A opinión dos docentes...non conta?

19 may 2013

Habitar en Babel


Publicada por XOSÉ RAMÓN PENA

En Faro de Vigo o 18.05.2013 
 
Cando a presente crónica chegue onde todos Vdes., viremos de celebrar a conmemoración anual do "Día das Letras Galegas". De certo, debo aclarar aquí e agora que son moi pouco dado á opinar arredor dunha determinada temática xustamente cando se vai/está/acaba de producir un episodio ritual para a mesma. Non obstante, toda vez que desta volta -á canda da exaltación da figura e mais da obra de Roberto Vidal Bolaño- o motivo da efémeride radica no 150º aniversario da publicación dun libro considerado fundacional, como é o caso de "Cantares gallegos", coido que cómpre concederlle pertinencia a aquela pregunta, "ineludible", coa cal nos obsequian -é un dicir- certos entrevistadores auto-compracentes si ou si: "como xulga Vde. o presente e mais o futuro do idioma galego?"
"Escribir nada máis pra unha provincia/ou, como os pobos árcades fixeron/escribir sobre a casca dos curtizos,/cáxeque todo vén ser a ser o mesmo", significou, como é ben coñecido, M. Curros Enríquez. Segundo el, "todo tende á unidá, lei, de entre todas,/a máis inesorabre do Progreso;/i el que de cen naciós un pobo fixo,/un idioma fará de cen dialeutos." Claro que uns versos máis adiante, profetizou igualmente o de Celanova: "Ti non podes morrer...Eso quixeran/os desleigados que te escarneceron!/mais ti non morrerás, Cristo das lenguas,/non, ti non morrerás, ouh Nazareno!"Estamos a habitar, daquela, nas reviravoltas finais do longo informe dramático ou, ben polo contrario, aínda é que restan, de entre as mil soñadas, moitas primaveras por chegar?
"A culpa é das institucións que non fan absolutamente nada pola lingua"; "a Academia galega non se move, está obsoleta"; "temos que prestixiar o idioma"... A listaxe de pareceres é longa; por non faltar, mesmo non falta quen interprete que un dos roteiros para acceder ao éxito consiste, nin máis nin menos, que en volver declarar día laborable o 17 de maio. En fin, entre litúrxicos panexéricos e non menos cerimoniosas elexías, a cuestión de fondo permanece arreo en pé: e cal cousa -que sexa realmente practicable/efectiva- podemos levar adiante?
Difícil inquérito, desde logo. Mais así e todo, na estima deste cronista, antes mesmo que entrar en semellante procura, é ben probable que debamos responder primeiro a estoutro dilema clave: e qué vén sendo aquilo que queremos/podemos facer de veras coa co idioma do país? De térmolo claro, talvez o horizonte se tornase máis limpo de nubes. Así pois, máis aló dos rituais; para alén das ucronías...., como pode devir o propósito?
Para algúns, parece moi claro: potenciar iso que chaman o "bilingüismo cordial". Traducido ao cotián: laissez faire, laisser passer. "En Galiza, só en galego!": velaí a alternativa auspiciada desde o outro lado da avenida.
Sen dúbida, cadaquén ten o dereito de pensar/expresar o que lle pete. Agora ben; se nos habemos de mover cun mínimo rigor, acontece que a primeira opción -mesmo aceptando a mellor das intencionalidades- apenas si pode garantir algo máis que a liturxia dunhas honras fúnebres con bandeira azul e branca sobre o cadaleito e gaiteiros ad hoc. Canto á outra quenda, por patriótica e coherente que se defina, parece evidente que tan só alcanzaría oportunidade nun marco de aberta ruptura xurídico-política. Mesmo chegados aí, cabe aínda a sospeita de que houbese que efectuar toda unha operación de limpeza lingüística/pechamento de fronteiras: "como en Irlanda?" "O galego non é unha fala burguesa" -vén de lembrar o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. - leva razón, claro está. Mais acontece que xa hai tempo tamén que o castelán se proletarizou entre nós; son moitos os falantes do idioma cervantino que xamais usaron traxe e garavata, e abonda con percorrer as barriadas das nosas cidades, e/ou vilas, para comprobar a evidencia.
Coido, entón, que se a aposta pretende atender a criterios democráticos, van ser necesarios dous procesos inmediatos. Dunha banda, abandonarmos discursos doutrinarios. Non é tarefa doada e non se poderá levar adiante sen que tal non cause sarabullos e eczemas; porén, ou aquí cabemos todos ou...
Canto á segunda estrema, esa reside na decisión de acadar con urxencia un pacto. Desde logo, e á vista dos recentes desencontros, semella estarmos lonxe desa eventualidade. Non obstante, é posible; debemos facelo posible. Falo, desde logo, dun pacto solemne e efectuado sobre aquilo que si é factible: é dicir, o acordo e mais a vontade de potenciarmos un país (realmente) bilingüe, capaz de deixar atrás décadas e séculos de apartheid lingüístico, tempos de diglosia estéril, psicopatías e complexos. En fin, trátase de entender de vez que, moi lonxe da maldición bíblica, Babel si conforma unha moi boa torre a cuxa sombra avanzarmos, a torre da común da verdadeira normalidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario