A crise actual empezou nos
Estados Unidos (2008), ligada aos créditos subprime para adquisición de
vivendas, imposibles de devolver. Manifestouse como crise financeira en
Europa e puxo á vista os problemas do sistema. Sófrese máis onde a
burbulla inmobiliaria foi o fundamento do crecemento destas décadas e o
baseamento preferente dun sistema económico pouco produtivo. As
reaccións fronte á crise en Europa foron demoradas en moitos países e a
UE non deu atopado a forma de atallala coa definición de políticas
comúns. En Estados como o español ou o italiano, cando os Gobernos de
xestión ou de dereita chegan ao poder, aplican medidas cun sentido
inequívoco: converter en mercadoría a educación, a saúde e os servizos
sociais. Amplos sectores da actividade que o Estado do benestar deixara á
marxe do mercado nun longo proceso histórico que percorre o século XX,
convértese no ideal do modelo europeo na posguerra mundial e bandeira
política da UE.
O ideario económico, vestido de
MBA de business school, que avala esta orientación vense predicando en
diferentes versións dende a escola de Chicago. Tamén en versións
políticas que arraigan na revolución conservadora anglosaxona da década
de 1980 con Reagan e Thatcher. As dereitas europeas continentais
atoparon nesta crise a conxuntura idónea para aplicar medidas que antes
non podían contar con aval social nin político nas sociedades
democráticas europeas identificadas coa marca do Estado do benestar.
Estas medidas adoptan en cada país características propias; no caso
español, a obsesión aristocrática contra a suposta vagancia dos que non
teñen traballo, o empeño recentralizador dun españolismo que nunca
asumiu as autonomías ou a teima antipolítica dunha tradición
antidemocrática desgraciadamente arraigada. Co alibí da austeridade,
entendida como aforro «despois de gastar o que non tiñamos» e «vivir por
riba das nosas posibilidades», as medidas levan a un cambio de modelo.
Buscan reducir o papel do Estado como prestador de servizos porque «é un
luxo que non nos podemos permitir» e abrir a opción de que sexan
pagados por quen poida facelo.
A dereita económica e política
confía cegamente, xaora, en que estas medidas reactiven a economía e
creen emprego. Abrindo ao mercado -privatizando- estes novos campos de
actividade, amplíanse as posibilidades de negocio choídas pola crise. E
se non temos investidores aquí xa virán de fóra, ao xeito de Eurovegas.
Unhas clases medias máis reducidas deixarán de ser atendidas polo Estado
de benestar e pasarán a pagar todos os servizos ¿Que pasará cos
demais?, ¿cantos non poderán pagar os bens e servizos que non prestará o
Estado? Seguramente, de materializaren este cambio de modelo, a
consecuencia será o empobrecemento de amplas capas, o aumento da pobreza
sistémica con máis sectores fóra de cobertura social. Mais
desigualdade. Un cambio de modelo pero non unha novidade: reactivaranse a
caridade e as subprime.
No hay comentarios:
Publicar un comentario