A opinión dos docentes...non conta?

21 may 2021

O presentismo actual propicia a destemplanza e a discordia


Mentres nos infantilizamos, os supostos principios que dicimos nos deben rexer non dirixen realmente a nosa convivencia.

É moi paradigmático o que está pasando, a golpe de telediario, no próximo patio palestino entre israelís e palestinos, onde os clamores do poeta Darwix seguen tan vivos como en 1947, mentres os cautelosos europeos, simulan plañir ante unha situación que lles segue sendo tan “complexa” como  foi entón, e o sionismo, sentíndose herdeiro da furia veterotestamentaria, ten permiso para a desproporción. Este domingo pasado, as cámaras televisivas engadiron outro fenómeno de xeito evidente “máis complexo” aínda aos nosos ollos, o do ensoño atropelado dunha poboación africana añorante dunha Europa que, namentres, verbaliza en torno a poñer aramados a un vento que non cesará de soprar mentres siga todo como ata agora. En ambas situacións, o sopro dos nosos tan fachendeados Dereitos Humanos quédase basicamente para un relato de imposibles utopías, a mercé dos que -por unhas ou outras razóns- teñen a nosa delegación para tranquilizar as nosas conciencias, como sexa, no seguinte noticiario á hora para comer.

Pai patrone

Máis preto aínda, no patio da nosa corrala, medran os berros entre ruídos de todo tipo, mentiras interesadas e falsas promesas de confort; os nosos supostos representantes tratan, na sesión dos mércores do Congreso de Deputados, de contentar os nosos gustos particulares como poden, en parte por medo a perder o seu propio estatus mediático, e en parte pola convicción de comerciantes que estivesen vendendo un produto no que non creen. Adela Cortina sinalaba hai uns días que deberían rexerse, polo menos, polas mesmas leis da publicidade, de modo que soubésemos por que rexernos e, en caso de fraude patente, poder reclamarlles a fraude. É posible que non se arranxase moito, pois avanzou moito a técnica da publicidade e, sobre todo, os modos e xeitos de captar con facilidade aos máis propensos a deixarse embaucar con calquera mensaxe.

Os problemas que denota a situación actual teñen un percorrido longo, que non se circunscribe ao estrito presente. Os dous que tanto espazo ocupan estes días nas noticias engaden máis mortos e damnificados a unha longa historia de colonizadores e colonizados, en que os principios de actuación seguen sendo os de sempre entre dominadores e dominados, modulados adecuadamente para non dar demasiado o cante; en cada momento concreto sempre un mal maior ten hexemonía para prolongar o malestar ou a inxustiza de modo máis ou menos subrepticio cun mal menor que segue imperando, en mans dun suposto amo superior -o primo de marras ou o Pai patrone dos Irmáns Taviani- que impón a súa lei; miren detrás de Israel, de Marrocos ou da Unión Europea quen leva a renda dos fíos e verase mellor o que está sucedendo.


En campaña

No noso espazo público é lamentable a aparencia de que, entre tantas voces controvertidas como grupos parlamentarios, sexa maior a furia que conmove a cada un que as palabras capaces de orientar á cidadanía. Non parece senón que o relevante fose ver que proveito saca cada cal da discordia, e que vantaxe posicional adquire para unha eventual situación electoral. Os supostos principios parecen estar fóra da escena, case exclusivamente como un recurso de tramoia, pero non como algo que deba rexer internamente o discurso, as propostas, acordos e demandas. A dúbida que asalta ao oínte é se estes voceiros partidistas serán capaces de aguantar a interminable pelexa preelectoral en que están, aburados polos comentarios máis ou menos concordes dos moitos faladoiros e díxome díxomes con que cadeas de radio e televisión acompañan esta festa ruidosa en que din querer “informar”; non menos urxidos están polas condicionadas enquisas de opinión, continuas e providenciais.

Que importa?

Nesta dinámica do curto e curtísimo prazo, o que como pinga malaia vai formando opinión no común dos cidadáns é que isto é o que importa, máis ou menos o mesmo que vimos esta fin de semana pasada, coma se dun interminable botellón celebratorio do final do ano da peste se tratase, en honor de non se sabe ben que liberdade individual omnímoda, allea a toda liberdade comunitaria. A este ritmo vai ser máis difícil cada día construír unha casa de verdade colectiva, capaz de aguantar as durezas que depare un futuro que xa se está construíndo.

Benedetti, desconsolado das reviravolas destas tentacións no exilio, ao iniciar en 1976 o seu libro de poemas A casa e o ladrillo, citaba a Brecht: “Parézome ao que levaba o ladrillo para mostrar ao mundo como era a súa casa”. Dos moitos desconcertos que estea xerando esta pandemia -aínda non acabada, por moito que se desexe- a desconexión de principios comunitarios polos que rexernos pode acabar sendo un dos máis graves. Se non importan, se na escola non hai que coidalos, e se o que ten que imperar é a lei do máis forte, o percorrido vital da gran maioría non vai merecer moito a pena. Cóidense.

TEMAS: Palestina/Israel.- Marrocos/Europa.- Dereitos Humanos.- Convivencia.- Democracia/Liberdade.


Manuel Menor Currás

Madrid, 19.05.2021.

No hay comentarios:

Publicar un comentario