A opinión dos docentes...non conta?

14 nov 2017

O simbólico é moi importante nas nosas vidas: expesámonos por símbolos


Empezando pola facultade de falar, que non é o mesmo que berrar: “Só o home entre os animais -dicía Aristóteles- posúe a palabra”.

Trala declaración de Carmen Forcadell no Supremo púxose o foco no “simbólico”. O que lle oíu o xuíz Pablo Llarena o pasado día dez sobre do valor da declaración do Parlament e do Govern, mostrando que era consciente do seu nulo valor xurídico efectivo, serviu para que as cautelas que lle impuxo fosen menores que as que na Audiencia se ordenaron para outros actores deste “procés”. E, ao tempo, valeu para imaxinar unha lixeira distensión no rumbo que tomara todo o relacionado con esta enleada. Crer que fose estratexia provisional ou propósito firme na volta á legalidade constitucional, o futuro  o dirá. Namentres, non debería obviar que sexa o simbólico, algo cuxa entidade está moi afastada do puramente etéreo e espiritual.

A violencia simbólica

Coñécena moi ben as mulleres -mellor que a maioría dos homes- por mor de violencias que seguen sufrindo, ata coa morte, como documenta a cotío a prensa. Nestes casos, xeralmente alguén do xénero masculino pretendeu facer prevalecer un dominio absoluto baseado nuns supostos dereitos que lle conferisen, sobre todo, supremacía. Case sempre se trata dalgún varón que cre sentirse obrigado a exercer de macho dominante ante situacións de desacordo. Esta conduta adoita estar asociada a pautas culturais dunha contorna propicia a unha xerarquización de roles opostos ao recoñecemento de dereitos e liberdades dos demais en igualdade. Na práctica, tradúcese en desatención e desprezo aos outros, sobre todo se concorren diferenzas de calquera tipo como pretexto de clasificación, dominio e violencia. Ata nos supostos espazos do coñecemento universitarios pode acontecer, E nos non menos relevantes de carácter relixioso, por chocante que poida parecer a Monseñor Munilla. Tales hábitos demostrativos, coa súa secuela de sometemento e humillación do máis débil, adoitan entrar polos poros desde antes de nacer, en climas de pouco afecto familiar; a moitos profesores e mestres xa lles é dado velos crecidos cando teñen diante casos de bullying e ciberbullying.

Os sociólogos críticos como Pierre Bourdieu tivérona moi en conta cando analizaron polo miúdo de que ía A dominación masculina ou, máis propiamente, a violencia simbólica. Entre dominadores e dominados, é dicir, nas relacións de poder asimétricas, hai sempre valores implícitos, soterrados e subxacentes, que predispuxeron as mentalidades e os afectos para que pareza “natural” o que só é un hábito de imposición arbitraria da forza. Favorecen esta violencia simbólica as diferenzas de tipo fisiolóxico, físico, cultural, da cor da pel, a relixión ou a lei e, non menos, a lingua de nacemento, os costumes máis nimios e as tradicións que cada cal queira arrogarse como distintivas, aínda que case nunca o sexan, pero que poden valer para gavarse e tratar de soster a distinción. Nalgúns destes estudos, apréciase ben como algunhas culturas do simbólico pode ser tan daniñas e perversas como a pura violencia física. Están na súa base xeradora, son capaces de dominar as vontades -sobre todo, desde a perspectiva do que está ben visto ou mal visto polos demais do grupo- e van máis aló das puras leis da moralidade básica. Esta dependencia adoita formar parte tamén dos mecanismos utilizados por distintos tipos de seitas para a adhesión dos seus adeptos, e máis proximamente, fundamenta non poucas leis rectoras da publicidade a fin de lograr a nosa fidelidade.

O único xeito de sobrepoñerse a este sibilino xeito en que case só os científicos sensatos da paleontoloxía e antropoloxía distinguen o natural do cultural, é unha boa e digna educación. Aristóteles xa reclamaba (Política, 8.1) a súa necesidade se se quería a unidade da POLIS. Razoaba que o fin de toda cidade é único e, por iso, “é evidente que necesariamente será única e a mesma a educación de todos”; o “coidado por ela ha de ser común e non privado -proseguía- pois o adestramento nos asuntos da comunidade ha de ser comunitario. Ningún dos cidadáns se pertence a si mesmo, senón todos á cidade”. A quen lle pareza esaxerado, entenda que a pelexa polos Dereitos Humanos e Sociais é hoxe inexcusable na continuidade desa política humanizadora. Se non se quere que a pasividade domine -que é o que todo poder hexemónico anhela de continuo-, ese referente orientador da educación e cultura é o único modo de alentar o crecemento humano. A ignorancia desarma as posibilidades de resistencia e facilita o traballo á forza bruta. O propio Aristóteles sostiña que “ a do réxime adoita preservar a súa constitución política orixinaria” É propio do réxime oligárquico tratar de preservarse, e non todo é democracia porque leve ese nome.

Pero en Educación tamén adoita darse gato por lebre. Por iso os máis críticos alertaron sobre de como é a miúdo mostra da violencia simbólica. Un topos socorrido nos estudos dos anos setenta sobre do sistema educativo en EEUU ou en Francia -que aínda hoxe serven de referencia-, foi o da “reprodución” que, desde diferenciais oportunidades para os estudos e a cultura, sitúa aos herdeiros duns ou outros grupos en posicións ben diferenciadas. Os estudosos da equidade educativa, como José Saturnino, fixéronnos recordalo reiteradas veces cando, por exemplo, falan do capital cultural diferencial de partida e que a moitos os distanciará sempre. Os profesores que investigan o que sucede nas súas aulas coñecen mellor que ninguén esas distancias iniciais en algo tan básico e simbólico como o uso da linguaxe. O manexo que mostran os alumnos da súa riqueza de significados e complexidade de matices, pode marcar distancias de máis do 50%. Cos ritmos burocráticos da escolarización, se non se atende a ese diferencial inicial, a mecánica aplicación homoxénea do sistema fará que aumente e se faga insalvable.

Coidado co simbólico!

Existe, pois, unha leve variante do “simbólico”. Complementa o anterior e refírese máis ao metafórico, alusivo a outra realidade. Neste aspecto, o sistema educativo expresaría -simbolizaría- o valor que lle confire unha determinada sociedade. Por iso reclama atención coidadosa se se quere que as políticas educativas expresen o lado máis positivo do ser humano, as súas aspiracións máis dignificadoras en igualdade democrática. De non ser así, o retrato que reflicte, lonxe de ser indiferente, mostrará as violencias que impregnan o tecido social. Coidado co simbólico, porque o seu realismo expresivo é pródigo en contradicións das nosas políticas educativas! Se tan alta é a consideración verbal que adoitan dedicarlle as instancias oficiais á educación, non se entenden, por exemplo, gran parte dos mecanismos normativos existentes, encamiñados a soster inmóbiles as asimetrías de base do alumnado. Serán legais, pero non é a mellor formulación que debería ter o art. 27 da Constitución a día de hoxe.

Menos se entende que a Montoro lle pareceu inaceptable o investimento do Concello madrileño no SAMUR ou en escolas infantís. O que a Constitución establece respecto ao dereito universal á educación estaría mellor protexido se lle esixise a Cifuentes ou aos seus compañeiros de Goberno os cumprimentos básicos que, máis aló da escolarización, conleva un ensino digno en igualdade para todos. En liña co que preconizaba Aristóteles, a construción de sociedades democráticas máis xustas e equitativas require establecer fortes vínculos entre educación e cidadanía que non esquezan a existencia de connotaciones socioeconómicas e políticas, a máis diso herdanzas históricas conformadoras deses hábitos culturais profundamente limitadores cando son portadores daquela violencia simbólica de que se falaba máis arriba. Nese punto de confluencia do invisible simbólico coa visibilidade de actitudes reais que atopan acubillo no BOE e noutros Boletíns oficiais, cobran especial relevancia as múltiples razóns que Xurxo Torres sinalaba en 2006 para explicar a desmotivación do profesorado escolar e que, en boa medida, están tamén na de moitos alumnos. Os lazos das culturas escolares coa sociedade non son tan distintos dos que subxacen aos hábitos que de contino se renovan no pluriforme xogo das relacións humanas.


En consecuencia, aínda supoñendo que a alusión de Forcadell valese de pouco, na cuestión catalá o simbólico está urxido doutros xestos políticos en que o realismo e as renuncias se encaucen ao mellor fin. Tamén é un bo pretexto para observar en que medida as simboloxías expresadas na LOMCE como norma estrela, defenden ben a obrigación do Estado de promover a universalización do dereito á Educación sen desdouro do que signifique hoxe que sexa igualmente digna para todos. Como complemento -nada simbólico desa análise-, aí está o modelo Cifuentes -continuidade do modelo Aguirre-Fígar- mantendo en precario o ensino público mentres apunta 1000 millóns para a privada e concertada nos orzamentos do ano próximo. E por se houbese dúbidas sobre de que o simbólico e o real non se entrecruzan, o novo xiro que está tomando o suposto pacto “político” “que non social- da Subcomisión parlamentaria é un bo paradigma. Os urxidos por adiviñar a boa ventura que de aí vaia a saír, pronto poderán advertir cómo algunhas das máis significativas diferenzas simbólicas e reais -vixentes no sistema educativo deste país- seguen vivas. Onde iriamos parar, se non!

TEMAS: LOMCE. Pacto Social e Político en Educación. Símbolos. Violencia simbólica. Dominación. Igualdade. Constitución: art. 27.

Manuel Menor Currás
Madrid, 13.11.2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario