morte?

A todas esas persoas que son un centro, que hai pouco máis de vinte días quedaron perplexas coa noticia do peche, como queda un anonadado ante a morte repentina dun ser querido, ninguén veu a dicirlles nada, a explicarlles nada, a animalos ante o futuro incerto; foron xulgados sen ningunha posibilidade de defensa e sometidos a unha sentenza firme e severa. Ante ese silencio por parte da Administración sentíronse desprezados, rexeitados, humillados e burlados.

O conselleiro nas súas manifestacións públicas fai gala dunha exquisita sensibilidade e unha esmerada educación. É sensible e educado pechar portas e impor decisións, cercenar o dereito á liberdade de alumnos, pais e profesores, dar a calada por resposta, non atender as queixas dos seus traballadores? É sensible desprezar o traballo de tanta xente? Como pode falar, tan lixeiramente, con esas actitudes, de responsabilidade, de deber, de dignificar a figura do docente? Xustifícase, como non, coa crise e para poder durmir un pouco máis tranquilo enganando á opinión pública que xa pensa que nos queixamos moito, que somos uns privilexiados, que non sabemos o que é traballar de verdade.

El non se merece máis liñas; sen embargo, para facer unha reseña de todas as persoas que pasaron por aquí necesitariamos moitas páxinas e moito tempo. Estas últimas letras queren ser o recoñecemento a todas elas. Alumnos que foron e son responsables e valentes, consecuentes, máis ou menos talentosos, pero todos valiosos; pais que axudaron e apoiaron o labor docente e profesores cheos de entusiasmo que defenderon, e seguirán facéndoo (aínda que algúns aínda non saiban onde) co seu traballo, co seu talento, coa súa valentía e coa súa forza o verdadeiro espírito do ensino público, aínda que ao cabo,ninguén os recorde nin poidan escoitar unha palabra de ánimo e esperanza.

A todos, grazas e que o IES Portovello descanse en paz.




26 jun 2011

POR QUE O CONSELLEIRO ESTÁ "NON APTO"?


Unha onda de mobilizacións estase a producir na ensinanza en Galicia, cando practicamente,  o curso xa está rematado. Este tsunami, que vai medrando día a día,  desatouse coas medidas que a consellería veu tomando nos últimos días en contra a ensinanza pública e dos docentes. A vaga ameaza con levarse por diante ao propio conselleiro. Nas anteriores mobilizacións, xa se escoitaron voces reclamando...conselleiro, dimisión; conselleiro, dimisión.   Na manifestación, do día 28, esas voces serán un clamor...

Mais...qué pode suscitar esta indignación por parte dos docentes? Que fai que xente bastante reacia a se manifestar e a participar en protestas erga a súa voz e se rebele contra as medidas tomadas pola consellería?...A resposta está nos propios feitos; na maneira en cómo se producen; na imaxe que se traslada a sociedade do labor dos mestres; da concepción  preconstitucional das relacións laborais; do desprezo pola normas de xogo e dos acordos acadados...

O conselleiro e o seu gabinete suspenden sobre todo...en actitudes; porque non se pode publicitar nos medios de comunicación algo que se ten que comunicar nas mesas de negociación, menosprezando, como se fai, aos representantes dos docentes para lles dicir que acudan a mesa pero que non hai nada que acordar. Esta actitude, de prepotencia, ignora un dos máis elementais principios que rexen as relacións entre as persoas: o respecto polos demais. É este un obxectivo elemental que os docentes tentamos inculcar nos nosos alumnos dende a idade máis temperá...pero que nalgúns casos, como este que nos ocupa, non conseguimos. A consellería evidencia non ter respecto polos traballadores, nin polos seus representantes.

Escola integradora, escola segregadora...os modelos que se transmiten.

Se a cualificación en actitudes lle temos que engadir a de valores e normas,  a avaliación vai a peor; porque o que está a transmitir o conselleiro coas súas actuacións públicas é un tipo de ensinanza segregadora, elitista; probablemente copiada da onda de Madrid, que trae modelos baseados na paranoia da excelencia. Consciente ou inconscientemente, evidencia un descoñecemento absoluto dos valores que un sistema público de ensinanza debe transmitir: a tolerancia, a aceptación das diferenzas,  a multiculturalidade e o pleno desenvolvemento das capacidades de todas as persoas independentemente das súas circunstancias sociais e persoais. É dicir un sistema inclusivo, non exclusivo, integrador, non segregador. A diferenciación por razóns de sexo, de procedencia social, por capacidade intelectual...leva a un tipo de modelo social, que moitos de nós criamos, xa superado hai tempo.

No tocante as normas, a consellería xoga co campo enlamado. Deseña estratexias para acadar os seus fins co menos custo posible...moitas veces raiando coa demagoxia. Oculta os seus plans ata o último momento, ignora os informes do Consello Escolar e xoga cos tempos das vacacións para publicar os seus decretos de obrigado cumprimento. Coas súas normas, obriga a profesores e alumnos a acatar decisións non desexadas, que se poderían ter evitado, cun pouco de flexibilidade e carácter dialogante.


Verbo aos coñecementos o conselleiro non acada o nivel desexado, porque descoñece o seu papel institucional, porque ignora cal é a función dun conselleiro de educación; porque prioriza erroneamente os investimentos. Un conselleiro de educación de Galicia non é o mesmo que un conselleiro de educación de Castela A Mancha, poñamos por caso. Que os diferencia logo?...Fundamentalmente, que nós, polo noso Estatuto de Autonomía, temos unha lingua propia, e que esta, segundo a Constitución será obxecto de especial respecto e protección. Ignora o mandato legal que ten polo propio  Estatuto, como poder público que é, de potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Descoñece, ou quere descoñecer, a aínda vixente Lei de normalización lingüistica do ano 1983, e cunha visión absolutamente simplista, pretende erradicar do ensino a palabra normalización, confundindo os termos e creando un problema onde non o había. Un conselleiro está na Consellería de Educación para resolver os problemas da Educación, non para crealos.


Pretende que as funcións do prefesorado sexan dar servizos complementarios como transporte ou comedor, e confunde a educación coa custodia dos nenos. Un mestre ou unha mestra, son profesionais formados para lles transmitir  aos seus alumnos coñecementos, actitudes, valores e normas (competencias, na terminoloxía actual...) pero non para ter que alimentalos, ou gardalos nos tempos anteriores ou posteriores...


Ignora ou, quere ignorar, que as realidades dos centros educativos son moi diversas; e que non é o mesmo un centro -mesmo privado- no extrarradio que no centro-centro; nin é o mesmo un centro no rural que na cidade. Simplifica os seus argumentos, dicindo que douscentos metros que separan dous centros non é nada. Douscentos metros poden ser un abismo. Douscentos metros, é o que separa dous centros, como poden ser C.Cisneros dos HH. Maristas. Douscentos metros é o que separa unha oportunidade, de un fracaso seguro...


Á vista de todo o exposto, só cabe unha cualificación: NON APTO.

O día 28, moitos profesores poranlle a nota en Santiago.

Conselleiro, dimisión...será un clamor

24 jun 2011

HAI SILENCIO NO PORTOVELLO

Hai silencio no Portovello. As rás do estanque da entrada quedaron mudas cando a sombra sinistra dun nuboeiro escuro, tapou o sol que todas as mañás batía nos nenúfares abertos. O burbullar da auga que noutrora tapaba as voces dos alumnos, parece agora entoar un canto tristeiro e morriñento. Un grupo de mozos e mozas entran amodo, en silencio, para recoller as cualificacións do derradeiro curso. O ton era baixo...
  • Onde vas ti, para o ano?
      • Non sei se ir ao doce...Profe, ti que me aconsellas?
      • ?
      • E ti?
      • Eu vou facer Artes Escénicas a Zamora.
      • A Zamora?
      • Si, Zamora non está tan lonxe....profe. Ti que me aconsellas?
      • ?
      • Eu hei de ir As Lagoas. Non teño alternativa. Profe, ti vés para As Lagoas?
      • ?
      • Vasnos dar clase ti, profe?...
      • ?
      • Se fosemos todos...igual nos dabas clase ti?
      • ?
Non hai resposta. Non preocupan as cualificacións. Preocupa o futuro.
Ninguén se quere despedir...O ton era baixo...
Hai silencio no Portovello.

19 jun 2011

A CURUXA ESTÁ CONFUSA...



Como non dorme, a curuxa colleu un mal vicio. O vicio de ler. É esta unha actividade altamente perigosa. A lectura conduce á reflexión, a exercitar o pensamento, a ordenar as ideas e a preguntarse por que acontecen algunhas cousas... e este punto é o máis crítico de todos, porque se a curuxa chega a algunha conclusión clara, igual lle dá por pasar a acción e decide facer algo. Normalmente a curuxa é pausada, paciente, tranquila, reflexiva e pasa todo o día cos ollos pechados, como debe facer calquera curuxa que se precie. Pero, ás veces, cando hai algo que a preocupa moito...a curuxa le, e, por veces, escribe.

Estes días anda preocupada polos cambios que se están a producir en Educación, porque viu moito rebumbio no Portovello. Quere enteirarse do que pasa e busca información nos xornais, porque a televisión non a ve moito... Pero a curuxa, que quere ser ecuánime e obxectiva, sabe que para informarse ben, hai que contrastar varias informacións e mesmo, buscar informacións oficiais, que, normalmente, deben ser máis obxectivas. A curuxa, como botou moito tempo observando cos ollos ben abertos, sabe como pode obter moita información e consulta documentos oficiais. 

    - Si, aquí é donde me vou enteirar ben -pensa ela-.


Le, unha vez e outra vez, pero hai cousas que non acaba de comprender. Pensa... Quen escribirá isto? Que intención tería ao escribilo? Dicir...di unhas cousas pero eu sei que cala outras que debería dicir tamén. Por que dirá que o peche do Portovello, pode producir un gran beneficio social? Por que dirá que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin as súas familias?

A curuxa, non comprende nada. Se non se lles causa ningún prexuízo, debe ser logo, que a eles lles gusta manifestarse porque si. E como moitos son músicos, e non teñen onde actuar por causa do paro, van tódalas mañás a actuar diante da Xefatura Territorial de Educación, que é onde os poden contratar. Á curuxa moléstalle que toquen pola mañá, porque é cando ela dorme. Tomará unha decisión: vailles dicir aos alumnos e algúns pais, que, se non lles é moita molestia, e -xa que o fan por deporte, non por manifestarse, nin nada reivindicativo-, que toquen pola tardiña que ela xa está espertando e así tamén pode acompañalos na actuación, co seu acompasado Uhhhhh..., Uhhhhh... que lle acae moi ben a un compás de dous por catro.
Pero volvendo ao conto, a curuxa segue enfrascada na lectura dos documentos. Agora le, a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa. Pois que ben, os pais encantados, os profesores brincando polos corredores do centro por tanta ledicia, e os alumnos dispostos a facer un botellón para celebrar tan feliz acontecemento. Debeu ser por iso polo que decidiron quedar pechados alí de noite, que a curuxa ben os viu, e engalanaron o centro con pancantas e papeis de variadas cores, e aínda máis, non contentos con tan pouca celebración quixeron continuar, alugando un autobus, para poderen ir todos -pais, profesores e alumnos- a Santiago, e alí xuntarse con outros, tamén moi contentos, que foran tamén a Santiago, para lles dar as grazas aos responsables, por tomar unha decisión tan atinada, e ademais, por llela dar por sorpresa, como nas festas de aniversario. 

    - Agora o entendo -pensa a curuxa-.

Agora busca máis papeis. A consellería investirá 1,7 millóns de euros para contar co apoio de máis de 300 persoas nativas de países de fala inglesa, francesa, alemá e chinesa.

    - Carafio! -pensa a curuxa-. Seica van vir, 278 que falan inglés, 13 francés, 7 alemán e 2 chinés. Isto vai parecer a ONU. E vanse asentar, seica, neses centros plurilingües e nas escolas de idiomas. Que ben así, xa podemos falar con todo o mundo. Claro que, agora que o penso mellor, eu con quen falo, en todo caso, é con outras curuxas e, entre nós, entendémos co noso intercambio de Uhhhh, Uhhhhsss.... 

    - Bueno, igual eu lle falo en inglés, que siempre queda un pouco más chic pero no te sé si me entenderá.

Cansa de rebulir nos papeis oficiais, a curuxa decide coller un xornal, para ler os titulares e non ter que pensar tanto. Colle o Faro de Vigo do día 16. Á curuxa non lle importa que os xornais xa non sexan do día. Como só quere ler os titulares.... Mais un dos titulares chama a súa atención... La Xunta aumentará las horas lectivas a los maestros. Curiosa como é, non pode resistir a tentación de afondar no contido da noticia.(Ver) Debe ser que traballan pouco e quererán, que dean máis clases ou algo así -pensa a curuxa-. Segue a ler que seica llo van dicir aos sindicatos.

    - Moi ben, -pensa a curuxa-. Así non terán que enteirarse pola prensa como vén ocorrendo ultimamente. Pero claro...eu isto que estou lendo, xa se publicou o día 16 e a reunión vai ser o día 21. Cada vez estou máis confusa.

Segue a ler. A reunión non é vinculante. Isto é...chámanos para contarlles un contiño e, ala! para a casa. Ou quizais...para convidalos a tomar o aperitivo...ou calquera outra cousa. Porque como a reunión non é vinculante, igual poden botar unha partida de subastado, ou xogar ao mus. Esta xente da consellería, débeche ser do máis atenta e agradable. Mira ti, chaman aos dos sindicatos e quedan con eles para tomar algo... Así dá ghusto -pensa a curuxa-.

Pero a curuxa segue lendo...

La Consellería de Educación pretende restablecer ahora como lectivas las cuatro horas reducidas en 2007, con una regulación en la jornada de los docentes, de forma que se "ajuste a la misma carga lectiva existente en la mayor parte" de las autonomías.

Con esta medida, Educación busca "garantizar un adecuado apoyo docente a los objetivos educativos en todos los centros de enseñanza de Galicia, con el fin de mejorar la calidad educativa, la atención a los escolares y a los resultados académicos".

La Consellería insiste en que, tras el cambio de 2007, Galicia pasó a ser la CCAA en la que los maestros tienen menos carga lectiva, "lo que no puede redundar en beneficio del alumnado".

La medida, agrega Educación, constituye una apuesta por la mejora de la calidad educativa, ya que los docentes "podrán ocupar más tiempo de su horario de trabajo a actividades lectivas encaminadas a la consecución de la excelencia, sin ver, por otra parte, incrementado el número de horas laborales a la semana".

La redistribución horaria, a juicio de Educación, permitirá también un aumento de las actividades de refuerzo y apoyo por parte del profesorado, "especialmente importante para el alumnado de educación especial, algo que venían reclamando los padres".

Como comeza a verse a luz do día a curuxa apura a lectura...e comeza a tirar as súas propias conclusións:

1.- Os mestres galegos son os que menos traballan.

2.- Isto mellorará a calidade de ensino, as notas e os resultados académicos.

3.- O que quere a consellería é a excelencia con máis horas de traballo lectivo, no que se inclúe, por suposto, a atención por causa dos horarios de transporte escolar, comedor e servizos varios ( igualito que en la privada)

4.- Os de especial traballan pouco. Que traballen catro horas máis (polo menos).

A curuxa, xa pensou. Agora, pasa a acción. Propón que se nomee ao responsable de todas estas medidas, tan beneficiosas para toda a comunidade educativa, “Un muchacho excelente” e que vaiamos todos en tropel a cantarlle esta canción na primeira ocasión que teñamos.
Xa é día. A curuxa marcha para o burato. Polo camiño vai pensando...
Quen lle fara as notas de prensa á consellería?

18 jun 2011

CALQUERA PARECIDO COA REALIDADE É PURA COINCIDENCIA



Día 16 de xuño.

O Consello do Goberno Galego, acaba de darlle o visto e prace ao decreto de creación de centros integrados de FP. Na comunicación aos medios, que podedes descargar da propia páxina, o aparello de propaganda do goberno pretende facernos ver “a cara bonita” -pensan eles- e ocultar o que agocha o decreto.

Burda maneira de mentir...
Exemplos

1.- Titulares:
A CREACIÓN DE 7 NOVOS CENTROS INTEGRADOS DE FP PERMITIRÁ QUE MÁIS CIDADÁNS POIDAN ACCEDER A UNHA FORMACIÓN PARA O EMPREGO .

Que creación? Se a memoria non nos falla, o decreto do que se lle dou o borrador aos sindicatos ten a seguinte denominación Decreto...../2011 do 16 de xuño pola que transforman Institutos de Educación Secundaria en Centros Integrados de Formación Profesional, fusiónanse centros educativos e se cambian ensinanzas. Mintirosos...

2.-Subtítulos:

A Consellería de Educación dará así resposta a unha demanda social arredor da FP, creando máis de 1.100 novas prazas en ciclos formativos .

Os número non cadran. Onde están esas 1100 prazas? En que centros? Que ciclos? O único que se sabe é, segundo o que din, que van crear 6 ciclos a distancia en toda a comunidade . A ninguén se nos escapa que os ciclos a distancia, requiren menos recursos e o número de matriculados pode inzarse sen demasiado problema de espazos ¿é ou non é?

As prazas que se eliminan non contan. Para crear 1100 prazas virtuais eliminan máis de 2000 de ESO e Bacharelato.

3.- A “demanda social”

Clarooooo! Topamos a pedra filosofal da argumentación. Hai moita demanda social e hai que crear moitas prazas. Ben. É certo. Pero como non vai haber demanda social no contexto no que nos atopamos cunha porcentaxe de paro nunca vista; pois claro que hai demanda social... A xente fai o que faga falta para que lle dean unhas horiñas de traballo en calquera cousa. Agora ben, que ciclos son os que teñen esa demanda? Cantos deses titulados están accedendo hoxe a mercado laboral?
Cantos deses xa teñen un curriculum, que moitas veces teñen que ocultar par ter algo?
Non hai tamén outra moita oferta de formación laboral a través de sindicatos, fundacións, federacións, confederacións, e chiringuitos varios para que coma todo dios?
E el non será que se están indo máis cartos na formación que na promoción eficaz do emprego?

Polo tanto esa non é a cuestión, a cuestión do disfraz da formación profesional non cola...
Evaristo que te he visto
y aunque vayas disfrazado...
te conozco, colorado.

4.- O conto de “ beneficio social”

Que buenas son,
las hermanas............
que buenas son
que nos llevan de excursión...

Todo son vantaxes... conciliamos a vida familiar e a formación dos traballadores e mesmo a formación continua no tocante aos discentes.

Transcribo literalmente porque o parágrafo ten seu aquel:

A Consellería xa se puxo en contacto cos centros educativos para explicarlles que o alumnado da ESO e Bacharelato será colocado en centros da súa contorna, cun desprazamento mínimo, incluso nulo, co que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin ás súas familias.

Mentira, tras mentira...nin a consellería se puxo en contacto cos afectados, nin foi xa, nin foi como é debido. Máis ben foi ao revés, os afectados enteiráronse polos medios de comunicción e tiveron eles que poñerse en contacto cos responsables da desfeita e, estes,...como quen eo chover!

Que cousa é un desprazamento nulo? Eu suxiro que alumnado se apunte a este tipo de desprazamento. Se a Física non falla un desprazamento nulo, debería provocar que permanecesen no mesmo lugar... e entón, claroooooo... xa temos a solución, así xa non se lles causa ningún prexuízo nin a eles nin as súas familias.

A realidade é que o alumnado vaise agrupar en número moito máis numerosos ata chegar a ratio máxima. Iso é un feito, e non admite interpretación. Xa non entramos en outras consideracións, referidas a calidade do ensino nestas circunstancias...

- E o profesorado...?

- O desprazado terá dereito e prioridade na escolla doutro centro na localidade.

- Que ben! Moitas grazas. Que sorte! Vale! Que prazas?

- Ah! Non sei.
-Pero hai ou non hai prazas ? 

- Ah! Non sei.

O certo é que no noso centro, de vintetrés teñen praza nove e o resto queda nunha situación de interinidade sen saber onde vai estar no curso próximo, nin que materias vai dar, nin a quen. Cubrirán prazas que terían que ser cubertas por estes profesionais interinos e estes últimos quedarán no paro.
Isto é un feito e tampouco admite interpretación.

Transcribo o último parágrafo para lle poñer o ramo...

Deste xeito a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa, abrindo as portas a unha oferta de ensinanzas máis completa, ao tempo que atende a crecente demanda social duns estudos cun alto nivel de empregabilidade. 
 
Tachánnnnnnnn!          Só lle falta a música! Ten narices!

17 jun 2011

ROLDA DE PRENSA

Audio da rolda de prensa (descargar)

CONVOCATORÍA DE ROLDA DE PRENSA

Ante a publicación por parte da Consellería, da orde que regula a distribucíón do profesorado nos novos centros CONVOCAMOS

ROLDA DE PRENSA
LUGAR: EDIFICIO ESO E BACHARELATO DO IES PORTOVELLO
HORA: 17 HORAS.

16 jun 2011

A Consellería pensa


O que a curuxa viu en Ourense e Santiago


O que a curuxa viu en Ourense e Santiago o día 15 e, posiblemente... outros non viron.

Estes días a curuxa ve moita actividade no centro polas tardes. A xente está nerviosa, uns non saben moi ben que facer, outros corren dun sitio para outro pero non fan nada, nuns cunde o desánimo...outros estudan o seu futuro. E os rapaces...por un lado, comprometidos coa causa... e pola outra, presionados polos exames e as clases que aínda teñen que recibir...Por certo...a curuxa viu a outra tardiña unha clase ateigada de rapaces...non cabían na aula...era pola tarde, e as clases eran voluntarias e, ademais... de dúas horas!...nunca tal a curuxa vira!  Que estará pasando no Portovello?

Interesada, decidiu observar polo miúdo o que alí se cocía. Xente que recúa, algunha palabra máis alta ca outra e a tecnoloxía que vai e vén mandando mensaxes. Que estará pasando no Portovello? A curuxa decide seguir aos protagonistas. Aínda que non lle gusta a luz e gosta da noite,  a curuxa remonta o voo e segue un autobus branco que vai camiño de Santiago. Nel só viaxan persoas maiores de idade, uns son moi novos e outros menos novos; uns son alumnos e outros son profesores e nais.

En Santiago a curuxa ve como baixan do autobús e se dirixen a un edificio nobre. Está pechado cunha reixa e non se poden achegar moito. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  - pregúntase a curuxa-. Escoita berrar a estas xentes e tocan uns bombos e tambores. Pousa nun alcipreste que hai ali preto e ve como moi pretiño hai unha capela. As curuxas gostan moito de ir beber o aceite das candeas que están nas igrexas e non perde a ocasión de meterse dentro buscando o prezado manxar. Pero alí resoan máis os tambores e o son dunha buguina provoca a súa fuxida despavorida. Unha poalla moi fina invade o ambiente de Santiago e dende o ceo toldado ve como o bus branco recolle os viaxantes. Tamén ve como discretamente dous coches rotulados e con moitas luces azuis seguen o percorrido do bus branco.

De novo baixan cos seus intrumentos os viaxeiros e emprenden o camiño cara outro edificio nobre. Acompañan a súa marcha cuns ritmos pautados. Unha multitude ruidosa dálles a benvida. Hai moitas bandeiras, case todas vermellas, dun lado da rúa e, do outro, un enreixado aínda máis grande e ameazador protexe outro edificio aínda máis nobre. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  -pregúntase a curuxa-. Os dos uniformes azuis, rodean o edificio por fóra do enreixado por se algún consegue saír fóra e resulta perigoso. Xunta deles hai moitas cámaras, fotógrafos e micrófonos que levan e traen unhas xentes que parecen normais, pero que non o son... porque, tamén escriben de noite, como a curuxa...As bandeiras buscan os ollos das cámaras e os que están máis abaixo tíranse no chan para chamar a atención. No medio, os viaxeiros, tocan sen se cansar os seus bombos e berran consignas contra un abuso. Un, que leva unha camiseta branca pintada toca unha trompeta que parece de prata e todo o mundo cala...e escoita. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.
Unhas nais chaman por outras e fan un grupiño no que falan e falan...a música segue...pero a alguén non lle gusta moito e dicide incrementar coa súa achega a chuvia que comeza a regar a rúa do Horreo.

De súpeto, todos os dos ollos das cámaras seguen a correr a tres individuos traxeados, dous homes e unha muller, que se achegan ós das bandeiras. Fálanlles aos ollos e aos micrófonos, aínda que algunhas bandeiras tamén queren saír na foto. Outro espóntaneo tamén quere aparecer e interrompe aos traxeados... o que está do outro lado, que ten unha bandeira, rífalle ao que interrompeu ao do traxe, e este, retrúcalle. Ollo para aquí, ollo para alá e non damos feito...Hai moitas cámaras...pero tamén moito protagonista...Total, que a curuxa remonta o voo e decide deixar os “parlamentarios” coa palabra na boca.

Dende o ceo gris de Santiago, ve como o bus branco marcha camiño de Ourense, deixa atrás o Pico Sacro e, cando se aproxima a Silleda, decide achegarse ao bus por se escoita algo. Unha voz prodixiosa envolve o ambiente e a curuxa, sente como a melodía a leva dun lado a outro do bus, cos ollos pechados, porque non necesita a luz para ver o que paga a pena. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.

Os outros Centros afectados


Non estivemos nós sós, sentimos o alento dos outros afectados; trátase do IES Manuel Antonio de Vigo, o Politécnico de Lugo, o Politécnico de Ferrolterra,o Paseo das Pontes (A Coruña), o Coroso (Ribeira),e A Xunqueira (Pontevedra) 

Moitas grazas a todos e ánimo!