A opinión dos docentes...non conta?

22 abr 2026

É razoable e pertinente procurar entender que pasa?


A coincidencia de feitos e actitudes persistentes en desidias e inequidades irresponsables, desfiguran a convivencia democrática.

A pregunta non é un sobresalto ante o dificultoso que sexa entender a intrahistoria que mostra, desde 1947, a variable cartografía do que chamamos “Oriente Medio”. Na cronoloxía do acontecido nesa área, as mutantes relacións diplomáticas entre España e Israel -que desde hai tres anos se enrarecen máis- adquiren maior perspectiva se nos retrotraemos ao século I d. C. O emperador Tito arrasou o que no ano 70 era Xerusalén, e os relevos do arco triunfal que os romanos lle dedicaron á beira do Coliseo representan os tesouros saqueados no templo de Salomón ao culto de Yahvé, mentres a poboación era espallada polo Imperio. Os queixumes morais dos atrapados naquela Diáspora -como os doutras-, foron unha constante queixa ao Deus de Abraham e David sobre a dicotomía do ben e o mal. Coa de Job, engadíronse ás preguntas que a Humanidade sempre se fixo sobre o sentido da existencia; a súa dificultade para convivir, ou meramente subsistir sen danar, sempre estivera en cuestión, e no Xénese, o libro do Pentateuco que a crenza xudía considera fundamental para a súa unidade canónica, o miolo do seu primeiro relato significativo -sobre a creación- é a distancia entre o ben e o mal, cuestión clave dun dereito en que  Yahvé é o Deus único, con potestade de esixir obediencia absoluta aos seus mandatos tras a simbólica árbore do Paraíso.

Natureza viva.XIII. Maruja Mallo 1943

Os estudosos deste libro relixioso da Biblia discrepan sobre a data en que foi escrito. Quen llo atribúe a Moisés sitúano entre o século XV e XIV a.C., mentres outros, máis centrados nos elementos narrativos do texto, suxiren que debeu ser no exilio de Babilonia  -preto do actual Iraq- ou despois, de modo que podería pertencer a unha data entre os séculos VI e IV a.C. Noutras áreas culturais da Terra, os baremos do ben e do mal como norma de conduta, son máis antigos, salvo para negacionistas que non dan por pescudado o acontecido na evolución humana no Paleolítico, en que -moito antes que en Atapuerca -, apareceu hai 52 anos nun xacemento de Afar (en Etiopía), un fósil feminino  Australopithecus Afarensis, datado ao redor de 3,2-3,5 millóns de anos. Era 1978 e na radio soaban os Beatles, cuxo Lucy in the Sky valeu aos arqueólogos para nomear os restos daquela homínida.

O ben e o mal aquí e agora

Pasaron 48 anos máis e, neste presente, as distincións morais rexorden ante acontecementos en que está en xogo a existencia de millóns de humanos, entre eles moitos nenos e nenas sacrificados por un cainismo deshumanizador. Nunha  Terra cansa, preténdense xustificar -no plano internacional e no máis próximo- accións e omisións inxustificables. Aos fillos dos fillos da ira, élles especialmente relevante o que acontece en procesos dispares pero similares do ámbito xudicial español: o “Caso Kitchen” xa leva 13 anos rodando e afecta os fundamentos do sistema democrático; o “Caso Begoña”, co de “as máscaras de Koldo” e demais colegas, máis colateral, parece máis rápido, pero as diferenzas cesan se se observa que os afectados pola súa proximidade escúsanse, como Miguel Tellado, na moral partidista. Segundo este intérprete, cando Bárcenas e Rajoy intercambiaban información, a actual PP non andaba por alí. Este pretexto sería irreprochable se na CE78 non existise a figura do “partido político” como suxeito da representación cidadá, coa súa regulamentaria xerarquía de responsables “in vixiando” e “in actuando” de cantos actos fixese ou faga esta institución pública, e a súa coherente xenealoxía de responsabilidades. O “nós non fomos” desvitúa  a “imaxe” dunha estrutura democrática; deteriora a súa credibilidade e afecta a todos os partidos, e máis cando as corrupcións e corruptelas -sen contar a súa historia anterior a 1978- teñen unha secuencia aburrida.

Algo parecido sucede con outras institucións de entidade privada e proxección pública, como a que gobernan os bispos. Na tradición cultural do Occidente europeo, o que di parece inclinado a continuar proclamando, agora mesmo, os seus criterios doutrinais e morais coma se debesen ser norma universal do ben e do mal. Non é a etapa do nacionalcatolicismo, pero todo oínte católico -e máis se é ateo, indiferente ou fiel a outra crenza- non entenderá estas proclamas sen validar cuestións previas, como unha suposta infalibilide episcopal, ou o recoñecemento democrático das súas formulacións públicas. A ninguén lle será fácil, por tanto, admitir que o discurso último do presidente da CEE non sexa unha interferencia indebida nos poderes dun Estado constitucional.

E menos se revisa prédicas e cartas do pasado episcopal, e que non se lles reclamou o compromiso contraído nos Acordos de 1979 para autofinanciarse. A democracia máis ben amplioulles recursos: os gobernos da CE78 subsidiaron as súas actividades de culto e sufragan outras que non teñen este cariz, como dá a entender o uso da gran listaxe patrimonial que teñen no Rexistro de Propiedade. Sempre se queixaron, con todo, da ampliación dos dereitos civís alegando, moitas veces, que interferían o seu criterio do ben e do mal. En consecuencia, se entre o que os bispos reciben do Estado e os impostos que os seus bens como Iglesia non pagan, reciben do erario público ao redor de 11.500 millóns de euros anuais, debesen explicar como o presidente da CEE predica -ao estilo de Feijóo &Cía.- que o Goberno“ manifesta un desmedido afán de intervir na sociedade” ou que, ao referirse aos “abusos” e “o Val dos Caídos”, parta dunha visión transhistórica dos “pecados”. Unha Historia de España digna de todos non é posible sen “dereitos civís” e, como dixo Locke nas súas Cartas sobre a tolerancia (1689-1692), sen un cumprimento igualitario dos seus códigos. Certo é que, ata a Pacem in Terris (1961), o Vaticano non recoñeceu a Declaración Universal de París en 1948, pero a doutrina de Argüello fai incongruente ao papa León XIV, quen, na súa toma de posesión, reclamou, hai un ano, que a Igrexa se deixase “cuestionar pola Historia”. Non será “fermento de concordia” -como pedía- se, en Educación por exemplo, non se abre a unha ética de responsabilidade en que todos os educandos caiban en igualdade.

MMC 21.04.2026


No hay comentarios:

Publicar un comentario