A opinión dos docentes...non conta?

1 jun 2021

Con tanto desencontro solemne, acabaremos mancándonos



Os cálculos sobre o que pode arrastrar o indulto do procés, máis que á necesidade de diálogo político apuntan a que medre o desafecto.


Nun dos libros máis atractivos de Mark Twain, Cartas desde a Terra, un Satán de ficción, ante o espectáculo dos animais primixenios perseguíndose entre si e ata devorándose, pregunta ao Creador: “-Para que serven?”; e o Ser Divino responde: “Son un experimento sobre moralidade e conduta. Observádeos e aprendede”.

Pasmosa peculiaridade

No desacougane relato, tratándose de algo que estaba no ser da Natureza e non haber no mundo animal máis remedio que obedecer a súa lei, cada animal era “inocente”, pois seguía a lei de Deus. Máis complicado era ver o ser humano, millóns de homes, mulleres e nenos con distintas calidades morais cada un, nun amplo abano de graos e intensidades en cada cal, de modo que nalgúns as tendencias elevadas e sublimes imperarán sobre as malas e chamaranse homes bos, mentres que noutros dominarán os malvados e serán chamados homes malos. Na conversación celestial, anterior á presenza de tanto ser variopinto sobre a Terra, o Ser Divino vén dicir: “O home é un experimento, o resto dos animais son outro. O tempo demostrará se merecían a pena”. A Terra -aseguraba o narrador Twain- é un lugar “estraño, extraordinario e moi interesante”, no que “o home é dunha peculiaridade pasmosa” e, en moitos aspectos, “un disparate”. Esta formulación escenográfica dáballe pé para 11 cartas nas que reflexiona sobre os hábitos dos humanos e as supostas regras que os rexen

Exemplaridade

Calquera noticiario dos “últimos tempos” -cronoloxía que pode cinguirse exclusivamente ao acontecido desde o inicio deste mes de maio- contén amplo repertorio para proseguir o sarcástico modo de mirar do escritor americano. As escasas 100 páxinas do seu libriño poderían dar pé para unha enciclopedia das que nos anos setenta adoitaban poñerse nalgún aparador da sala de estar, en que poderían figurar as solemnes meteduras de pata e tropezos en pedras de diverso calibre, comparables ás de xeracións anteriores ás nosas, estas que -como di a propaganda de mercadiño- son as mellor preparadas. Ninguén lía aqueles libros por fascículos que adornaban moito e parecían dicir que acadaramos un gran nivel sociocultural; tampouco faría falta ler a nosa historia de desatinos de agora mesmo: hoxe, con “chíar” dámonos por decatados e parece sobrarnos toda información contrastada.

Dá igual a demasiados humanos; está na lei da natureza que o home cumpra co seu ser disparatadamente experimental, e xa calquera cousa é obxecto de gran litixio e, a cotío, de rifa intensa. O paso pola “nova realidade” post-Covid-19, de novo sospeitosamente imprecisa, agudiza as ansiedades acumuladas en ano e medio e levanta todo tipo de opinións e contraopinións. Entre tanta riqueza opinativa que nos está mostrando a liberdade de expresión, nos últimos días xa é especialmente abundante a que xera o posible indulto aos políticos cataláns do procés polos feitos de 2017. Co trasfondo de expectativas que suscita a independencia de Cataluña e, doutra parte, a necesidade dos votos cataláns para a gobernabilidade actual de España, é lóxica a discrepancia dos partidos da oposición, obrigados a buscar fendas no Goberno para controlalo e, se cadra, que entre en grave crise.

Broncomanía

O non razoable é o tipo de argumentos que uns e outros empregan, con esquecemento manifesto das contradicións que o suposto ben común, a sa convivencia e, se se apuran as cousas, o mal menor, deixaron nos centos de indultos que no pasado concederon coma se a todos  os guiaron sempre os sentimentos máis puramente patrióticos e, por suposto, sen mancha ningunha no seu currículum operacional. Desacougante parece, igualmente, o rebumbio que vellas glorias do principal partido gobernante están sementando entre os seus correlixionarios, por riba ou por baixo dos órganos democráticos da súa organización. Os motivos, sempre inconfesables, e as pullas que sementan desde as trincheiras mediáticas dos adversarios, conforman xa un florilexio fantástico, que non desmerece do que mostraba Twain. Á luz de canto se expresa estes últimos días, o “experimento Humano” deixa moito que desexar: os anceios que se traslocen en falantes máis ou menos resentidos non son de bo agoiro e non parece que a expresividade vaia a mellorar cando o día 13 de xuño se oian as mensaxes que se emitan desde a praza madrileña de Colón, lugar emblemático da suposta “unidade nacional” española.

Palabras e voces

Aos que se interesen por canto afecta á educación e ao que representa na convivencia democrática, esta paisaxe xestual faralles recordar moitos momentos de desencontros vendidos case sempre no pasado como “vitoria” excelsa. Entre os máis próximos, recordarán, tralas continuadas apelacións ao “Pacto educativo” tantas veces embarrancado, ao risoño Méndez de Vigo e a comisión parlamentaria que creou cal pasarela de inúmeras asociacións e grupos que querían dicir que non, que non, que non se movese nada. Os poucos que dixeron algo importante avergoñáronse de pasar por alí, pero non pode dicirse que aquel ministro non tentase sacar adiante o trágaa que supuxera a LOMCE en 2013, o encargo do omnisciente Wert antes de irse de vacacións ás ribeiras da OCDE en París.

Na carta nº 9, do libro de Twain, Noé aparece; navega na súa arca descontrolada e sen rumbo fixo, e o narrador queixándose de que a descendencia do patriarca ía ser tan “insufrible” como cantos foran sepultados baixo o diluvio, e Deus tería que abandonar o ceo, “descender para ser crucificado e salvar de novo á mesma fastidiosa especie humana”. A saber cantos da nosa época -case postpandémica como aquel parón da arca no monte Ararat-, só se sentiran salvados se levan a súa capacidade de emitir “palabras” a expresar ansiedade para que este asunto termine mal para todos entre disonantes “voces” berronas e sen diálogo posible. Soa feo, pero non sería a primeira vez que pasase na longa historia dos desencontros dos supostos descendentes de Noé neste país.



TEMAS.: Diálogo.- Controversia.- Indultos democráticos.- Constitución. Pacto político.


Manuel Menor Currás

Madrid, 29.05.2020.

No hay comentarios:

Publicar un comentario