A opinión dos docentes...non conta?

3 ene 2013

As cartas dos Reis Magos que o conselleiro non leu

A Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa editorial Galaxia vén de publicar O libro dos Reis Magos no que se recollen os texto de 26 autoras galegas, na súa meirande parte cartas dos Reis aos nenos galegos. Reproducimos aquí algunhas delas, porque temos a impresión de que o conselleiro nin as viu, nin as leu, nin,  posiblemente, queira escoitar o que din.

O libro está accesible na web da Xunta.

Se os paxaros falasen
Lupe Gómez

Queridos nenos e nenas que voades por riba da inmensa neve e do simpá­tico sol:
Os Reis Magos estamos mudos. Non sabemos contar chistes, falar. Por iso facemos agasallos cando amence nas caras dos seres humanos. O noso ofi­cio é crear beleza nos días escuros. Vós os nenos e nenas sodes coma avións
e viaxades polo ceo e por debaixo do mar. Pedides cousiñas marabillosas,
pequeniñas, importantes. Recibimos as vosas cartas, que veñen con sabor
a amoras, emoción e turrón. Este ano fostes bos porque estivestes atentos
na escola, e agora desexades unha boneca que debuxe metáforas de xabón
na auga verde. Un xoguete que fale galego cando os paxaros canten e os
espellos digan palabras de amor. Agasallos que veñan nas ás mecánicas
dese avión que voa por debaixo das árbores e da terra. Unha nena pediu
unha flor que escriba poemas nos ollos brillantes dos autobuses, nos
 vesti­dos tranquilos da madrugada. Durmide contentos, agardando que chegue
un camión cheo de experimentos científicos, e unha galiña que toque a
pandeireta. Falamos o idioma máis doce do mundo, e ese agasallo é coma
un acordeón de festa.

Carta dos Reis Magos
Inma López Silva

Queridas nenas e nenos,

Por unha vez, somos nós quen escribe unha carta para pedirvos algo: por
favor, mandádenos as cartas en galego. Aínda que veñamos de Oriente, o
certo é que o galego é a lingua na que nos comunicamos.
E, por suposto, non queremos pedirvos algo tan importante sen darvos
nada a cambio. Para que poidades escribirnos en galego, decidimos deixar
varios dicionarios nas bibliotecas. Se iso non fose abondo, tamén lle escri­-
bimos unha carta a cada un dos vosos e vosas profes para que vos axuden,
se for preciso. Por certo, engadimos uns caramelos aos agasallos dos profes
para darlles un ánimo extra. Porque, entre nós, aos profes encántanlles os
caramelos, por iso non vos deixan comelos na clase... Dálles envexa!
Así que, queridas nenas e nenos, tras pedirvos este agasallo único para
nós os tres, despedímonos xa. Lembrade que escribir en galego é divertido,
é fácil e, sobre todo, é máis sinxelo para que os Reis Magos teñamos coñe­
cemento das vosas cartas... Todo vantaxes!
Moitos bicos
Melchor, Gaspar e Baltasar
PD: Grazas aos que nos deixades as tres copiñas de coñac e a auga
para os camelos. Non sabedes o que prestan ao traballar toda a noite!

As palabras perdidas

Clara do Roxo

Benqueridos nenos. 
Benqueridas nenas: 
O que vou contarvos agora vaivos
impresionar moito. Así que moi atentos e atentas...
Este Nadal coñecín a Xan que, con nove anos, non cría en nada porque
as palabras fermosas da súa lingua galega levaban tempo desaparecendo.
Así que me disfracei de vello mendigo estrafalario e dixen chamarme Mel.
Conteille que era rei dun país afastado que coleccionaba verbas perdi­das e que as colgaba das estrelas para que non se extraviasen para sempre.
Axiña se fixo o amigo meu, aínda que, coma todos na vila, Xan pensaba
que eu era un tolo porque lles pedía a todos que me regalasen palabras en
perigo de extinción.
Pasei o Nadal tomando notas nun caderniño coas cores do arco da
vella, escoitando os vellos e consultando libros antigos e o día 5 de xaneiro
desaparecín sen deixar rastro.
Xan levara un gran desgusto, pois collérame cariño aínda que pensaba
que eu era un mentireiro. Nin os agasallos do día dos Reis Magos o sacaran da súa tristura, ata que se decatou do paquete que brillaba colgado
da estrela da árbore onde lle deixei o caderno do arco da vella e nas súas
páxinas, as palabras que recuperei para el como atadallo, fedello, lampan-
tín, larafuzas, ollomol, xacarandaina, referendario, tolambrón, chorovisco,
matacandís, galapeiro, roufeñón
e centos delas máis, cunha dedicatoria que
dicía:
Para Xan o Incrédulo.
Velaí as túas palabras perdidas.
Asinado o Rei Mel-Chor.




A bisavoa áskuol
Anxos Sumai

Os Reis Magos recibimos cartas dende todas as partes do mundo.
E así viaxamos nós, dalgunha maneira, cando as lemos. Por iso quero lervos unha carta que nos chegou hai uns días e que é, xa veredes, unha especie de viaxe...



Prezados Reis Magos:
Chámome Viviana e teño oito anos. Vivo en Galicia, pero antes vivía na illa Wellington, en Chile. Ía escribirlle ao Viejito Pascuero, pero cambiei de idea porque o Viejito Pascuero está lonxe e xa ten abondo con cruzar canles e xeeiras. Seríalle esgotador atravesar o océano Atlántico para poñerme regalos aquí.
É a primeira vez que lles mando unha carta e quería pedirlles unha cousa importante. Pensando que lles pedir, acordeime da bisavoa Wáskuol. Era unha muller kawésqar, un pobo do extremo sur de Chile. Tiñan un idioma propio, que tamén se chama kawésqar. O nome da bisavoa, Wáskuol, significa ‘medusa’. Todo o mundo na illa fala español, coma min. Só algunhas persoas sabían o idioma da bisavoa, pero morreron. Daquela, púxose triste porque non tiña con
quen conversar. Cando ela morreu, ninguén máis volveu falalo. Tampouco ninguén volveu usaros ósos de balea cos que mariscaba e se peiteaba.
Dende que vivo en Galicia falo en galego coas miñas amigas. E como non quero que o galego desapareza como o idioma wáskuol, todos os días aprendo unha palabra nova. Hoxe pola mañá, busquei a palabra “medusa” nun dicionario e aprendín que tamén se di “augamar”. O nome da miña bisavoa en galego tamén sería Augamar. É precioso!
Como teño que rematar, pídolles que sempre leven nos sacos palabras en galego para regalárllelas ás persoas descoidadas que as perden. E se atopan o Viejito Pascuero, díganlle que o estraño e póñanlle de agasallo unha augamar de cores, que se alegrará de atopar unha na friaxe das xeeiras.
A súa nova amiga,
Viviana.

No hay comentarios:

Publicar un comentario