Para conmemorar os dez anos da aprobación por
todos os grupos do Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización
da Lingua Galega (PXNLG) o 22 de setembro a plataforma apartidaria
ProLingua fixo un chamamento público para que nos diferentes medios se
tratase sobre o plan, para visibilizar a importancia de actualizar e
desenvolver este texto. Aínda que sexa cun mes de atraso, os membros de
ProLingua alegrámonos de que o 23 de outubro no Parlamento de Galicia se
faga un acto sobre o PXNLG que, segundo informa Valentín García,
secretario xeral de Política Lingüística (La Voz de Galicia, 26 de
setembro do 2014), está a ser organizado polo Foro Enrique Peinador, do
que coñecemos a súa traxectoria na defensa do galego en diversos
sectores; porén, esperamos que a ese acto se invite a dar a súa opinión a
colectivos e asociacións que en moi diversos ámbitos levan traballando
arreo, e con moita xenerosidade, pola normalización do galego. Arelamos
que non ocorra o que acaba de pasar coa comisión de expertos sobre o
cumprimento en España da Carta Europea das Linguas Rexionais,
onde esta vez ProLingua e outras asociacións chamadas no 2011 foron
relegadas, o que pode dar a impresión de que non se queren escoitar
posibles voces críticas.
Logo da lectura do artigo do secretario xeral,
non damos saído do noso abraio. Afirmar que a política lingüística dos
gobernos do PP segue as liñas marcadas no PXNLG ou que se traballa a
prol da extensión de actitudes positivas cara á lingua é unha negación
radical da realidade que vivimos cada día. Consideramos totalmente
desafortunada a acusación que fai o secretario xeral de Política
Lingüística ao manifestar que o Goberno bipartito de socialistas e
nacionalistas rompeu o consenso sobre o PXNLG ao aprobaren no 2007 o
decreto sobre o ensino non universitario.
No seu momento o PP tamén apoiou o Decreto
124/2007, que non facía máis que aplicar as medidas aprobadas no PXNLG
no Parlamento, tal como informaba La Voz de Galicia o 22 de febreiro do
2007 sobre o consenso acadado por BNG, PSdG-PSOE e PP.
Lamentamos que o PP rompese no seu día ese
consenso e que logo anatematizase un decreto que, en principio, apoiara,
e que desde que gañou as eleccións en marzo do 2009 fose tomando
medidas desprotectoras contra o fráxil proceso de normalización. A
lingua galega é un patrimonio común de todos os galegos e galegas, mesmo
dos que non tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila desde a súa na
infancia, e no galego recoñecémonos e proxectámonos cara ao futuro. Os
membros de ProLingua opoñémonos a calquera discriminación do noso idioma
e pedimos que se volva ao consenso do PXNLG , que se cumpran e que se
apliquen as súas medidas.
Artigo asinado por Francisco Fernández
Rei, Agustín Fernández Paz, Malores Villanueva Gesteira, Xosé M.ª Lema
Suárez, Xosé Luís Santos Cabanas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Cibrán
Arxibai e 41 persoas máis dá Asociación ProLingua.
No hay comentarios:
Publicar un comentario