A opinión dos docentes...non conta?

21 sept 2013

O PRÓXIMO "DIÁLOGO" SOBRE O ESTATUTO DA FUNCIÓN DOCENTE.



Manuel Menor Currás

É unha sorte que dixesen que ían mellorar a Sanidade, a Educación e as pensións. Por iso non debe ser verdade que, neste momento, mentres hai un 1% máis de rapaces nas etapas do ensino non universitario -que sobe ata un 5,3% na demanda de cursos de FP-, estea diminuíndo o investimento en necesidades educativas, non só respecto ao resto de países da UE, senón que con relación aos outros membros da OCDE o diferencial aumenta un 25%. Tampouco pode ser verdade que o número de profesores dos tramos non universitarios diminúa en 20.000: debeuse equivocar o Boletín do Persoal de Servizos das Administracións Públicas, que cuantifica en 24.957 o número de postos de traballo que desapareceron neste sector, aos que, ademais, han de sumarse outros 4321 docentes e investigadores universitarios. E tampouco debe selo o que as axudas para libros a estudantes que a necesitan deixe fóra a 578.000 demandantes, o que equivalería a que este xénero de axudas ao estudo  SE reducise un 47%. Que dicir das becas de comedor, que cada vez necesitan máis nenos cuxos pais foron pillados pola pobreza?

Como todo ía "mellorar", nada disto está sucedendo: é demagoxia mencionar tales datos. Peor é que se proteste ou convoque unha folga para frear o deterioro manifesto: segundo os que viven de tomar decisións nestes terreos, iso é "política", palabra que din con particular énfase descualificatorio. Sucedeu nestes días en Baleares e irá repetíndose respecto da folga convocada para o próximo 24 de outubro por razón das formas e fondo da LOMCE. O trámite desta lei no Congreso está cantado -ao contar cunha maioría obediente de votos-, o que non fai que os seus contidos e proceso de elaboración estea "falto de consenso e de verdadeiro diálogo" (ANPE dixit), o que permite augurarlle gran inestabilidade de futuro: como ao Código Penal, que se vén modificando case dúas veces ao ano...

Agora é a quenda do Estatuto da Función Docente, a outra gran reforma que o Goberno actual pretende sacar adiante. E poida que o faga, a conta da mesma metodoloxía e de que as súas liñas definitorias xa quedarían marcadas pola LOMCE, coas dualizaciones que agudiza. En canto a pública/privada, laica/católica, comprensiva/selectiva, diversidade/homoxeneidade, economicista/integral, cualificada/descualificada, xusta/discriminatoria e caritativa, adx/adx>, estudo/traballo, participativa/xerarquizada, democrática/aristocrática, a nova norma dará cobertura ao que moitas comunidades están impoñendo xa como estatuto real do profesorado. De proseguir adiante o "dialogo" xa iniciado entre Ministerio e sindicatos, xa sabemos como quedará articulado legalmente o status da función docente, do que se volveu a falar con forza desde mediados de xullo.

Se algo é previsible nos xestores actuais de Educación é a súa determinación para dar forma normativa xeral ás súas conviccións exclusivas: séntense vocacionados a facer moitos cambios en pouco tempo -e coa arquitectura que sempre soñaron. Dirán os fados que a eficiencia e durabilidade de tan peculiar afán regulador será moita? Para gañar tempo, falan de "diálogo", porque ben saben que o profesorado é o fundamento da calidade educativa. Se tivesen en conta que, entre o  dito e o feito estes dous anos respecto dos haberes e funcións do profesorado, ou respecto  da igualdade cualitativa da educación-, hai un longo treito e, segundo moitos, un absoluto ninguneo a calquera outra forma de ver as cousas que non sexa a súa, medirían máis o que din para non ser acentuados de trileiros. Mal agoiro é para este novo proxecto do que agora comeza a falarse de novo -case ao final do tránsito inmaculado da LOMCE polo Congreso- , que esta especie de clave de bóveda que culminaría a presunta "mellora" substantiva da educación española, sexa contemplada cunha linguaxe e xeitos que pretenden a innovación "ex ovo". Que, ademais -e á marxe de que ANPE e CSIF vaian secundar as pretensións oficiais con leves reticencias escenográficas-, os outros sindicatos e organizacións con máis peso histórico empecen a poñer unha vez máis sobre a mesa as propostas de fondo, non é nada alentador. Véñeno facendo ano tras ano, polo menos desde 2007 -e desde antes-, non é nada alentador.

Conste que ata poderían retrotraerse a cando, entre 1974 e 1976, se debateu naquela Alternativa para o ensino que vira a luz no Colexio de Doutores e Licenciados de Madrid. Esixíase alí un recoñecemento explícito do traballo docente en todos os tramos dun traxecto "unificado" de docencia e ensino, desde a infancia á Universidade, á vez que se facía unha aposta moi forte pola escola pública. Aqueles debates e propostas -que pronto chocaron con múltiples inconvenientes dominantes nas culturas escolares-, ben poderían inspirar o Estatuto do que agora se fala, por utópico que poida parecer. Moito cambiaron actitudes e compromisos, características e aspiracións desta sociedade, pero o certo é, en todo caso, que da calidade e calidez que teña este inmninente debate-diálogo estatutario con cantos forman parte da POLIS ou cuns poucos tan só- dependerá a calidade da PAIDEIA propugnada con el, incluída a dignidade dos encargados de levala a cabo nos vindieros anos. E se non modifica o trato destes anos pasados, todo quedará en parole, parole...
...............................................

Estatuto docente, Reforma educativa, Recortes sociais, Profesorado, Educación de calidade, cidadanía responsable, política e políticas educativas...


Madrid, 20/ 09/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario