A opinión dos docentes...non conta?

22 jun 2021

Os murmurios do verán poden ser lamentables

Trala Covid-19, poden crecer e ser máis persistentes, ata amargarnos bastantes relacións.

Rebáixase a tensión da Covid-19. Os datos estatísticos parecen deitar a balanza da tensión da pandemia; reláxanse as medidas de protección, e o día 26 éntrase oficialmente nunha nova normalidade, non exenta de precaucións de signo menor se se teñen en conta os picos aestatísticos que, polo menos en tres ocasións, deron pé ao máis denso desánimo. Que se estea chegando aos 15 millóns de persoas vacinadas, ten moito que ver e, ao tempo, que en xeral haxa unha resposta relativamente sensata da maioría cidadá. Por ese lado, o rumor dominante é o da renovación pacífica das ilusións estivais, a praia, o sol, o sendeirismo ou o que sexa, para recrear a sensación de normalidade non abafada e marcar unha volta decidida a como eran as cousas

Abellas e carricantas

Noutros planos, con todo, a paisaxe sonora hexemónica seguirá polarizada por tonadas que, contraditorias como na fábula da carricanta e a abella, poden ser molestas. É a época das carricantas ou cicadidae, de son incesante nesta etapa cálida do ano e, á noitiña, moi intenso; o propio nome destes insectos nunhas ou outras rexións tende a reproducir, como onomatopea, a calidade sonora que se entende que emiten. Por seguir o símil da cigarra -a abella traballadora non pega co que publicitan os paquetes turísticos-, poida que o deste verán propicie o crecemento da xa longa serie de tribos ou especies de carricantas, chiquilichis ou lucecús que roldarán os nosos oídos.


Vai ser moi ruidoso, por exemplo, o que dean de si os indultos aos políticos cataláns. Amentar este asunto na maioría de encontros a que podamos asistir, será motivo de disensos; a ampla banda sonora que xa xera en conversacións e intercambios de Redes sociais, abarca desde a bondade do perdón, o diálogo e a convivencia, ata as máis sesudas referencias constitucionais. Estas, á súa vez, se expanden noutra gama non menos complexa que xa transmite sonoridades de moitos decibelios; dun lado, as que apelan á esencia do ser nacional -co seu campo semántico inclinado á intransigencia- e, doutra parte, as que toman a CE78 como escudo para superar o transo ás xenerosas potestades que atribúe ao Goberno. Nesta danza de culturas tan opostas engadiranse, para acrecentar o ruído, historias do pasado/presente; todos foron pródigos en indultos e, ata, en imprecisas amnistías, mentres a memoria histórica seguiu sendo unha fonte de desacordos. A amnesia histórica como argumento ten moitas bazas neste desconcerto e, en especial, unhas cantas medidas do alcalde Almeida en Madrid inspiradas por Vox. E con tal premiosidade de ilícitos e reversións de penas, a suposta placidez do verán pode agrearse; por algo as vellas normas de urbanidade dicían que era de mala educación falar de política en reunións de carácter festivo e, sobre todo, en comidas con invitados.

O nivel da AVAU

No ámbito educativo, algúns outros sons poboarán a paisaxe estival de desasosego. Nos encontros entre profesores ou mestres, e ata en moitas conversacións de aparencia anodina, o circuíto escolar deste curso tan anómalo, e en particular as probas da AVAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade) cos seus baremos, farán recordar a algúns o PREU, e a bastantes máis o COU posterior a 1970. Entre os que máis ruído xerarán en tales situacións están os que non cesarán de repetir que a súa si que era unha selectividade fetén, cunha esixencia que non volveu a existir. Tanta melancolía provocará gran paixón noutra versión, que incidirá na dureza que haxa ter a selectividad da súa quinta e, sobre todo, a sufrida polos fillos ou fillas que acaben de pasar por este ritual de paso á maioría de idade.

Que sexa verdade en tales casos é aleatorio, como o era a feira para cada cal, cando existía no medio rural, e a uns lles había ir ben e a outros mal. Pero esta especie estival seguramente traerá a colación, nesta ocasión, que haxa un 96,41% de aprobados na AVAU, o que producirá o efecto daquelas votacións á búlgara, frecuentes nas Cortes franquistas e en parlamentos de igual corte. Tampouco faltarán os que, para afianzar a súa versión desta historia na mellor adaptación ao seu propios recordos, chamarán a atención sobre a decisión dalgunhas Comunidades (Valencia, Castela-A Mancha, A Rioxa, Estremadura, Baleares e Canarias) respecto dos que accederon este ano a esta proba arrastrando algún suspenso do Bacharelato; norma que soportaron no Real Decreto-lei 31/2020, de 29 de setembro, con medidas que permitían modificar as condicións de titulación do Bacharelao, requisito previo para a AVAU.

As dúas evidencias son as que máis rumores inquedantes traerán a moitas conversacións; con historias individuais detrás, e algún litixio persoal pendente, farán difícil un punto de encontro. Os que queiran atopar algún poden recordar que, cando en 1953 Joaquín Ruiz-Giménez reformou a lei que fixera Sainz Rodríguez en 1938, para convencer ás Cortes franquistas da necesidade de abrir aquel pechado plan de estudos, díxolles:”Abonda facer un lixeiro exame de conciencia para darse conta de se os alumnos de Ensino Medio saen sabendo grego…, ata que punto saben redactar, ata que punto son quen ante as leccións dun profesor de Universidade nos primeiros anos de facer unha sinopse, unha síntese, ou dar a axeitada redacción a calquera tema”.

Quen non queira caer na tentación de que este ruxeruxe o torre -verbo acorde coa acción sonora das cigarras-, tamén lle será de interese un libro de dous sociólogos, Baudelot e Establet, quen en 1990 ante a rumoroloxía interesada en que todo ía a peor, publicaron un exitoso estudo titulado: El nivel educativo sube (Madrid: Morata). A moitos non os liberou das súas conviccións prexuizadas, aínda que os datos documentais eran pertinentes; tampouco adoitan mencionar unha poxa xeracional tan antiga que, xa nas taboíñas cuneiformes de Mesopotamia, carga as tintas sobre as meteduras de pata dos que veñen detrás, unha tendencia tamén moi visible nun libro didáctico da Biblia, como o Eclesiástico, cando alecciona aos pais sobre como tratar aos fillos.


TEMAS: Indultos e amnistías.- Historia e Memoria.- AVAU.- Nivel educativo.- Covid-19 e paisaxe sonora.


Manuel Menor Currás

Madrid 21/06/2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario