A opinión dos docentes...non conta?

23 jun 2013

Wert ou non Wert: esa é a cuestión.


Publicado en La Voz de Galicia o 23/06/2013

Hai dúas diferenzas esenciais entre ser ministro de Educación e selo doutro ramo: primeira, que en materia educativa está archidemostrado que é boa a estabilidade temporal das políticas e, xa que logo, dos marcos legais que lles serven de soporte; e segunda, que as competencias normativas e políticas están nesa esfera moi repartidas en España: o Estado central ten atribuída a lexislación básica para o desenvolvemento do dereito á educación previsto no artigo 27 da Constitución, ás comunidades correspóndelles o desenvolvemento lexislativo das normas estatais e a competencia executiva e, finalmente, as universidades gozan dunha ampla marxe de decisión como consecuencia da autonomía que teñen constitucionalmente conferida.
¿Que significa todo iso? É fácil: que os ministros de Educación deben ser hábiles negociadores e non uns fundamentalistas das súas propias ideas, deses que gozan provocando a todo o mundo. E iso porque o verdadeiro desafío de calquera político que ocupe a carteira de Educación é ser capaz de xerar amplos consensos coa oposición, as comunidades autónomas e os diversos sectores profesionais e institucionais implicados no proceso educativo.
Con José Ignacio Wert tivemos mala sorte. En realidade, moi mala sorte, vista a súa capacidade non só para irritar a aqueles cos que debería negociar, senón constatado, ademais, o indisimulado pracer que ao ministro lle produce a pelexa.
Wert ten as súas ideas sobre o que hai que facer en España coa educación, das que algunhas son boas, outras discutibles e outras inaceptables para os seus interlocutores. Niso non se distingue de calquera outro ministro dos que forman hoxe parte dos Gobernos do planeta. Non: o que converte en peculiar a quen ocupa en España a carteira de Educación é o seu convencemento absoluto de que el foi chamado pola historia para corrixir anos de desatinos na política educativa que seguiu este país.
É ese convencemento, e as formas bravuconas a través das cales pretende estendelo aos demais, o que torrou a Wert e converteuno no peor defensor imaxinable dalgúns dos cambios razoables que o Executivo quere impulsar no noso sistema educativo.
Por iso, en lugar da campaña publicitaria coa que o Goberno pretende devolverlle a Wert o prestixio que este con a súa mala cabeza dilapidou a mancheas desde o día da súa toma de posesión, mellor faría Rajoy nomeando no seu lugar a outro ministro, de perfil oposto ao actual. Ademais de aforrarse uns diñeiros, libraríase dos desgustos que lle esperan se mantén a Wert no Consello. Se, xa de paso, cesa tamén ás ministras de Traballo e de Sanidade farase un favor e farallo, por riba, a España enteira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario