A opinión dos docentes...non conta?

25 feb 2019

Escordar a realidade alimenta a rendibilidade electoral

Esta antiga tendencia provinciana esaxera as situacións cambiantes para atraer máis a atención e presumir de solucións máis eficaces.

Entre os que pregoan ter algo que comunicar aos seus conciudadanos é tendencia un estreito “provincianismo”. Na antiga Roma, diferenciábase así o que se propoñía ou facía na capital do que en afastadas áreas do Imperio podían facer as outras elites clientelares do cursus honorum: nas realizacións artísticas que nos chegaron é notorio. Sen restarlle valor ás súas achegas, o que vén ao caso é a superioridade fachendosas que coas súas achegas adoitaban exhibir os provinciais ante os seus propios tributarios. 

Deseñismo electoralista

Esta pulsión hase ir modulando con distintos colonialismos posteriores e, ata o presente, os modos do provincianismo seguíronse multiplicando. Diso vívese nos ámbitos xerarquizados da vida social en que se propician competencias demostrativas. Notorio é, así mesmo, o seu peso nos eslóganes con que os nosos políticos cultivan o panorama exuberante de eleccións que se aveciñan. Certa eficiencia do sistema democrático -teoricamente limitador dos excesos de poder fronte aos dereitos individuais-, parecese vir determinada pola curtedade das súas mensaxes; e a súa calidade, como a publicitaria, habería de virar, xa que logo, dentro dunha gama que, nin por defecto nin por exceso, poida afastar a posibles votantes. Nesa liña, o ideal de calquera iniciativa política con vocación de poder é ser de centro: nin de esquerdas nin de dereitas. Mellor, pois, se é displicente con esa dicotomía, para non arriscarse ante unha realidade social e económica non só cambiante, senón pragada de problemas. Pola contra será difícil que irrompa nas decisións operativas.

En definitiva, o diseñismo estratéxico destinado ao consumismo electoral non adoita saírse dos cánones centristas e, en ocasións en que o panorama mundial é moi inestable, nútrese de ocorrencias provincianas, idénticas a si mesmas. Tendente a que ningún destinatario se vexa afectado na posición a que se sente adscrito, menudea as referencias a canto en “este país” poida caracterizar frustracións que habería que erradicar partindo de esencialismos ideais, ucrónicos e estáticos. Se este faro orienta reformismos quietistas non altera a situación por acuciante que sexa; os árbitros deste posicionamiento non perden de vista, en ningún caso, o dano que lles podería causar aos seus intereses calquera novidade non controlada. Coherentemente, tratan de polarizar a conversación e o debate público desde campos semánticos que terxiversan as palabras en proveito propio e, con abundantes recursos en redes e medios, logran que funcionen como imáns atractivos, mentres o feísmo realista dos contextos sociais problemáticos -os da “cuestión social” de outrora- son ocultados sistematicamente.

Deslinguada repetición

O que neste momento residual de lexislatura adoita verse no Congreso e Senado exemplifica ben as miras deste provincianismo limitador e pechado con que son tratados os asuntos máis graves. Modos de dicir, estar e votar que se exhiben -con pretensión de absoluto- non desdicen dos de parroquianos linguaraces en calquera bar. E aí está en todo o seu esplendor, repetindo similares desencontros, o que acontece nos niveis de decisións políticas sociais e educativas. Por exemplo, o acordado por Carmena (no Concello madrileño) negando solares públicos para que se desenvolva o ensino concertado, que pon en evidencia aos cheques escolares de Garrido (na Comunidade de Madrid) para cursar bacharelato, pero non pode parar ese proxecto neoliberal. É máis, a candidata a suceder a Garrido exhibe os desatinos de Aguirre e González contra a escola pública. A moza Díaz-Ayuso repite os tópicos da “liberdade para elixir” e “calidade” que usaron os que a precederon na xestión da educación madrileña. E igual de enxeñosa móstrase -segundo aseguran os seus mentores, para que os “valores” de “este país” non os avergoñen- cando fala de emprego e muller ou de “mellora dos servizos públicos”, aínda que pervirta o sentido das palabras.
Problema adicional deste vaidoso provincianismo é que contamina. Son dignos de atención, por iso, os “xestos” do PSOE con motivo da reversión da LOMCE e do Anteproxecto de reforma correspondente, con máis intencionalidades que concrecións semánticas. A recente lei que logrou aprobar no Congreso, con que pretende revertir o que fixara o R.D. 14/2012, de 20 de abril, como “racionalización do gasto público no ámbito educativo”, é sintomática de como intentar quedar ben sen entusiasmar. O resultado é que, en cuestión principal como as horas lectivas do profesorado, ao non atribuír ao Ministerio senón ás Comunidades autónomas a competencia básica de decidir, é moi probable que no curso próximo todo prosiga como está -ou peor- onde o control o teña o conservadurismo trifásico. As centrais sindicais que mostraron o seu descontento cando esta lei era proxecto, non tardarán en facelo saber con máis intensidade.

E ironía


Aos votantes quédanos a ironía, como propón Santiago Gerchunoff. Para combater a univocidade da linguaxe conservadora coa ambigüidade da conversación democrática entre iguais, sempre reivindicativa da continxencia do que nos incumbe a todos, quédanos imitar a Sócrates. Aínda que só sexa polo pracer de intercambiar información e facer lene e pracenteiro o entendemento.


TEMAS: Democracia. Diálogo social. Electoralismo. Políticas educativas e sociais. Conservadurismo. Provincianismo.

Manuel Menor Currás
Madrid, 23.02.2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario