A última sesión de control do Congreso non favorece a
expectativa de lealdade cooperadora logo das eleccións de abril e maio.
Volve explícito, ademais, o termo “depuración”, entre os predilectos dos recentemente chegados á Junta de Andalucía e parece que vaia a propagarse o seu uso nos revisionismos doutros políticos nacionais. Nunca cesara de existir na práctica dos que silencian ou esaxeran libros de texto, prensa e medios en xeral, ou radio e TV en particular; nin nos vetos a disidentes de diversa especie nuns ou outros ámbitos.
Os mestres que non tivemos
“Depurar” non é actividade de dirección ideolóxica única. Cando a sospeita de traizón ou diverxencia sobrevoan as diferenzas de enfoque dos problemas, os seus executores -insospeitados, ás veces- son de variada coloración, e os depurados, tamén de diverso signo, comparten ser ou ser incómodos para os que detentan o poder ou aspiran a telo en exclusiva. A Historia universal non difire da Mitoloxía en canto a depuracións e inquisicións. Na de España, síguennos afectando as producidas desde 1814, das que Larra ou Blanco White deixaron cumprido testemuño. As guerras civís e golpes de Estado posteriores, a finais dos anos 30, deixaron tras si infinidade de represaliados, exiliados e mortos en nome de supostas verdades absolutas. Sobresae, de todas elas, a sistemática contra funcionarios e en especial mestres, profesores e investigadores, levada a cabo polo bando ganador, como documentan as notificacións das Juntas depuradoras que o BOE foi dosificando sobre todo ata 1945, en continuidade das que apareceran no Boletín Oficial da Junta de Defensa Nacional de España entre xullo e outubro de 1936.
Menos historiado, pero máis eficiente para a causa franquista e nacionalcatólica, foi, a continuación, o proceso de reposición dos postos estratéxicos que os depurados habían ter que abandoar. Ao colocar neles -particularmente en empregos docentes e de investigación- a militantes e incondicionais, e ata a excombatentes polo simple feito de telo sido, alongáronse os efectos da depuración ata máis acó da Transición. A Junta de Ampliación de Estudios, de 1907 -que pasou a chamarse Consejo Superior de Investigaciones Científicas o 24.11.1939-, foi reorientada para controlar, entre outras cousas, os postos docentes universitarios, a investigación e difusión do coñecemento. Os castigos exemplarizantes impostos aos ensinantes, as formas de acceso ao maxisterio e profesorado de escolas e institutos, o ríxido control do currículo e do material escolar, as direccións e inspección de centros e a introdución de materias ideoloxizadas no corazón do sistema -que co tempo serían coñecidas como “as tres Marías”- fixeron da rede educativa publica -e dos espazos de lecer e cultura- unha xurisdicción moi vixiada polos que desde o Ministerio de Educación e Falange trataron de soster as esencias do Movemento, co complemento da que, en diversos internados de índole benéfica, seminarios ouconventos relixiosos, e no ensino privado -católico na súa inmensa maioría-, administraron directamente os bispos e as súas entidades corporativas.
O resultado foi que, durante moitos anos, o conservadurismo sumiso e obediente de todo afán de saber, de ser e de estar, foron a norma. Sen contar que se sostiveron altas doses de analfabetismo en moitas cohortes poblacionais e moitos abusos de poder, o alumnado máis inquedo de todas esas xeracións tivo que buscar mestres menos grises fóra das aulas ou no estranxeiroe multitude de enerxías frustráronse. De grande actualidade é, así mesmo, que en aspectos básicos como fracaso e abandono do sistema escolar ou atención ás urxencias da pobreza infantil, sigamos aínda con indicadores problemáticos en Europa, pero tan contentos; coma se ningunha herdanza censora pesase aínda sobre un sistema educativo que quere ser democrático. De selo, se houbese menos hipocrisía, o debate educativo xa non estaría polarizado en torno a unha “liberdade” entendida como canon selecto, prefixado por e para uns poucos. Abandonáronse as vellas leas do século XIX por medo a perder privilexios, e o centro de atención destes días, ao bordo dunha campaña electoral, non se tería focalizado en torno a se se manteñen ou non -parece que ao final si- as deducións no IRPF ás familias do ensino privado. Tampouco sucedería que, entre outras desatencións ao dereito universal á educación, os menores tutelados polas Comunidades fosen obxecto de negocio dos xestores mentres as carencias deses centros recordan as denunciadas por Dickens.
A Paideia política actual
Para dar máis verosimilitude a unha situación inconclusa, aí está o modelo madrileño neoconservador. Por unha banda, a expresidenta da Comunidade, para quen a Fiscalía pide máis de tres anos por mentira e abuso de poder ante unha instancia universitaria que dependía dela. Con outras actuacións durante 15 anos, de xestión similar -que documenta ampliamente J.L.Pazos en No nos callarán-, este atallo arbitrario conforma unha renovada tradición da que é expoñente a devoción crecente da Consellería madrileña polas redes privadas -universitarias eescolares-, contraria ao atractivo da pública. Unha fe que publicita que é o mercado quen marca a desexable calidade do sistema, sen especificar se ha de cumprir coa inclusión ou a igualdade de oportunidades.
Propaganda complementaria é a de que a educación ha de ser apolítica, aínda que a realidade -presente xa en Grecia como Politeia pedagóxica e Paideia política- sexa teimuda polo contrario. A pedagoxía envolvente destes días dispuxo que Montauban e Colliure, por unha banda, e o Val dos Caídos/San Lorenzo do Escorial por outro, amosasen unha combinación de reminiscencias didácticas. Despois de 80 anos, a visita do Presidente de España a dous cemiterios do exilio republicano -en recoñecemento a dous significados demócratas como Azaña ou Machado- contrastou coa dificultade de salvar obstáculos administrativos que suscita o exhumar dun espazo público -construído por depurados- os ósos de Franco. Para que a aprendizaxe fose máis significativa, púidose ver como os seus deudos, eclesiásticos en parte, se turnan no papel de agradecidos polo entusiasmo censor que malgastou: hai subvencións e influencias en danza.
En parte por todo iso, no actual panorama de meándricas situacións e hiperbólicas palabras, cobran especial relevancia as peripecias xurídico-políticas do procés, porque contarán para as tendencias de voto que, de aquí ao 28 de abril e 26 de maio, estean indecisas. Pese aos cambios dos últimos anos, a clave seguirá estando na autocensura inducida por anos de purga legal e limitacións educativas, ás que sobreveu o medo, máis pesado nos que a crise económica segue impoñendo recortes, pese a que o invocado benestar social corre a conta destes para que cadren os orzamentos xerais ou autonómicos. Por iso ten interese a reacción popular, en Nova Iork, fronte ao interese que mostrara Amazon por crear un potente foco de negocio no humilde barrio de Queens: as características neoliberais do proxecto, e as súas derivacións comunitarias, suscitaron unha crecente rebelión veciñal.
O prezo xusto
Reacción similar suxire un documental sobre os estragos causados a máis de 8.000 familias polo abuso neocolonial do cultivo da chufa en Mali e Burkina Faso. A estafa duns empresarios españois, que aparece en TIGERNUT: a patria das mulleres íntegras, fai repensar como se nos enche a boca con dereitos no papel e, entre outras cousas, que pasa con case todo o que consumimos, cando unha parte sensible da chufa que se comercializou sen pagar “prezo xusto” aos seus produtores chega ao supermercado con traballo escravo, É mágoa que, namentres, Marie Kondo entreteña ao persoal coa orde nos armarios como preocupación -rememorándonos as “normas de urbanidade”-, sen que tal preocupación se estenda igualmente ao ámbito do socialmente xusto e sustentable dunha educación responsable e integral, de todos e para todos.
TEMAS: Depuracións e censuras. Control ideolóxico. Paideia política. Eleccións democráticas. Prezo xusto.
Manuel Menor Currás
Madrid, 28.02.2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario