A opinión dos docentes...non conta?

13 sept 2013

CCOO DENUNCIA O REFORMISMO DA LOMCE ANTE A COMISIÓN EUROPEA

Manuel Menor Currás

A longa contestación que o actual ministro de Educación veu colleitando desde que tomou as rendas deste Departamento, ten potenciado os seus momentos estelares, consecuencia dun irrefreable afán por deixar inscrito o seu nome nunha lei do BOE con toda a aparencia de orgánica. A base de deslinguado enxeño para facer pasar por bo o seu apresurado diagnóstico do legado recibido, está próximo a lograr que, no seu fútil empeño, pareza que está rendendo gran servizo ao ben común dos españois.

Ambiciona cambiar sustantivamente o que viña sendo o sistema educativo -tamén nos aspectos de máis loable consistencia-, para adaptalo a prexuízos ideolóxicos alleos a toda constatación científica. E a maioría parlamentaria que sostén ao seu Goberno facúltalle a rápida estratexia para restaurar, co prestixio da autoridade legal, ata canto a propia historia educativa deste país fixera xa volátil tempo atrás. Dá igual que tal maioría -ao contraxeito da cambiante opinión pública- tenda a ser minguante neste preciso momento. Tampouco importa moito o que de verdade convén a todos cando as mutaciones sociais están sendo tan profundas. Parece estudar a fondo A arte de ter sempre razón, de Arthur Shopenhauer, e, no que incumbe á aprobación da LOMCE no Congreso, os seus oponentes non teñen máis remedio que renderse ás teses que nos propón para remediar todos os presuntos males da educación española coma se dunha taumaturxia moi acreditada tratase.

A dramática carga de razón que nesta aínda nonata lei se atribúe ao xa obsoleto pero aparente, unida á pechada lóxica dunha democracia diminuída por intereses espúreos, está facendo que sexa fundado o temor de que a dialéctica parlamentaria actual non vaia a suavizar as súas liñas dispositivas. Xa nin ao Tribunal Constitucional parece que deba intentar recorrerse calquera delas. En CCOO, de feito, optaron por que talvez en Europa si poidan botarnos unha man: o pasado 10 de setembro denunciaron ante Bruxelas unha parte sensible do seu articulado, na esperanza de que entendan que "vulnera o dereito comunitario". Quererían que, en uso das competencias da Comisión europea para impoñer aos países membros a lexislación compartida, tomase medidas para que en España non se vulnerase o regulado pola CEE.

As cuestións primordiales sobre as que CCOO chama a atención dos comisarios - co ánimo de que esixa ao "Goberno español regularizar a infracción, antes de que sexa para os cidadáns españois afectados xuridicamente imposible realizar acción ningunha"- se refiren ao ensino diferenciado por sexos (Art. 84.3 da LOMCE), a discriminación entre o ensino da Relixión e os Valores sociais e cívicos (Art. 18 e 24.3) e, tamén, á inclusión discriminatoria de "expertos con dominio de linguas estranxeiras como profesores en programas bilingües ou plurilingües" (á que se alude na Disposición adicional 37 da mesma).

Os demandantes atoparon no Dereito comunitario -o Tratado da Unión, o Tratado de Lisboa e diversas Directivas consiguientes-, na propia Constitución española de 1978, derrogatoria de leis anteriores, e ata na xurisprudencia do TXCE (Tribunal de Xustiza da Comunidade Europea), razóns xurídicas sobradas para que os aludidos preceptos que o Goberno pretende impoñer sexan paralizados pola instancia comunitaria -de rango superior en tantos aspectos normalizados da nosa vida socioeconómica. Outra cousa é que as razóns políticas de conveniencia ou as combinacións estratéxicas leven á Comisión a implicarse. Tratándose dun terreo periférico ás razóns profundas da súa razón de control, todo pode suceder. Pero, aínda que a aposta de CCOO tivese audiencia, quedará moito que pelexar: se se aprobase esta lei orgánica, a desertificación democrática que xerou na súa xestación é profunda.

Madrid, 12/ 09/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario