A opinión dos docentes...non conta?

25 jul 2012

Ruínas



Mariluz Ferreiro
Publicado en La Voz de Galicia. 25 de xullo de 2012.
No chan empedrado descansa un prato con moedas. Un neno toca o acordeón na rúa. A estampa en si e a melodía que arrastran os pequenos dedos colle a contrapié o aire festivo dos turistas, que trafegan bolsas, conversacións e sorrisos. A música é triste. E máis se soa en Grecia. Alí os músicos rueiros saben que a estas alturas de hecatombe lles é máis doado conmover que aledar. O visitante contempla ruínas de Grecia e Grecia en ruínas. Baixo a pel das rutinas, dos coches que non se deteñen, a mecánica do cambio de garda e as terrazas buliciosas latexa o rumoreo da crise. A Acrópole emerxe como unha xigantesca metáfora de principios e fins, de cimentos arrasados. Nos bancos asoman os chalecos azuis da seguridade privada, iguais aos que se pasean polas estacións. Unha ironía que ao final sexan os mesmos os que protexan unha sucursal do Royal Bank of Scotland que os que vixían a parada que conduce á praza Sintagma.
O que sucede no mapa do mundo reprodúcese agora en Europa. O Sur afúndese e o Norte vese máis alto. Certos países parece que van camiño de quedar reducidos a parques temáticos máis baratos, porque hai máis desesperación por vender, ensinar, ofrecer. As praias e monumentos low cost de Europa. «¡Que os gregos vendan as súas illas!», chegaron a pedir medios sensacionalistas alemáns. Os helenos tamén poderían reclamar dereitos pola patente dos Xogos cos que se lucran algúns olímpicamente. Uns arriba e outros abaixo, afogados. Unha paisaxe relaxante para os que van vento en popa. Pero un barco en pleno naufraxio...

No hay comentarios:

Publicar un comentario