A opinión dos docentes...non conta?

29 abr 2026

As presións sobre a linguaxe medran desmesuradamente

Un apagamento como o que hai un ano deixou en tebras toda España, ameaza con deixar sen luz gran parte das palabras expresivas da democracia.

As coaccións do sistema económico, combinadas cos cabildeos máis estritamente políticos, desfiguran a palabra cada vez máis, e vulgarizar o máis respectable de cuanto ocorre en unha operación en que, tras o silencio do significativo, o superficial oculta o valioso de canto sucede. O resultado é unha koiné simplificadora que, dun ou outro modo, alcanza, en hábitos e xestos á educación, á cultura e á linguaxe en que nos expresamos. O frustrado atentado do sábado 25.04.2026 contra Trump evidencia esta tendencia, en que o silencio se impón á conversación democrática. O gabinete de comunicación do presidente non pon en cuestión se as políticas de Trump o induciron, e se a facilidade de que a posesión de armas -case indiscriminada- que hai en EEUU posibilitou, unha vez máis, un magnicidio, apenas será mencionada. Si aparecerán grosos tópicos do trumpismo dicindo, como dixo Karoline Leavit, que “este tipo de violencia” aliménta “o culto da esquerda ao odio”.

Máscaras. Maruja Mallo, 1954.

O discurso de moitas narrativas xornalísticas -e tamén históricas- ocultando crimes, e desidias ou carencias públicas na atención aos dereitos de todos, renova de contino esa tendencia, acorde cos reiterados silencios de altas personalidades ante a Xustiza española estes días. Estas amnesias oportunistas -case martiriales en xestos e ademáns- lembran escusas do tipo “Deus quéreo”, “Deus connosco”, “Santa Cruzada” e similares, tan coñecidas das persoas xa entradas en anos. Os cambalaches expresivos teñen longa tradición desde antes da cultura de “cristiandade” na Europa medieval. É rechamante que as calumnias e insultos que, antes do ano 313 d.C., dirixían os xudeus contra os cristiáns repetínas estes contra aqueles despois (Joseph Pérez [2005]: Os xudeus en España).  As raíces comúns que compartían, e as variacións da súa situación legal, contribuíron -con outras  de índole social- a que ambos os grupos se acusasen de "estraños", "misántropos" e perturbadores da orde. Ao non adorar aos deuses romanos, o “ateísmo” -acusación grave en Roma- andou primeiro en boca duns e despois os outros, case sempre acompañada de propensión á “superstición” e o “paganismo”, aspectos que, á súa vez, serviron para razzias internas. Prisciliano, por exemplo. foi executado no ano 385, en Tréveris, por vincular o ascetismo cristián a un “excesivo” aprecio á Natureza e a unha interpretación libre do prescrito polos concilios do século IV.

 Aignorancia daniña” que, segundo a ortodoxia oficial, conlevaba a afección aos vellos ritos politeístas e a súa vinculación á Natureza, moi perseguida desde a cristianización do Imperio, tivo no propio emperador Teodosio un cruel executor. E Martiño de Braga fustigaba, no seu libro De correctione rusticorum, o gran prestixio que aínda tiñan na Gallaecia sueva do século VI os hábitos máxicos de sanación . As acusacións mutuas entre xudeus e cristiáns -de carácter antisocial e mesmo “infanticidio”- traspasaron amplamente o tempo do imperio Romano, e xustificaron inquisicións diversas e, tamén, progromos sucesivos, incluso o nazi. Agora, aqueles antigos usos puristas da linguaxe vindicativa reviven no xenocidio de Israel en Palestina e Líbano; e as razzias do ICE (Servizo de Inmigración e Aduanas) en EEUU, vinculadas ao supremacismo, volven a España nos acordos do PP-VOX sobre un “enraizamento” que dea “prioridade” aos estremeños e aragoneses -e moi pronto, a leoneses e casteláns-, ao servizo de “a unidade”. Xa non repara en insultos soeces aos adversarios ideolóxicos.

Vulgarizacións significativas

Os significantes do discurso político -tan vinculados o pasado - reforzan a imposición á opinión pública de criterios que contradín o valor que, entre o século XVIII e o XXI, adquiriron as palabras que expresaban os mellores ideais humanos. O grao de imprecisión e ruín avaricia que combinan na fala moitos políticos para manipulala, ten gran relevancia. Esta inclinación para esquivar os seus significados valiosos, á parte de indicar a fraxilidade da democracia, limita o alcance dos supostos “avances democráticos” logrados en España desde o 20.11.1975. Reorientada a súa linguaxe cara a unha senda non democrática, contamina os supostos logros “progresistas” e obriga a repensar o papel de ocultación con que a retórica política vehiculou, desde a Transición, abandonos, desidias e rutinas redutoras das mellores expectativas democráticas dos cidadáns.

A degradación da significatividade das palabras que a expresaron, segue. Esta linguaxe , que se labrou como se esculpen os cantos rodados, e que o esforzo e dedicación na escola e o estudo afinaran , está a ser atropelada, cada vez máis, polos donos da mercadotecnia e os seus masivos medios de difusión, que se impoñen  a calquera  matiz expresivo e invaden todos os espazos á procura de maximizar a súa rendibilidade. Esta vulgarización conecta, ademais, con outros fenómenos acontecidos desde que España entrou de cheo no desenvolvismo tras o Pacto de Madrid en 1953. Da similitude dos seus resultados daba conta o sociólogo Francisco Jurdao -autor de España en venda (Ed. Ayuso: 1979)- cando dicía que “os chourizos do meu pobo xa non son do meu pobo”. Aínda non se falaba  do indiferente que é comer nuns ou outros sitios do centro urbano: todos iguais e con menús que se preparan en naves industriais -como a maioría do pan que despachan supermercados e panaderías. Moitos turistas non advirten a autenticidade que ten o que comen, e os máis conscientes do lugar non sempre poden ir ás súas casas e cociñar nutrientes que merezan a pena; a competitividade laboral impídello e xa se anuncian apartamentos en que , para preparase algo persoal, só hai un microondas.

Nos museos, ámbito cultural especialmente simbólico, tamén rende unha vulgarización similar. Guías obrigados a explicacións que contaminan o significado de cuanto se exhibe, logran que dóciles visitantes cumpran facéndose un selfie. Todos estes centros parecen iguais: cada ano medra un ritual que amarga a cantos non están dispostos a que tanta xente obsesionada por usar o móbil lles impida contemplar tranquilamente unha peza valiosa e deixarse conmover pola súa expresividade.

MMC (27.04.2026)

TEMAS: Linguaxe e silencio.- Linguaxe política.- Precisión conceptual e significatividade expresiva.- Mentiras e insultos. Trumpismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario