A opinión dos docentes...non conta?

24 feb 2022

23F22: crise do PP?

 


O acontecido é grave para a evolución democrática de España

O que está sucedendo estes días no partido conservador de España pode ser unha pura ficción novelesca, unha secuencia máis da súa historia, ou unha mixtura de ambos mundos. Debe determinalo quen escriba o guión orixinal, pero mentres non se dilucida a enleada, será proveitoso non dalo por resolto. Que estivese atento a ver a súa evolución, inaudita ata parecer froito da nosa imaxinación, ben faría non dalo por resolto; non sabemos que parte de todo iso é verdade e, menos, que problemas reais causou. A suposta novela está sendo moi eficaz, ata en difuminar o seu verdadeiro argumento.


A serie


A primeira advertencia para decatarnos é tratar de ser conscientes de que somos espectadores de algo que era difícil de imaxinar. A segunda é tratar de adoptar a posición de observador axeitada partindo de que, ante transformistas e xentes de circo, han de adoptarse precaucións ante o que parece que vemos e non é exactamente o que sucede, non sexa que nos despistemos indebidamente.

Como nun conto, érase unha vez un partido político en que parecía, ao fin -logo dun longo serial de episodios turbios, en que ata a propia sé social era produto de trampas-, que se quería aclarar se un membro eminente de agora era ou non corrupto; é dicir, se proseguía a tradición das mordidas para xestionar recursos públicos. Sería exemplarizante para outros á vez que proveitoso para mandar máis, pero cos penitentes de teatreiros vitimismos nunca se sabe. A sorpresa forte estaba por chegar, porque despois de que os implicados se dixesen en público canto quixeron dicirse das mascarillas obxecto da lea, a comisión propiamente tal, e a coartada excepcional da urxencia, o argumento desta serie cambiou bruscamente. Como nunha traxedia de Shakespeare, A acusada converteuse en acusadora, mentres o acusador sufriu un revolcón a conta dos seus. Maltreito este da pelexa, protagonizóu unha despedida solemne ante a audiencia -entre a que se podían advertir traidores-, un último xesto que deixou a serie no seu máximo clímax. O que veña a continuación inicia unha curva de desinterese, aínda que a recado que os seus gromos darán para outra tempada espectacular, e recambio de actores e actrices.


Difuminación

Das moitas exéxese que admite a primeira tempada da serie que acabamos de ver, hai capítulos que non se deberían escapar da retina sen prestarlle especial atención, non tanto como goce, canto como aprendizaxe. De entrada, a constancia de que espectáculos como este son un descalabro para todos; logo de case corenta anos ansiando que houbese democracia, non parece que nos corenta e catro últimos aprendamos moito a practicala lealmente: non é ningunha alegría, pois, que, cada pouco, unha vez uns e outra vez outros -por referirnos aos dous principais partidos que han protagonizado a alternancia desde 1978- estean dando a nota do quítate ti que me poño eu; neste caso medre o malestar porque o protagonista que acaba de perder a partida foi o único que, na historia do seu grupo, non foi elixido a dedo para dirixilo. Nunha segunda observación, complementaria desta, é inquedante que sexan os varóns do partido -versión real da grafía “baróns”- os que decidan o destino do guión a seguir en diante: é raro que non se advirtan máis explícitas as “baronesas”, que habelas hainas e con peso acreditado nesta historia.


Pero entre tanta difuminación do realmente sucedido, o máis dramático é que entre as razóns que, nunha consideración democrática da vida política cabería considerar, de todas as de cariz relevante ningunha apareza como causante de este folión. Non xurdiu porque o defenestrado non sexa capaz de frear o bo funcionamento -polo menos nos prazos constitucionais establecidos- de institucións como o Consello Xeral do Poder Xudicial e ralentizar os doutros altos tribunais, ou o da alta dirección de RTVE. Ninguén lle pode botar en cara tampouco que non faga o posible, coas súas votacións e co seu verbo máis florido, por que o Goberno actual de España quedase como ilegal, non só ante o resto de españois, senón tamén ante os socios da UE, por razón da xestión dos recursos procedentes de Bruxelas. Poucos poderán argumentar que non estea brillante en satisfacer as aspiracións dos pais transmisores da antorcha desta formación política en canto a dar cancha ao seu lado máis dereitista, achegándose aos egresados ultras. E moi eficaz foi este modo de ocultar, coa súa autoinmolación, o problema inicial da crise: as supostas comisións que a lexislación da Comunidade de Madrid prohibe expresamente.


Mal agoiro


Quedámonos con todo, coa dúbida de se sabería desenvolver o lado auténticamente centrista que autodefine á súa formación. O seu programa preferiu non buscar un diálogo leal coa esquerda, poñer pegas a conquistas sociais en principio xa en marcha, non votar unha reforma laboral que só emendou levemente a do seu propio partido, non estar ao quite de problemas como o da vivenda, non facer propostas propias que desen algunha esperanza á xente necesitada, non tomar a todos por españois, palabra exclusiva para uns poucos. No canto de enquistarse nun legado que quedou como pelexa de egos persoais, gañase moito en liderado se advertise á súa competidora en cuestións como “a liberdade á madrileña”. Esa pelota deixouna no aire para que siga facendo o que lle veña en gana como, por exemplo, aumentar o orzamento para o ensino privado e profundar as limitacións do ensino público. Xusto nestes días de pelexa, acaba de arrebatarlle os poucos centros que tiña de Educación Infantil de 0 a 6 anos, que foron referencia de bo facer didáctico.


Todo conto ten a súa conclusión práctica. En este, é posible que do mago que poñan de recambio en Génova -ou onde toque- os galegos saiban moito, aínda que, como é sabido, por unha banda xá ve e por outro que quere que lle diga. Sexa quen sexa, se segue xogando a escamotearlle á cidadanía os seus dereitos, estará dando sinais de inutilidade para unha suposta vocación de servizo á “liberdade dos españois”; neste 23F todos son hoxe máis incrédulos e calquera día preferirán un salvador máis orixinal.


TEMAS: Partidos.- Política democrática.- Corrupción.- Transparencia.- Publico e privado.


Manuel Menor (Madrid, 23.02.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario