A opinión dos docentes...non conta?

11 jun 2017

O STEG denuncia a aposta da Consellería polo inglés mentres deixa o galego de lado: a síndrome de Ohio



O pasado venres puidemos coñecer o anuncio por parte da Consellería de que ía fomentar o trilingüismo na educación cunha inversión de 70 millóns de euros en tres anos, que vén confirmar o abandono da política lingüística do noso país á dinámica neoliberal de laissez faire ou xa se verá. No STEG non sabemos que é o que nos escandaliza máis deste dato, publicado coma unha boísima noticia:

-Que esta inversión sexa maior cá inversión en normalización lingüística nos últimos SETE anos, que doutra banda descendeu en máis do 70%, contravindo en todo punto a Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias.

-Que, por primeira vez na historia, o número de  galegofalantes baixase do 50% da poboación, dato que para a Consellería semella que é algo inevitábel, coma os temporais de neve ou os incendios de verán cando sopra nordés, quen con esta actitude de desleixo pola nosa lingua, proxecta a idea dun “equilibrio lingüístico” entre as linguas cooficiais que non existe na realidade e de afondamento no plurilingüismo que viría dado, neste Mundo Feliz de Huxley en que parece vivir a Consellería, coma unha necesidade derivada da nosa integración na realidade social europea, nun contexto de globalización e de mobilidade laboral.

-Que cada vez máis persoas da comunidade educativa denuncian o modelo de plurilingüismo que se aplica no estado español, e que ten coma consecuencia que o alumnado non só non adquire unha competencia suficiente na lingua estranxeira, senón que diminúe a adquisición de competencias nas materias impartidas nesta lingua.

Semella que a Consellería aposta por un modelo económico e un mercado de traballo neoliberal, onde  parece que quixesen preparar o alumnado para que saiba atender os  turistas que veñan do estranxeiro ou para que emigre, directamente; seica hai novas lendas que contan que no Courel, cando os nenos van buscar o balón que saíu do campo, xa non volven, marchan directos á emigración...

A xuízo do STEG, a Xunta de Feijoó ampárase nun Decreto  de Plurilingüismo que non está informado de asentamento científico dabondo, como debería ser adoito, ben ao contrario (alomenos en termos de pedagoxía e sociolingüística); ten un carácter marcadamente regresivo e renuncia a obxectivos normalizadores, onde se lle puxeron dende a súa promulgación límites ao galego, a lingua en risco de desaparición, por mor do equilibrio lingüístico (mais parece que o funambulista coxea: máx. 50% e tendencia ao 33%). Igualmente, afástase o galego do ámbito científico- tecnolóxico, quedando en Educación Infantil a cuestión lingüística suxeita á lingua materna predominante na aula baixo a determinación das familias, desaparecendo a normalización en favor dunha dinamización, a do invísibel, que xa vemos en que derivou.

Dende o STEG entendemos que a Consellería mantén unha errada e clamorosa concepción do plurilingüismo, que supón equiparar situacións desiguais das linguas no tocante ao coñecemento e o uso así como no seu recoñecemento social para, na práctica, favorecer a desaparición da lingua minorizada, é dicir, o galego, asimilando o carácter de plurilingüe á aprendizaxe do inglés, prescindindo tamén da concepción ecolóxica das linguas que debe presidir calquera proceso de normalización dunha lingua, isto é, partindo da lingua minorizada como lingua vehicular do mesmo.

Onde está a ética da restitución de dereitos para o conxunto da poboación e non só para uns poucos? Onde a discriminación positiva encamiñada a corrixir asimetrías e derrubar os obstáculos que impiden o exercicio de dereitos fundamentais, entre eles o dereito a expresármonos na lingua propia? Van en Pígara, que din na Terra Cha.

Padece esta Consellería o que informalmente se coñece coma a Síndrome de Ohio: nin O Hío é Ohio nin Hi, oh! é  Oi, ho!
Paralelamente, no STEG sempre defenderemos que para unha mellor adquisición das competencias en calquera materia e para mellorar a calidade do ensino cómpre aumentar a inversión, si, pero aumentala no sentido de favorecer desdobres, aumentar profesorado e diminuír as ratios.

Por último, dende o STEG non queremos que se reduza a inversión no fomento de adquisición de linguas estranxeiras, pero si que esiximos que se faga de maneira estudada e planificada e que non sexa a costa de depauperar e devaluar o ensino do galego, do que tan faltos estamos dende a chegada á Xunta de Feijoó.

Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
5 de xuño do 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario