A unha semana do sonoro e negro apagamento eléctrico, seguiu unha ampla gama de silencios e ruídos, propicios á ignorancia.
Os atrasos sufridos por máis de 12.000 persoas a causa de contratempos
ferroviarios nesta madrugada de luns volven resucitar moitas das cuestións que
quedaron pendentes tras o apagamento eléctrico. Teñen particular interese as vivencias persoais –e colectivas- que
aquel acontecemento suscitou; á beira dos problemas que puxo en evidencia,
para cantos xa eran adultos nos anos noventa -en que houbo un cambio profundo
nos modos de comunicarse- foi un alivio recuperar maneiras de facer e
relacionarse que parecían xa mortas. O grao de comprensión, complicidade e
servizo mutuo que se palpou en rúas ateigadas de xente, era un certo consolo.
A pesar de iso, de todo o demais talvez deba destacarse o tempo perdido en explicacións, teorías, diagnósticos, opinións e comentarios prexizados, que aquel acontecemento trouxo consigo, como xa o facía cando o grego Polibio (Século II a. C.) reclamaba a personaxes principais non repetir ofensas ás pedras en que caían personaxes principais. As leccións de expertos e interesados mesturáronse, as grandes incógnitas seguirán no aire, os diagnósticos verídicos faranse esperar e as leccións debidas talvez nunca se logren. É dicir, que non será difícil seguir a dinámica que denunciaba o historiador grego. Con moita probabilidade, volveremos ver e oír a cantos sempre tratan de pescar en beneficio propio e, sen interese ningún por entender en no que pasou para que non volva ocorrer, talvez non logremos nunca un veredicto de proveito para o futuro de todos. Con todo, seguir dándolle voltas a este asunto entreterá moitos debates, mesmo no Parlamento, sobrevirán outras urxencias e, como moitas outras veces, é posible que quede flotando indefinidamente: sirvan de mal exemplo moitas supostas comisións de investigación pensadas para a nada. A inmediatez de respostas que as Redes sociais imbuíron nos hábitos cotiáns de inmisericordes chibatos ególatras, non son precisamente o mellor antídoto para este problema de fondo.
Descubrir pautas de longo percorrido, que seguen aí aínda que parezan non existir, pode axudar a un presente-futuro en que caiban todos os cidadáns. Non faltan na xenealoxía da cultura española actual hábitos máis que propicios a comportamentos esquivos coa análise do que sucede e favorables a ter sempre razón ante os demais. En especial, poderían traerse a colación lecturas de carácter non tan estritamente piadoso como parecía, aínda que fose tal o seu pretexto. Por exemplo , aquel inicio do Xénese, en que a “caída de Adán” semella moi de cerca este “apagamento” ; entre os motivos de ambos os momentos hai abandonos e concesións que, na linguaxe da simbolización relixiosa, viñan sendo considerados “pecados” e, na democratización actual dos asuntos públicos, debería ser sempre cumprimento ou incumprimento de “dereitos” compartidos, coas súas pertinentes derivacións de responsabilidade.
Actualizada neste mesmo sentido, tamén podería valer a lectura dun
texto moi divulgado desde o último terzo do século quince; na Imitación de Cristo, do alemán Tomás de
Kempis, máximas hai, como as do capítulo XX, en que proliferan consellos
adecuados “para estar consigo mesmo”, ocupar ben o tempo e evitar “o superfluo” de andar ocioso e oír
novidades e murmuracións”, pois no trato cos demais humanos –dicía este
autor, de tanto éxito aínda nos anos cincuenta e sesenta- é “máis fácil cousa
calar sempre que falar sen errar”. Este consello, lido e contemplado desde a
óptica unitaria de “a verdade” e “o ben” como algo ontolóxicamente propio do
ser e as súas calidades –como explicaba en paralelo a Escolástica -cando os Fundamentos de Filosofía de Millán
Puelles eran obrigados nos estudos de Comúns en Filosofía e Letras –nos anos
setenta-, é razón de cantos tendo
algunha potestas pretenden ter a
máxima auctoritas tamén. Dá igual
o asunto, e dá o mesmo un ou outro nivel de responsabilidades, con aquela e sen
esta non se preocupan de se causan
malestar na xestión e pasan á historia real pretendendo ocultalo tratando
de que os demais non se decaten. Sobrados asuntos pivotan no momento actual
sobre xulgados de diversas instancias, en que abundan testemuños cínicos; e acontecementos como o da DANA en
Valencia, que tantas penalidades trouxo a máis dun millón de persoas, ben
indican o lonxe que estamos de atopar liderados capaces de canalizar ben as
ansiedades de todos.
Cansa pobreza democrática mostra o repetir o consello que, no cancioneiro popular galego, unha nai dá á súa filla casadeira, en situación carencial: “tapa miña filla tapa, que unha perna tapa a outra “. Esa praxe, á parte de encubrir vellas taras de poderes interesados no retroceso de canto posible cambio poida traer unha maior expansión do coñecemento, para non perder supremacías de privilexios do pasado, en nada mellora a convivencia imprescindible para arrostrar os serios problemas que ten a situación global da Terra como casa de todos. Ao ritmo do acontecido ao redor do apagamento de hai unha semana –e que tan oportunamente se repetiu para os usuarios dalgunhas liñas ferroviarias-, a conveniencia do cansazo seguirá sendo a mesquiña vara de medir o que mereza a pena na Historia que quede por vivir aos humanos.
Poucas esperanzas suscitan preguntas que repiten silencios longos dun pasado imposto do que parece perderse a memoria. Non deixa de ser rechamante neste punto a coincidencia coa traxectoria que está a seguir o acceso de todos a un tempo ensino de igual dignidade para cantos acceden a ela. Moitos non poden apreciala porque, entre outras cousas, non lles faculta para aprender a ler o que sucede e ter liberdade para utilizar ese coñecemento en beneficio dunha convivencia máis harmónica con canto acontece. Entorpecer a igualdade democrática da educación é repetir un pasado que debía estar sobrepasado en aras dun presente-futuro realmente valioso. Iso saben tamén moitos dos 133 cardeais que están a piques de entrar en conclave; o futuro da súa Igrexa ben pode ir cara a un pasado xa coñecido –reducido a uns poucos-, ou perseguir un futuro aberto a sensibilidades vivas, en que caiban “os xentís” (Feitos, 10, 47).
TEMAS: O apagamento e as súas repeticións.- Silencios e explicacións.- Convivencia plural.- Problemas globais.- Igualdade de dereitos e responsabilidades.
MMC (05.05.2025)
No hay comentarios:
Publicar un comentario