A opinión dos docentes...non conta?

27 nov 2018

Derrogarase pronto a LOMCE?


É un alivio só pensalo, aínda que o que se oe e ve no Parlamento non difira moito do que pode lerse en moitos whatsaap esquizofrénicos.

Os máis atentos ao parlamentarismo español de última fornada poderían admirar o reincidente que é a especie humana respecto de como os clásicos xa previñan aos que quixesen escoitalos.


Na penumbra clásica

Recórdao Jesús Parra, filósofo atento a preguntar se é posible a política sen ética, traendo a colación, entre outros, a Aristóteles, Cicerón e Plutarco. Ao estaxirita (384-322 a.C) na súa Ética a Nicómaco, na que dicía que "non se ensina ética para saber que é a virtude, senón para ser virtuosos", non parece tivese éxito. Sobre todo, se á vez que se lles oe e se lles ve actuar, se quere entender de que nos falan actualmente os nosos parlamentarios cando, tratando de currículos escolares, esixen que trate, e moi intensamente, a “Relixión”, “os valores” ou, en plan máis laico, unha “educación para a cidadanía”, a convivencia ou outra actitude política.

Parra, coma se se dirixise aos que estivesen facendo un prácticum no parlamento en días recentes para un máster de acreditado prestixio, tamén trae a colación a Plutarco (45-127 d.C.), quen deixou dito nas súas Vidas paralelas que “o home é a máis cruel de todas as feras, cando ao poder se une o poder sen virtude”. E non esquece a Cicerón (106-43 a.C) que tanto denostara ao corrupto Verres alegando que “cando os políticos non se rexen pola ética, son como hienas á caza do poder”. Xa nesta liña, cabería amentar o pesimismo de Hobbes (1588-1679), escéptico co homo homini lupus, reclamando a necesidade dun forte para conducir a res publica. Unha secuencia nostálxica, de apelación constante á seguridade do máis brioso, que atopou nos últimos cen anos mil apelacións para traspasar o que non é democracia e que, agora, quere atopar nas Redes rancorosos destinatarios, pagados de si mesmos.

No día a día

O problema é que non reparan sequera no panorama en que nos movemos, probablemente porque os favorece. A celebración do Día Internacional da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro, debería alertarnos de canto, a diario, se traspasa esa liña da igualdade de trato nos fogares, os lugares de traballo, os espazos de lecer e tempo libre, a publicidade gratuíta e, para que non falte nada, ata nos ámbitos da escola e dos hábitos de institucións relixiosas que, sen comprometerse coa igualdade dos Dereitos Humanos, se precian de caritativas. Espazos todos en que a violencia do máis forte, a imposición non só física senón tamén psicolóxica e simbólica, conxúganse para causar danos, irreparables moitas veces, a persoas tan dignas de vivir no mundo como calquera arrogante chulesco ou máis.

Nesta liña de quitar hábitos innecesarios para convivir, é valiosa a noticia que chega do parlamento galego suprimindo ás nenas a obrigación do uniforme de saia. Unha noticia escolar, ao fin, de alto valor social, que vén poñer no seu sitio a tanto partidario do estéril, os decimonónicos distingos entre colexios de nenos e nenas e obriga, de paso, a repensar que pasa coa suposta “liberdade” educativa ou, sobre todo, co negocio das subvencións e concertos ao circuíto privado do sistema educativo, tan protexidos nalgunhas Comunidades. Agora que en Galicia encararon que o hábito non fai ao monxe, tamén sería coherente que se abandonasen en todo o Estado que diñeiro público pague a segregación escolar -que a LOMCE aínda protexe- ampliando a negativa aos que en calquera ámbito do sistema educativo non pasan do código binario de home/muller. Que pasa coas demais modalidades de ser ou sentirse humano? Como se denigra ou posterga aos diversos do canon patriarcal? Que atención lles presta o noso sistema educativo?

Postergación e preeminencias existen nunha boa parte da educación española, estruturada de entrada -pero non gratuitamente- en pública, concertada e propiamente privada. E de engadido, na acordada baixo o paraguas dos dereitos da familia, un xeito de impoñer criterios alleos aos dereitos do menor, alleos a que os nenos e nenas teñan unha infancia libre de presións adoutrinantes, tamén en canto a modelos de sexualidade cuxa "naturalidade" envolver en razóns moi diversas. Falaba Casado hai pouco dos inmigrantes que non se atiñan aos nosos costumes. Talvez entendese que os islámicos, por exemplo, son moi distintos dos unificados como cristiáns polos Reis Católicos no século XV. De pouco vale, con todo, ocultar que estes colexios e quen os privilexian seguen pautas similares, ancorados no dogmatismo “da verdade” de que falaba Pío XI na encíclica Divini illius Magistri (1929), e alleos a calquera outra consideración que non coincida coa súa pulcritude de criterio.

Proba evidente é que, por máis que agora falan de “diálogo”, a moitos bispos pódelles o subconsciente cando falan de varóns-varóns para o ministerio eclesiástico. Non só alleos ás mulleres -in ecclesia taceant-, senón tamén a outras variedades xenéticas do ser humano que ha ter a Igrexa católica sempre no seu seo por máis que a Biblia non estivese moi atenta. Solapar e ocultar por razóns de suposta supremacía epistemolóxica, falso prestixio ou, tamén, como pretexto para achacar delitos de pederastia a quen per se non lles corresponde, como mínimo é de hipócritas, unha especie que no Evanxeo orixinal non queda ben parada.

Derrogación LOMCE

Namentres, é de celebrar que o equipo de Celáa saque a relucir expresamente a súa intención de derrogar a LOMCE, e non tan só un tenteo con algúns aspectos “máis lesivos” dos dereitos que esta lei tan promovida desde moitos sedicentes liberais, máis carcas do que pregoan, conculcou. Non facelo sería unha ofensa a cantos nestes penosos anos resistiron -na Comunidade de Madrid algúns máis que no resto de España- os empurróns dos plaxiarios de Margaret Thatcher. Aos ollos de moitos cidadáns e cidadás actuaron contrariamente ao que en 1978 chegou a ser a Constitución de todos e todas. Non hai quorum suficiente para revisar o artigo 27CE, por exemplo, ou os Acordos tan ambiguamente constitucionais que Marcelino Oreja xestou entre 1977 e 1979 co Vaticano, pero deberíase, aínda que só fose para fortalecer os dereitos dos menores non deixándoos ao arbitrio de tanta prepotencia equívoca que non acaba de desaparecer do horizonte.


TEMAS: Parlamento. Democracia. Dereitos do menor. Igualdade. Violencia contra a Muller. Acordos co Vaticano. Artigo 27 CE.

Manuel Menor Currás
Madrid, 25.11.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario