A opinión dos docentes...non conta?

2 jun 2019

Intercambio de cromos no patio do país


Vitorias ambiguas, senón tristes, é o que parecen ter daparado as catro eleccións últimas. Os pactos que sigan fixarán as políticas educativas.

Algunhas candidaturas non demostraron senón ser irrelevantes, pese ao ruído que xeraron; case ningunha chegou a donde pretendía aínda que logre éxitos parciais. Agora vén o medir o alcance real dos resultados e tratar de paliar danos no barco. Ao tempo, en aspectos cruciais para os cidadáns o fundamental segue onde estaba antes. 

Paisaxe incerta

Mentres o CIS se interesa polos pactos “preferidos” poloscidadáns, saír do atasco segue esixindo cambios relevantes aos políticos elixidos, se queren ser útiles á sociedade e non vivir enclaustrados nos seus intereses de nomenclatura, alleos ao ben común. O primeiro sería pregar velas á linguaxe desorbitada, excluínte e descarado que algúns exhibiron sen pudor. De seguir así, todos terán “a súa” razón para dicirlles aos demais o que se lles ocorra. Esa verborrea intolerante e descarnada induce ao odio e deixa un regueiro de esca lista para calquera incendio. É hora de pedir, polo menos, respecto ás palabras e á sintaxe para, a continuación, ver se se reduce o ruído. Requírese o silencio como parte do xogo harmónico desexable para que soe esta orquestra.


En segundo lugar, haberían de invocar a paciencia. Non é virtude con crédito entre persoas inclinadas a forzar tempos e formas de competitividade transgredindo xeitos que din caducos, coma se moitas das máis belas feituras da Terra -cantos rodados de ríos e praias, morfoloxías erosionadaas de rochas e penedos, ou intrincadas meteorizacións dos relevos kársticos- non derivasen da actividade xeológica de tempo longo. A maioría das forzas políticas actuais son froito dun tempo curto, excesivamente breve para as présas por exercer poder. O espectáculo tecnocrático do retwiteo e Instagram, en que se apoian, rexeita a lentitude que esixe gran parte de canto merece a pena.

E en terceiro lugar, advertidos deberían estar de que só se abandonan a abstracción retórica e se ocupan da socioloxía do concreto -a educación, a sanidade, os servizos sociais a que por lei constitucional están obrigadas as políticas democráticas-, merecerán a continuidade da confianza dos votantes. Sobran políticos contaxiados pola misión de definir, unha vez máis, a esencia de España, o patriotismo nacionalista e, ata, a reconfiguración do territorio. Sen contemplar que, con eses mimbres, de gran interese para absolutismos varios, este é o gran risco actual. A algúns non lles importa correlo, aínda que poidan derivar no que que Goya reflectiu nos seus Disparates e Desastres. Crentes no que move neste momento 
a case a metade de Europa, non deberían ignorar que as recentes eleccións en Italia, Gran Bretaña, Polonia ou Hungría, seguramente serían o canto de serea do que Homero advertiría hoxe a oíntes e lectores.

A paisaxe do singular

E para non caer no bizantinismo, haberían de coidarse da vixencia de principios implícitos tan “naturais” que, por tales, deban ser dados por bos e inamovibles. Esa suposta bondade da Natureza, que a Economía clásica impoñía na relación política dos humanos, pretende seguir sendo o regulador único da oferta e a demanda. A consiguiente selección duns poucos -producida polo darwinismo social- seguirase xustificando por si mesma, sen avergoñarse de que todos os demais sexan asalariados precarios ou escravos. É máis, percibida unha conexión inescrutable entre a Natureza e Deus, mel sobre filloas para que algúns monoteístas sigan felices facendo descansar a fatalidade de vida das maiorías na sacrosanta vontade divina, só benevolente a través de vontades caritativas ou filantrópicas.
 

Este ciclo electoral non indicou que esta mentalidade, esencialmente urbanita, non determine -entre outros desenvolvementos- o alegre baleirado a que foi sometido o territorio rural, ou que as políticas sociais -esenciais nos pactos que se acorden- vaian ter ampla acolleita nun Estado reducido a mínimos nestes anos. Consello non pedido, consello non oído, pero tería graza que, logo de máis de dous séculos de pelexas por unha xustiza distributiva acorde cos dereitos solemnemente proclamados desde 1789, volvésemos como cegos a renovar os motivos de pelexa por conseguilos. Líderes hai cuxas ambiguas vitorias nesta serie de eleccións faranse valiosas no transo de posibles pactos con axendas empeñadas en que regresemos a ese pasado de malestar social e en tirar pola borda o logrado. Na paisaxe moderna a que aspiran, cada cal se apañará coa súa “liberdade”, “singular” por emprego precario, salario escaso, sanidade recortada e circuítos educativos diferenciados.

O taboleiro de xadrez

Cos acordos e reparto de cromos que xa están en marcha, pronto se verá como fían fino no que asignen á educación pública. Apenas presente nos debates electorais -porque sempre tiñan algo máis importante de que falar-, chega a hora das definicións. Empeñarse en gañar ou en ter razón son ambicións plausibles, pero sempre derivan en opcións que é imposible simultanear en política: empeñarse en ter “sempre” razón é puro sofisma e nada vale o tancredismo. Pronto serán urxidos, unha vez máis, por criterios interesados en que a boa educación está sempre fóra da escola pública e en que o Estado poña as súas mans o máis lonxe posible porque, entre outras cousas, “adoutrinaría” en algo que queren exclusivo das familias. 

Sucumbir a esta tentación -sen amentar nunca o negocio dos colexios e a súa contorna engadida- facilitará os posibles pactos que están en xogo, e é moi probable que, máis dun político, na súa opción por “gañar e ter razón”, pronto repita que o necesario hase de levar por diante o principal. Puidese resultar, pois, que o medio se impoña sobre o bo fin e que -por moito que poida dicir a posteriori- non arrisque o seu posto para que a escola pública teña garantida posición principal na estrutura do sistema educativo. Recitar en vésperas electorais salmodias distintas, non lle impedirá loas aos particulares criterios da concertada e, se sofre a igualdade, será que o guión deste xogo de xadrez dá valor naturalmente asimétrico ás súas pezas. Comunidades haberá en que todo será como nos últimos 13 anos ou peor. ¡Atentos! 



TEMAS: Educación pública e concertada. Pactos postelectorais. Redes sociais. Unión ou desunión europea. Nomenklatura.


Manuel Menor Currás

Madrid, 30.05.2019.

No hay comentarios:

Publicar un comentario