A opinión dos docentes...non conta?

16 ago 2013

Educación pública


Helena Martínez Sanjuán - Budiño-O Porriño

15.08.2013 | 09:37. Faro de Vigo
Fai uns días estiven en Cambados coa familia e, mentres camiñaba a praza e a calzada de Fefiñáns, levaba no meu corazón un aquel de tristura señardosa na lembranza do mestre dos mestres, do grande pedagogo Herminio Barreiro. Parecíame escoitar os seus pasos con aquel xeito apousado que tiña e aquel seu ollar de fonda candura. Intelixencia ao servizo da sensibilidade máis requintada que coñecín. Non foi só meu mestre de historia da educación en pedagoxía senón a persoa que me acompañará sempre na miña vida coma o meu leme. Hoxe, cando asisto espaventada ao desmantelamento e apropiación oligárquica da educación, á privatización salvaxe do ensino, lembro o que me fala Herminio en Recordar doe: non hai verdadeira conciencia da riqueza,a fondura e profundo significado da educación. Ignórase a importancia que ten a construcción dun sólido sistema de educación pública. Cando chego a unha capela onde se amorean uns santos, vellos, curas e monxas paréceme escoitalo con aquela sorna: e pensar que empezaron cun pesebre! A alianza do trono e o poder, outravolta, coma se a historia, cal estatua de sal, inmóbil, non fixera máis ca ollar atrás, repetir sempre a mesma inxustiza social polos séculos e séculos. O mesmo werticilo do vaticano coa mesma soinamoina da excelencia, da falsa meritocracia. Os mesmos papanatas a repetir que eu cos meus cartos non teño por qué pagar aos que van á universidade... criando un clima antisocial para rematar o que queda do Estado que é a única áncora de igualdade e reparto da riqueza. E por qué non me din que non teño por qué pagar á duquesa de Alba, á Casa Real, ao exército, á Igrexa, as autoestradas privadas e a un longo etcétera? Se ademais somos a clase traballadora a que termamos das arcas públicas, xa que os ideólogos de Wert e o PP prácticamente viven de rendas coma vampiros de Zeca Afonso! Pois eu quero que os meus impostos vaian á educación, ensino e axuda social ainda que eu non o disfrute. Iso é unha sociedade!. O da excelencia de Wert non é máis ca o Público ao servizo deles, os oligarcas! Nunca a dereita decimonónica do PP aturou ca nós, o pobo, os desfarrapados, sexamos quen de saber, de cultivarmonos, porque non hai nada tan perigoso para o Poder Asoballador que un pobo que ten na educación o seu lecer vital, un pobo con cultura ao que non se poder mercar nin enganar con chilindrainas.

1 comentario:

  1. A carta Educación pública que aparece asinada por Helena Martínez Sanjuán-Budiño-O Porriño, en realidade escribina eu: Iolanda Teijeiro Rey. Debeu ser un erro do xonral Faro de Vigo.

    ResponderEliminar