A opinión dos docentes...non conta?

18 feb 2022

Bloqueo á marxe dos problemas


As últimas eleccións en Castela-León amosan que os asuntos da política poden ter pouco que ver cos que aburan á educación

Nunha entrevista de 1994 para Cuadernos de Pedagogía, José Gimeno Sacristán propugnaba como fundamental “rescatar o valor cultural da Educación”, e non perder de vista o discurso ilustrado que fundamentou a escolarización universal. Pasaron case trinta anos, e segue sendo válido o que entón –ao pouco de publicada a LOXSE- dicía sobre da escola que se universalizaba en España como obrigatoria ata os 16 anos, pero que cumpría mal as funcións asignadas de igualación social, cultura básica para todos, preparación para un futuro externo a si mesma, desenvolvemento persoal e aprendizaxe da democracia. A súa eficacia era maior, con todo, en canto a unha socialización diferenciada, selectiva e xerarquizada, confirmando as distancias sociais preexistentes desde antes de que o alumnado chegase a selo, fomento da pasividade e outras rémoras. A esa deficiencia, engadíanse novas esixencias do exterior á escola: educación ecolóxica, para a paz, sexual, tecnolóxica -cando as TIC iniciaban a súa engalaxe-, a máis diso prevención de todo tipo de lacras sociais. Por entón, xa estaba de moda que non houbese comunicador nin político a quen non se lle ocorrese que é competencia da escola atender preventivamente todo tipo de problemas e laretar diso alegremente. Non reparan na gran contradición de que os medios e as condicións que xestionan para o ensino non medren nin melloren á medida das esixencias. Menos atenden a cambiar de modo significativo as prácticas ou hábitos que teñen consistencia na vida interna dos centros, deixando que se encoren vellos problemas inatendidos.

Leis mestras?

Acaban de se celebrar as eleccións de Castela e León e as mencións á educación foron practicamente inexistentes. O día trece puxo de manifesto, con todo, outro tipo de urxencias que, en boa medida acabarán atrasando, cando non taponando, solucións atinadas para necesidades endémicas se se quere que o sistema educativo cumpra as súas funcións democráticas. O que agora quedou pendente é si haberá un bloqueo absoluto a que poida formarse un Goberno estable. Todos xogan ao póker estes días e non se descarta que, de saír adiante una das posibles alianzas, haxa sensibles retrocesos en cuestións curriculares que afecten á igualdade de xénero, á memoria histórica e á sa convivencia cidadá. A comunidade castelá ha ter ata o presente, dentro do mellorable, unha aceptable traxectoria para a educación publica, ata na Castela “baleirada”, e corre o risco do retroceso.

 

Os problemas que se suscitan neste momento nesa Comunidade non lle son exclusivos. Na de Madrid, acaba de saír adiante unha Lei “Mestra” que pretende parar as leves modificacións que quere imprimir a LOMLOE aos excesos interpretativos do art. 27CE78 respecto da “liberdade de elección de centro”. Moi pronto saberemos se os que se encarguen das políticas educativas do día a día nesas Comunidades son quen de mellorar as desidias do longo pasado ou van reiterar, e ata empeorar, a vella normalidade, tan “normal” que parece que o seu deterioro crecente sexa “o natural”. Das dificultades da “cogobernanza” xa tivemos sobrada constancia nos meses de pandemia, e é raro que, nas sesións do Congreso de Deputados -especialmente os mércores-, non causen rubor as descalificacións, desplantes e palabras grosas que se oen. Non cesa esa dinámica da confrontación en que as políticas educativas son sempre un gran motivo de enfrontamento gratuíto, para tratar de resolver vellas disputas, e tampouco mellora a mala pedagoxía social que fan, indiferente a que a política educa á cidadanía, queiran ou non os políticos pendentes de gañarse o favor de posibles votantes.

Valores reais e aparencias


É moi pouco exemplar e moi desagradable que, unha vez máis, se repíta o discurso retórico de alabanzas aos mestres e profesores como centro imprescindible do sistema, mentres na vida real das súas aulas, no deseño da calidade do seu traballo e na valoración real da súa profesionalidade, se lles deixa á súa sorte. Dos moitas xeitos en que volverá repetirse o de sempre, é dicir, non facer nada, temos sobrados antecedentes; se os repiten, por moita “calidade” que digan vai ter o sistema en diante, seguiremos nunha neglixencia ineficiente, mírese por onde se mire.


Cando tanto se volve a falar de posibles acordos e se añoran pactos imaxinarios, máis parece querer aliviarse a responsabilidade de non facer nada que a de tratar de facer algo que mereza a pena na liña de eliminar desigualdades latentes. É obviar a necesidade dun acordo básico, pero tamén o é a consideración obxectiva de que non todo vale nin, ademais, merece a pena nunha sociedade civil plural, en que a cuestión non é tanto a pluralidade en si, senón o valor do público no conxunto dos intereses e perspectivas existentes no xogo social. En Educación, son moi encontrados e máis desde que as posicións conservadoras nunca deixaron de estar en combate contra canto poida alterarse. Desde 2003, incrementaron o seu posicionamiento supostamente irredutible dunha interpretación do art. 27 promovendo un tipo de cultura diferenciada, e impoñendo á escola uns contidos instrumentais acordes co seu esquema social, e aí seguen en plan crecentemente belixerante.


As perspectivas dun equidistante centrismo cultural poden facerlles a onda, con máis motivo que no que se xoga estes días en Castela-León, e indirectamente en toda España, cabe que se repitan, unha vez máis, os xogos florais daquela Comisión parlamentaria do ministro Méndez de Vigo en 2017, en que se calaba máis que o que se dicía e eran tantos os que voceaban, que apenas se oía nada que non favorecese a desidia reinante. Sería unha mágoa deixar pasar unha vez máis a ocasión de dar coherencia á intermediación da escola na elevación da cultura como algo valioso a compartir por todos; só así o valor do espazo e o tempo escolar de nenos/as e adolescentes merecerá a pena, e non será algo rutineiro, anodino e aburrido por norma. Entre os moitas xeitos de degradar a democracia educativa, a do finximento é moi eficaz: aparentar que os problemas existentes demandan un mesías redentor que se ocupará seriamente deles, conduce pronto ao fascismo.


TEMAS: Democracia educativa.- Desigualdades.- Confrontación política.- Leis mestras.- Pluralismo social.


MMC.- Madrid, 16.02.2022

No hay comentarios:

Publicar un comentario