Deberían ser obxecto de análise pormenorizada de males presentes e futuros que ameazan a todos, tamén os máis selectos
A análise dos metabolitos, substancias desprendidas mentres se metabolizan os alimentos, é capaz de detectar múltiples afeccións. Esta vía de investigación poderá previr e sandar de raíz máis de 30 de enfermidades, as neurolóxicas como o Alzheimer, e os cancros. Tería grande interese dispoñer igualmente doutras que detectasen as raíces de condutas que amargan a vida colectiva. O amplo campo, que ocupa a especialistas en Psicoloxía Social e áreas multidisciplinares de coñecemento, a Historia entre elas, xa tivo a Cicerón predicando que era “mestra da vida”. Outros artefactos narrativos, especialmente os contos, tamén o pretenderon coas súas ensinanzas. E nesa vontade abondan a novela e o cinema sen que a súa inspiración nas noticias diarias poida dicirse que axude categoricamente a mellorar a sociabilidade.
Os carros de Xedeón
A escala internacional, son dignos de atención, por exemplo, os termos en que se move Netanyahu en Palestina. Ante todo, -como nas estratexias de todos os autoritarios para non perder poder- a invocación do belicismo de Xedeón cos madianitas -a que alude a Biblia en Xuíces 8, 13-26-, pode quedarlle moi ben cos máis ultras do seu Goberno, pero ademais de esquecer os versículos seguintes -a trampa do desagradecimento, a prostitución da súa xente e a desmemoria-, é puro regreso á lei do máis forte e máis besta. O Código de Hammurabbi (século XVIII a. C.) queda amplo. Non ten en conta as razóns que –en boa medida por culpa do Holocausto da súa xente- propiciaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948. Do que acontecera aos seus antepasado desde o ano 70 d.C. -tras a vitoria do emperador Tito- pasando polos progroms en toda Europa ata Auschwitz e Treblinka, aprendeu a imitar as artes dos verdugos, pero non se lle pegou a empatía con quen, desde 1948, ían sufrir o seu expansionismo. Ese ano, o independentismo israelí empezou a xerar unha profunda fenda en persoas como o poeta Mahmud Darwix, que sempre sufriu a “presenza dunha ausencia” ao non poder ver a terra onde nacera. Se ninguén detén a anunciada volta de Xedeón, os desmáns de Netanyahu cos gazetíes acosados serán puro sarcasmo: a zona turistificarase ao gusto de Trump .
A cuestión palestina sérvelle de pretexto ao malabarista do despacho oval para impoñer o seu potestas –que non auctoritas- sobre canto o rodea. Acaba de deixar a estrutura universitaria americana pendente dos seus caprichos ideolóxicos. A limitación de axudas federais que impuxo a Harvard, e ao seu alumnado estranxeiro –ao redor dun 27% da súa matrícula-, pon en risco boa parte da mellor investigación mundial en aspectos valiosos da vida humana. Equivale a dicir que o afán de coñecemento é malo e as censuras ideolóxicas preferibles se rozan a luxosa orde ignorante en que soña, ou que as protestas dos novos estudantes polo que sucede en Gaza, deslocen o seu imperialismo triunfal. O roto que causa a unha das máis recoñecidas universidades, berce de premios nóbel en múltiples disciplinas, é un aviso coercitivo ás demais universidades, pero fai saber que con Trump e a súa xente como gardiáns da árbore do ben e do mal, o paraíso liberal entrará en dúbida. A diminución do coñecemento axudará a que reine na Terra un pouco máis de estupidez.
Violencias
condicionadas
Estes asuntos, tan televisados, configuran un dos momentos máis horrorosos da Historia, con ser o máis avanzado na peripecia humana sobre a Terra. Poderían considerarse un síntoma de “a mediocridade da especie humana”, opinión sólida dalgúns filósofos, contrastable ante a frecuencia de indicios de contaxio. No ecosistema sociopolítico hispano proliferan imitadores do trumpismo a grande e pequena escala. O impoñente afán de combate que locen en intervencións broncamente altisonantes repítese tanto se preguntan no Parlamento coma se peroran do espectáculo eurovisivo. No intenso tempo posterior a este evento exhibiron repetitivas clonacións un mesmo patrón: a indiferenza ante as mortes por desnutrición de miles de nenos. O seu nulo interese por Gaza ou Cisxordania deixou tremendo calquera indicio de honrado aprecio pola verdade e a xustiza. O modelo TRUMP é expansivo e esta deshumanización , engadida a xenealoxías autoritarias, fainos fachendosos ante os outros seres humanos , que só han de existir para renderlles pleitesía.
Os imitadores do guión moral de Trump
son capaces de anular narrativas distintas das súas; a base de repetir xestualizacións
mediáticas, e concertalas con outros efectos de intensa repercusión na opinión
que se publica, logran a miúdo naturalizar as súas posicións sobre o ben e a
verdade. A orde, o bo e o verdadeiro –e
non digamos o xusto e o inxusto- pasa unicamente polas súas neuronas,
xerando graves problemas de entendemento na convivencia democrática. Non
viviron os anos anteriores á Transición, pero séntense herdeiros das misións en
que andaban os “guerreiros do anteface” ou o “Capitán Trono” dos cómics dos
anos cincuenta, aínda que sigan os principios reitores do sufrimento palestino ou
o que empezan a padecer os máis selectos estudantes americanos. Entre as suas teatralizacións recentes destaca a do
pasado mércores. Varios senadores querían que a actual ministra de Educación lles
confirmases supostas certezas que
eles tiñan e, sen límites á procacidade, parecían resucitar os inquisidores da Gobernación e da DGS,
anteriores á CE78, na madrileña Porta do Sol.
Os espíritos destes sagaces comisionados andan soltos por coloquios, emisións de radio, redes sociais e cartelería publicitaria, en que os prexuízos determinan toda información decente. Nunca se oirá aos seus máis aguerridos e aguerridas voceiras prestar atención a que os docentes volvesen por enésima vez á rúa en defensa dunha escola pública ben tratada e un concepto de ensino que sobrepase o dunha gardería. Tampouco se molestarán coa apertura dunha nova consideración xudicial sobre o acontecido na pandemia a 7291 persoas madrileñas por discriminación, e os seus exabruptos e pendencias non tocan a xestión dos efectos da DINA na Horta Sur valenciana. Procuran, iso si, entreter moito con prospeccións morais de anónimas acusacións de futuribles causas penais que rolden aos seus adversarios. A súa metodoloxía sempre conta cun colaboracionismo multiforme e difuso, apto para coarse en ámbitos onde os ávidos de seguir na foto frecuentan a pose pase o que pase. Esa prevalencia de moitos cidadáns e cidadás por non perder pé é unha actitude escura que detectou Shopenhauer cara a 1860: “na maioría dos homes a vaidade innata vai acompañada dunha necesidade de cháchara e dunha falta de honradez innata”. As súas nanoviolencias resultan tóxicas.
TEMAS: Moralidade e Política.- Autoridade e autoritarismo.- Representación política.- Postura e conformismo.- Violencia informativa.
MMC (24.05.2025)