A opinión dos docentes...non conta?

24 abr 2026

A “desmemoria aprendida” trata de impoñerse ao valor significativo da fala.


A capacidade da palabra para poñer orde, racionalidade e sentido volve poñer en valor o relato bíblico da Torre de Babel.

Na era Trump, cada día que pasa crece o despropósito significativo das palabras importantes. Qué sexa “guerra”, “paz” ou “tregua” é incerto estes días, e “ser de palabra” perdeu valor. O que mola é a capacidade de darlle a volta aos núcleos verbais pillándoos polo máis ladino; é “emprendemento” e listeza para moverse nunha xungla onde hai que estar á que salta. Con rudeza violenta no que se di, e un chisco de chiscadela triunfal engadida, téñense moitas máis posibilidades de aproveitar o descoido do interlocutor en calquera envite de negocios ou política, e saír ben. As manganchadas dos vellos tratantes de feira ante o coitado labrego que se achegaba a vender a súa vaca seguen vigorosas; entre os agudos en farois e artimañas, este estilo feroz está de moda ata tal punto que, desde o uso das palabras, ninguén se aventura a explicar que vai pasar.

Máscaras. Maruja Mallo, 1942.

Os politólogos parécense máis á pitonisa de Delfos, cando non á esfinxe de Edipo. Esta sintaxe é complicada, e aínda que moito políticos e políticas falen en prosa  simplona -sen nada poético-, a súa oralidade empeza a ser inentilixible. A súa palabra -falada ou escrita- non vale como compromiso nin contrato, ao non  corresponderse co que apalabraran. Ademais, colleron a teima de que a circunstancialidade do conxunto expresivo de canto digan ou fagan  outrora se escureza nun sobrevido Alzheimer; canto roldase as súas palabras e feitos noutro momento tenden a sometelo a un oportuno “non me acordo”, “non teño constancia”, “É falso”, nin probas nin Caixas B…“non pode ser”, “próbeo vostede se pode….” Esta “desmemoria aprendida”, que tanto aprecian algúns xuíces -mentres outros son tenaces en prospectivas- vale para salvar da acusación a quen conveña, á vez que prestixia en moito foros a quen se mostre escrupuloso coñecedor das técnicas procesuais para perseguir con présa e afán a quen -segundo quen deseñase o relato intertextual das sentenzas- conveña perseguir opportune et importune. Esta sofisticada maneira de falar que ten un sector da xudicatura complica máis aínda o valor das palabras. Caladamente, os procesos que nestes días se xúlgan nas altas maxistraturas do Reino -tan dispares en prontitudes, e tan conformes con outros recentes- dificultan ver o fiel da balanza e, tamén, qué sexa materia xudicial. A profesionalidade da xente de leis, ademais de coñecemento dos códigos e a xurisprudencia, sen competencia en lingüística e semiótica, non defenderá a ningún pagán ante o seu demandante. 

De Estremadura, Aragón e Castela-León….

O problema é que moitos cidadáns non poden ter eses expertos e, cando acaba de celebrarse “o día do libro”, os asiduos aos noticiarios e á lectura, deberían celebrar que Cervantes se tivese rido a gargalladas do que se lles transmite coma se fosen ignorantes, sendo eles os que pagan o custo de tanto cambalache. Á parte de pagalo cos seus impostos, son os que máis sofren as consecuencias do desaxuste significativo das palabras valiosas como “dereito”, “constitución”, “democracia”. É de ver o alcance real que ten a pelexa polo seu significado benéfico cando, sen o cheirar, asisten en directo á interpretación do sintagma “primacía” e a determinación que imprime ou outros de gran complexidade como “nacional” e “arraigo”. Se o segundo pode implicar segregación, distancia e distinción sobrevinda entre os habitantes do territorio que chamamos ESPAÑA, a “primacía” en atencións, dereitos e servizos de quen se sente dominus patriarcal -ata sobre os seus fillos- denota a existencia legal de “privilexiados” e “favorecidos”. É dicir, que hai grupos de cidadáns de primeira división, “desiguais” doutros en dereitos e obrigacións convivenciais. No trato e nas relacións, especialmente as de carácter laboral, como salarios, horarios, dereitos contractuais no intercambio da forza de traballo, estoutros -de segunda ou terceira división- ata no trato non son persoas iguais en dignidade, e polo que engaden, son vistos como perigosos

Víase vir, pero de súpeto, a partir de que unha señora se empeñase en repetir a súa ansiedade por controlar o orzamento de Estremadura, e porque a continuación un señor en Aragón -e moi pronto outro en Castela-León-experimentase igual entusiasmo, os acordos asinados con VOX deron a volta á linguaxe da CE78. Este “pacto” social queda anticuado e xa estamos en transición cara ao Manifesto dos Persas (12.04.1814), base do absolutismo fernandino; de momento, adoptamos aquel censitarismo, que tan presente estivo, desde 1834, en constitucións remisas a que “todos” fosen cidadáns. As restricións do voto -e os dereitos civís e laborais- abundaron desde 1789 en países como EEUU ou Francia. En España, baste lembrar que a escravitude non foi abolida do todo ata 1886, e que o voto universal feminino non viu a luz ata 1931; o franquismo suprimiuno e as mulleres non volveron votar ata 1977 (na Lei para a Reforma Política (xaneiro) e o Real Decreto-lei de normas electorais (marzo), despois de 41 anos de ditadura). En canto ao voto dos homes, o censitarismo estivo vixente ata 1890: só podían votar os homes que tivesen certo nivel de renda, propiedade ou capacidade intelectual; a gran maioría da poboación non tiña dereito a facelo, como quedou documentado en o Estatuto Real de 1834 ou a Constitución de 1845.

Isto unicamente é unha parte do sufragismo cultural. O acontecido estes días pasados en Estremadura e Aragón -e o que sucederá en Castela-León- lembra outras restricións que sempre están tras a erosión que diversas forzas económicas, sociais e políticas exercen cos dereitos que en 1978 tratou de recoller unha Constitución democrática. Aos asinantes destes acordos autonómicos non parece importarlles que algúns apartados sexan ilegais. Non aceptan que a Constitución se adherise á Declaración Universal de Dereitos Humanos e a compromisos de Xustiza internacional. As restricións que preconizan a grupos derechohabientes -sexan ou non inmigrantes relativamente recentes- amplían os seus recortes a cantos non pertenzan ao elitismo social con qu  marcan canto cheire a Educación ou Sanidade pública. O máis inquedante é preguntarse se herdaron esta tendencia ou foron educados nela desde a Transición que seguiu  ao 20N75. (Continuará)

(MMC: 24.04.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario