A opinión dos docentes...non conta?

12 may 2025

Posibles significados do nome do novo papa


Chamarse León XIV indica vontade de proxecto, pero non implica que vaia sobrepasar as maneiras menos convencionais de Francisco I.

 Pasados os días rituais posteriores ao enterro de Jorge Mario Bergoglio, e os protagonizados polas congregacións dos cardeais e o seu conclave, poucos acertaron como sería a elección de novo papa. Algúns, coñecedores dos recunchos existentes tras a Praza de san Pedro e, nas reunións electorais da Capela Sixtina, intuíron tras factores supostamente espirituais, os detectables como en calquera outro campo sociolóxico. Desde Relixión Dixital e Eclesalia Informativo albiscaron qué ía suceder e, o segundo destes medios mesmo adiantou o nome do actual pontífice.

 

Os tópicos turistificadores destes días televisados, tasluciron asuntos relevantes. A insistencia en que o Vaticano lideraba no mundo uns 1.406 millóns de católicos -tendencia confesional maioritaria entre os 2.300 millóns de crentes cristiáns-, con ser de gran relevancia para entender os comportamentos humanos, sobre todo en Europa e América, facilitou atender a evolución desta estatística tamén en España , onde, á marxe doutras confluencias confesionais, ten habido un gran cambio nos últimos oitenta anos en canto a crentes católicos. Desde a firma dos Acordos de España coa Santa Sede en 1979, algunhas noticias destacaron un leve incremento último, e tamén mencionaron o número de nenos e nenas matriculados en clases de Relixión. Ambos os tipos de datos -moi condicionados por outros-, non restan valor a que o 53% dos españois se declaren católicos –hai 10 anos facíao o 68%- e que só o 17% diga ser practicante (outro dato que, segundo se afine este concepto,  fluctúa á baixa).

 

De todos os xeitos, talvez non se deba esquecer que insistir nesta cuantitatividade –repetindo un debate habido ao redactarse a CE78, cando aínda estaba moi vivo o nacionalcatolicismo- para reafirmar a “aconfesionalidade” española volve ser contraditorio. O termo, máis retórico que efectivo, non fai que o entrecruzamento de intereses privados do catolicismo cos asuntos públicos do Estado sexa pertinente nunha democracia plural. É fonte de conflitos permanente esta maneira de encubrir a evolución do acontecido estes anos en asuntos como a educación, dereitos da muller co seu corpo, ou a eutanasia, por exemplo. Aos ollos de moitos cidadáns –crentes e non crentes-, as interferencias episcopais no funcionamento cualitativo da Constitución e na liberdade de conciencia, poucos argumentos ofrece para a repartición de recursos do orzamento económico acordado; as diferenzas respecto ao Concordato de 1953 -que viña repetir o de 1857-, máis formais que operativas, condicionan o sistema educativo español e a modernidade democrática.

 


O novo papa -do que se insistiu en que era “administrador” e “misioneiro”- pronto deixará sinais da súa capacidade para proseguir a apertura que se atribúe ao pontificado de Francisco I, cuxa encíclica sobre  “o clamor da terra e o clamor dos pobres” esixía un “uso responsable” de recursos dos que non somos “propietarios e dominadores” (Enc. Laudato si): “o desenvolvemento humano integral e a inclusión social” non están “garantidos polo mercado”. A proximidade de Bergoglio á xente quedou de manifesto tamén na súa outra encíclica Fratelli tutti, recoñecendo a dignidade de cada persoa” en que coidar o mundo que nos rodea e coidarnos a todos era o contrario de “utilizar demagoxicamente aos débiles”, ou formas propicias “ao servizo dos intereses económicos dos poderosos” (punto 155). Para moita xente pode ser pouco, pero no medio do balbordo reinante lembraba asuntos vitais. Os xestos de León XIV nestes días aínda son ambiguos; claman pola paz, pero seguen o comedido hábito vaticano, moitas veces ambivalente para a realpoltik que segue en cada país.

 

Chamarse León XIV

A opción de Robert Prevost pola muceta, zapatos vermellos e estola, sumada ás súas primeiras palabras como León XIV, parece indicar que será un papa máis centrista que avanzado. Cauto para explorar camiños entreabertos polo seu antecesor, podería dicirse que, ao modo de Pablo VI -sucesor de Juan XXIII-, vai ser un misioneiro que administre unha síntese das posicións internas dos eclesiásticos.

 

Elixir chamarse León XIV aclara pouco. A historia real do seu antepasado onomástico, sen concretar a suposta apertura da súa “encíclica social” Rerum novarum, vén repetir, como advertiu Mark Twain, que “o primeiro que fai o púlpito, xubiloso, é proclamalo obra de Dios e exhortar ao pobo para caer de xeonllos e profesar o seu agradecemento” (Cartas desde a Terra). Esta carta papal atendía os problemas sociais que xerara o capitalismo industrial, pero lida amodo e contextualizada, a súa atención foi curta. En 1891 -data da súa publicación-, o movemento obreiro levaba xa máis de 60 anos pelexando con quen os trataba como mercadoría barata. Sen seguros de ningún tipo nin protección legal, suscitaran reaccións máis avanzadas en círculos católicos; insistir en “a caridade” como solución ao conflito que expuña a eufemísticamente chamada “cuestión social”, non era moito avance. Ante aquelas miserias, tampouco o era a linguaxe desta carta, diferente segundo falase aos capitalistas ou aos proletarios. Desde os primeiros parágrafos condenaba o relato destes e, oposto ás súas “cousas novas” con argumentos xa antigos sobre a propiedade privada, “non dialogaba” con quen andaba naquel movemento e chegaba tarde. O Manifesto comunista era de 1848, e as primeiras medidas estatais en prol dunha “xustiza social distributiva” –a orixe do Estado Social- foran postas en marcha en Alemaña por Bismarck en 1883, quen para lograr “seguridade social”, non tivo empacho en contradicir principios clásicos da Economía Política liberal. A pobreza estrutural que xeraba aquel sistema laboral non o solucionaba o voluntarismo caritativo de que falaba León XIII, e pouco cabía esperar das prevencións sobre a “liberdade de ensino”, “liberdade de cultos”, “liberdade de expresión e liberdade de imprenta”, que mostrara en 1888, noutra carta-encíclica: Libertas praestantissimum.

 

Segundo os escolásticos, De nominibus non est disputandum (Dos nomes non hai que discutir), pero se León XIV imita esta traxectoria, o cambio de ciclo histórico en que andamos –coa revolución dixital por medio- non alterará o seu rumbo. Segundo o actor Harvey Keitel, “as decisións que tomamos son o que nos define”, e tamén Lucas, 6, 44 e Mateo, 7,16. dixeron antes que “polas obras os coñeceredes”. En todo caso, necesitará algo máis que sorte.

 

TEMAS: León XIII/León XIV.- Obras e palabras.- Pobreza e cuestión social.-Estado Social.- Acordos coa Santa Sé.

MMC (12.05.2025)

No hay comentarios:

Publicar un comentario